Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Mónica Leiro Búa Presidenta de Culturmar

«Temos que chegar aos novos e buscar unha remuda xeracional»

«As mariñas tradicionais son fundamentais para dar a coñecer o noso patrimonio marítimo»

Mónica Leiro Búa sobre unha das embarcacións tradicionais amarradas na praia do Cabodeiro.

Mónica Leiro Búa sobre unha das embarcacións tradicionais amarradas na praia do Cabodeiro. / Iñaki Abella

A Illa

Carrilexa de nacemento e arousá de adopción, Mónica Leiro é desde hai unha semana a primeira muller en presidir Culturmar, entidade que loita por manter viva a variada tipoloxía de embarcacións tradicionais de Galicia

Como dou o paso para coller as rendas de Culturmar?

Foi por consenso dos compoñentes da directiva. Facía un tempo que se quería renovar unha parte e un par de membros da mesma chamaron a Fasquía porque lles facía falta máis xente para formar un grupo de traballo. Foi aí onde acabamos entrando Santi Mougán e máis eu e na asemblea acordouse que asumise a presidencia.

Os seus primeiros Encontros serán en Ribadeo

Aínda ten que ser aprobada a candidatura polo Concello e pola Deputación de Lugo. Ese apoio é fundamental porque os Encontros aséntanse en dous piares básicos: a asociación que os solicita e as administracións. No primeiro dos casos, os membros de Talameira están moi ilusionados, algo que nos trasladou o seu presidente Pablo Fernández na asemblea, pero falta o piar económico que representan as administracións. A asociación vai falar co concello para que se escenifique ese compromiso por escrito a través dun acordo plenario. A partir daí, falarase coa Deputación de Lugo para ver como pode ser a súa colaboración. Eu confío nas administracións porque a nosa relación con elas sempre foi boa e este Encontro vai marcar un antes e un despois. Sabémolo porque ocorreu noutros lugares, onde naceron máis asociacións porque a xente engánchase ao patrimonio marítimo e, durante a súa celebración, atrae a unha morea de persoas.

Cal se marca como principal reto do seu mandato?

A nivel persoal, e penso que colectivo, está o de atraer sangue nova ao mundo da navegación tradicional. A meirande parte dos que estamos implicados nesta loita temos máis de 40 anos e hai que comezar a buscar remuda na xente nova, temos que involucrar á Xuventude.

E onde pode estar o atractivo das embarcacións tradicionais para os maís novos?

A navegación tradicional é algo precioso e temos barcos de sobra para navegas, ao que se suma todo o contido cultural que se engloba arredor destas embarcacións. Será algo a desenvolver, pero temos que centrarnos nas campañas de divulgación para atraer á xuventude. Somos conscientes de que é difícil porque resulta moi complicado loitar contra as estimulacións que ofrecen as novas tecnoloxías e as expectativas que ofrecen, pero temos que chegar a eles e conseguir que se enganchen porque, como en toda actividade, ter un relevo xeracional é fundamental para que non desapareza a actividade. Custou chegar ata aquí e non podemos deixar ir as cousas.

Mónica Leiro Búa

Mónica Leiro Búa / Iñaki Abella

Vostede é da Illa, onde levan anos agardando por unha Mariña Tradicional que sería fundamental para sa flota tradicional.

Levamos moitos anos agardando por ese servizo que consideramos básico. Empezouse a negociar con Portos, pero está moi complicado, ademáis de que hai moitos sitios que o necesitan, sobre todo nas rías de Pontevedra e Arousa, que é onde se concentran a maior parte dos barcos tradicionais de Galicia. Pensamos que en todos eses portos son necesarias as mariñas tradicionais e tentaremos conseguilas.

Que suporía, por exemplo para A Illa, contar con ela?

Ter un sitio onde atracar os barcos e telos nun entorno de seguridade, iso para empezar, pero tamén estamos a falar de xestión de amarres, eliminación de taxas e demais cuestións que son moi importante spara a flota tradicional. Outra das cuestións, que nos parece moi importante, e que estas mariñas serían un museo flotante no que se poderían amosar as embarcacións, explicándolle á xente cuestións como a fasquía, a morfoloxía, a utilidade ou as orixes de cada unha delas. Pensamos que sería un reclamo turístico moi importante e que, a nivel educativo, servirían para atraer a escolares a coñecer unha parte da súa cultura que corre risco de desaparecer

Ten a sensación de que a riqueza patrimonial marítima é máis recoñecida fóra de Galicia que no seu interior?

A nivel ciudadanía existe bastante descoñecemento da importancia da nosa frota tradicional, cando a nivel estatal ou incluso máis alá das fronteiras nacionais, Galicia é un referente en patrimonio marítimo, non só polos seus barcos, senón por toda a parte material e inmaterial que ten a cultura marítima. Nós temos case vinte tipoloxías de embarcacións, algo que non ocorre noutras xeografías e que se debe precisamente ás nosas costas. Cada unha destas tipoloxías foi pensada por algún motivo, fose porque utilizaba unha determinada arte de pesca, porque transportaba cargas no interior da ría ou porque andaba a unha especie determinada. Somos unha potencia rica en canto a diversidade de barcos e iso é algo fabuloso, non existe en toda a península unha comunidade que teña tal variedade de barcos, algo que é verdadeiramente marabilloso, pero tamén é moi custoso de manter.

Por certo, como chegou vostede ao mundo das embarcacións tradicionais?

Pois empecei na Escola de Navegación Tradicional da Illa hai máis de vinte anos, co que hoxe é o meu home, Santi Mougán. Comezamos a navegar por iso son consciente de que é moi interesante facer que a xente prove e se involucre, porque despois queda. Daquela había xente da Illa e de Cambados moi noviña que nos enganchamos porque se facían expedicións a moitos sitios navegando, expedicións que aínda se seguen a facer. Tamén estaban as regatas, as convivencias e iso acabou levando a que fundásemos Fasquía con outra xente ... e xa levamos 23 anos con ela. n

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents