Entrevista | Ernesto Vázquez-Rey Presidente da Asociación Amigos de Fefiñáns
«Só pedimos eventos menos lesivos en Fefiñáns e, de feito, propuxémoslle ao Capítulo que sacase o seu acto do Albariño á praza»
Dentro de pouco cumprirase un ano do mandato deste inquedo xurista e defensor do patrimonio dende a entidade cambadesa e outras galegas e que, como dato curioso, procede dunha rama ilexítima do señorío

Ernesto Vázquez-Rey na praza de Fefiñáns. / Iñaki Abella
Estamos ante unha etapa continuísta ou reformista?
A asociación foi unha idea rompedora e transformadora e vén desenvolvendo ideas moi boas, así que quero seguir o camiño de Maribel Iglesias -todo o que fai é fascinante- e introducir elementos novos.
Que pode adiantarnos?
Estamos cunha nova web para multiplicar o coñecemento sobre o conxunto incluso sen ter que vir. Tamén queremos seguir investigando e divulgando aspectos descoñecidos tanto da familia como do patrimonio que atesorou Fefiñáns. É fundamental para que a xente entenda a importancia do conxunto e así hai que falar del, non a igrexa, a praza e o pazo por separado.
Pero aínda queda algo por desvelar?
Por suposto. Por exemplo, falta un traballo moi ambicioso de indagación nos protocolos notariais no Arquivo Histórico Provincial que pode darnos unha nova perspectiva moi interesante e do cal iremos informando no nosolo boletín O Umia ou outras publicacións.
Tamén preside Amigos do Museo de Pontevedra e ten cargos e vínculos con outras entidades. De onde vén esta inquedanza?
Dende a universidade. O Dereito cultural está un pouco desleixado e hai un problema coa a rigurosidade na súa aplicación;pasámonos polo forro a lexislación autonómica e estatal. Interésame moito a xestión da cousa pública e é algo que a sociedade relegamos á clase política cando é importante que haxa unha cidadanía consciente, preocupada e interesada na protección e que as asociación se organicen porque isto enriquece moitísimo.
A súa vida cotiá transcorre en Pontevedra. Como chega a Amigos de Fefiñáns?
Veño moito a Cambados polo meu traballo como procurador e ademais, por parte do meu avó materno son descendente dunha rama ilexítima da última vizcondesa de Fefiñáns que tivo vinculación coa vila, Dolores Losada Miranda. A familia non tivo dereito a herdar o título nin o apelido, pero si recibiron uns foros dos que se lucraron. Sempre houbo relación, e boa, pero eu retomei esta vinculación. Así coñecín á asociación e fun colaborando ata que me convidaron a ter honra de presidila. A nosa descendencia non foi a única e quero indagar máis neste aspecto.
A última investigación da súa antecesora, coa hipótese de que a praza estaba toda pechada e tiña un paso superior, xerou polémica. Houbo algún avance ou proba?
Todo está moi ben documentado e foi innovador pola recreación que inclúe, feita a partir das escrituras que falan de que estaba pechada con lenzos de murallas e arcos. Tamén están os documentos existentes no Concello de cando o alcalde liberal, fillo do Marqués de Montesacro, mandou tirar os arcos argumentando que eran a visualización do poder absolutista do antigo señorío, ameazaban ruína e servían para propiciar delitos. Non somos capaces de precisar cantos, cremos que catro, pero puideron ser tres.
Outros historiadores sosteñen que na saída da avenida de Vilagarcía nunca houbo por un zócalo baixo o muro de peche do adro de San Benito, que sería unha entrada custodiada polos Balboas. De feito, o que está nas oliveiras atopouno Joaquín Gil Armada dentro da finca, durante unhas obras, e probablemente fose así, ou houbo un arco antes e despois fíxose isto. Ao non existir documentación…
Sobre a polémica polos usos da praza de Fefiñáns. Que se estaba facendo mal?
Non debemos ser taxativos de ben ou mal, hai unha escada de grises e o camiño que debemos seguir todos, asociación, propiedade, Xunta e Concello, é falar de usos debidos e indebidos, incluso máis permisivos ou dañinos. Os indebidos son eventos como os macroconcertos da Festa do Albariño e somos furibundamente opostos, pero non a feiras, encontro ou concertos como o da Banda de Castrelo. De feito, fixemos propostas sustitutivas como facer o nomeamento do Capítulo Serenísimo na praza e llo propuxemos á propia orde. É algo que lle gustaría á xente e agora hai que retirar unha invitación para entrar ao patio de armas.
Actividades menos lesivas que levan unha montaxe menor, non son agresivas co entorno e reúnen a moita menos xente porque tamén hai un problema de seguridade. Congregan a miles de persoas nunha praza pechada, cun control de aforo e deixando só unha saída que, en caso de haber unha emerxencia, suporía un problema. O temos comentado co Concello e a Garda Civil ten presentado algún informe na Xunta Local de Seguridade e o vixían si, pero o consinten.
E isto é extrapolable a outros bens. Canta xente sóbese á torre de San Sadurniño? Son actos que parecen insignificantes, pero se queremos que un monumento de séculos pasados se manteña orixinalmente nos nosos días hai que abandonar certas prácticas. E quizais, a instalación de urinarios e de postos de venda de alcol neste entorno tampouco é o máis axeitado. Trátase de protexer o exterior, pero tamén o interior porque hai patrimonio que sofre indirectamente.
Hai danos obxectivamente medibles?
O papel pintado francés dunha sala ten roturas por anos de vibracións da música e o paso de tráfico, a humidade atmosférica… E logo está a caída das pedras. Falamos de muros sen moteiro, así que o simple roce dun vehículo tradúcese en derrubes como cremos que pasou co da horta grande e co balcón, hai uns anos. E non vale dicir que a praza non é BIC, está na zona de amortecemento, cuxa función é reforzar a protección dun ben. Ademais, estamos falando dun conxunto patrimonial e a característica dun BIC tamén reside en como se visualiza e se lle metes grandes plataformas, escenarios, multitudes e lle plantamos detrás un edificio, un instituto e agora un cuartel, desvirtúase. O Concello o ten como un atractivo turístico e para mantelo ten que pensar en todo isto.
Entón non están moi de acordo co cuartel?
Invade claramente a declaración do BIC e a obra parécenos problemática, como xa trasladamos informalmente.
A Aldea de Nadal era algo menor e tampouco era do seu agrado.
Neste caso era polos materiais empregados. A area quedaba incrustada e parece unha tontería, pero é equiparable aos buratos precisos para ancorar a carpa do mercado das flores. Falamos de algo repetido e co tempo haberá que cambiar o pavimento que, vale, non é o orixinal, pero se temos que ir introducindo elementos novos, acabaremos desvirtuando o conxunto.
Cren que se malinterpretaron as súas intencións?
Si, pero non dende a mala fe. Hai unha idea preconcibida de que todo isto é cousa da familia que ten aí como un escaparate ao que lle dan moitísimo valor e, bueno, tamén habería que facer un pequeno exercizo de empatía porque a a ninguén lle gustaría que lle plantaran á Panorama diante da casa. É unha vivenda particular onde viven permanentemente, como mínimo, dúas persoas.
Precisamente houbo críticas á asociación porque non se censuraba o paso de tractores da vendima.
O pazo tamén ten unha actividade comercial e vitivinícola e non me constan problemas de incompatibilidade nin que se fixeran actividades lesivas e, en todo caso, non hai que esquecer que a familia tamén ten unha responsabilidade na conservación do ben, e grande. Non controlo diso, pero creo que non se podería comparar a cinco camións da Panorama, hai que ter medida.
Paréceme unha contraréplica de pouco peso e falo desta orquestra por poñerlle un nome á situación, porque, por exemplo, con Nicky Jam pechouse incluso a beirarrúa e os donos non podían entrar pola porta principal e tiveron que pechar as tendas e non se queixaron. E non quero polemizar, pero chámame a atención que o concelleiro Tino Cordal chegara a dicir que se primaban intereses privados.
A que aspira a asociación nun futuro?
É un proxecto vivo que ten un relevo, pero queremos atraer a máis xente nova e que estea concienciada, que coñeza ben o conxunto e que non o vexa simplemente como algo que está aí. Penso que falta algo disto na vila. Deste modo entenderase mellor a gravidade das acción desaxeitadas e defenderase mellor a súa protección.
Suscríbete para seguir leyendo
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Las familias se rebelan contra los profesores: llegan a Inspección por sanciones a los alumnos en Vigo
- O que nos deixou Samba, o noso veciño
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- El pesquero de Cangas "Eirado do Costal", primero de la flota gallega en incorporar el modelo de un bote salvavidas cerrado e insumergible para soportar las gélidas aguas de Terranova
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Clara, la abogada más joven de Ourense: «La vocación me viene desde pequeña; mi abuelo hablaba de Derecho en las comidas familiares»
- Muere el policía nacional Nazario Luis Rodríguez Costa, destinado en Salvaterra y antes en la comisaría de Vigo