Música | Dani Cornes Cantautor
Dani Cornes, cantautor do Grove: «A música non é o camiño máis doado, pero é onde me sinto capaz de expresarme»
O cantautor do Grove estrea o seu primeiro álbum de estudio, «Aquí sempre tes casa»

Dani Cornes, cantautor grovense. / Paula V. Guisande
Con 29 anos, Dani Cornes leva catro instalado en Barcelona, onde traballa como autónomo en retransmisións deportivas. Natural de O Grove e formado en Comunicación Audiovisual, o músico vén de publicar «Aquí sempre tes casa», o seu primeiro disco de estudio, un traballo atravesado polo desarraigo, a emigración, a identidade e a necesidade de facer pop intimista en galego.
—Que queda hoxe daquel Dani Cornes que empezou a facer música en O Grove?
—Queda moito. Empecei sendo moi novo e sigo tendo a mesma ilusión por crear e por expresarme a través da música. No meu caso non é o camiño máis doado nin o máis cómodo, pero é onde me sinto capaz de dicir as cousas como son. E tamén queda a primeira guitarra que pedín polos Reis no 2006. Aínda a teño (risas).
—Ata que punto O Grove segue presente na súa maneira de mirar, escribir e compoñer?
—Totalmente. Penso moito en O Grove, nas Rías Baixas e na Galicia costeira. Nos últimos temas que estou escribindo hai referencias á ría e a ese universo tan noso. É algo moi ligado á nosa zona. Iso si, non me gusta tanto nomear lugares concretos nas cancións, prefiro que esa presenza estea máis no fondo que na superficie.
—A distancia fíxolle mirar doutro xeito a Galicia?
—Si. Cando me atopo nunha situación incómoda, o primeiro que me sae é escribir. Chegar a un sitio novo, sen amizades, sen traballo estable, sen cartos, e ter que saír adiante, foi algo que me marcou nestes catro anos en Barcelona. Esa incomodidade, ese non estar de todo a gusto, inspírame. A distancia tamén che fai entender mellor o que botas en falta. Marchar tamén foi unha maneira de entender mellor de onde veño.
—Cando comezou, sentía que o seu camiño musical estaba aquí ou que para medrar tiña que marchar?
—A pandemia puxo todo patas arriba. Este disco remateino de escribir durante o confinamento, e foi daquela cando pensei que quería un traballo meu, un proxecto serio. Eu vivía en Cambados e coincidiu con que a miña parella viña facer o doutoramento a Barcelona. Quixen vir tamén. Catro anos despois, vexo que aquel cambio foi importante en moitos sentidos.
—Por que escolle escribir en galego? Dálle máis liberdade?
—Escribo en galego porque é a lingua na que me desenvolvo cada día. Aquí adáptome a outras situacións, claro, pero facer música nun idioma que non é o habitual para ti sería raro. En galego síntome moi cómodo escribindo e cantando. Paréceme o lugar máis honesto desde o que podo contar as cousas.
—As súas cancións teñen agora un ton máis íntimo e emocional. Responde a unha procura artística ou a un momento vital?
—Sáeme natural. É a forma que teño de compoñer. Vou apuntando frases, pensamentos, ideas soltas, e despois vou enchendo os ocos. Priorizo moito a letra, e logo a música acaba atopando o seu sitio. Hai xente que me di que neste disco hai pasaxes moi persoais, e é certo. Incluso aparecen cousas como a voz duns pais vendo emigrar unha filla. Son temas que apelan á experiencia galega emigrada, pero tamén a desamores, malentendidos e emocións moi humanas.
—Mirando aos seus comezos, en que diría que cambiou máis: na forma de compoñer ou na de contarse a si mesmo?
—O cambio máis grande foi deixar de facer un monólogo interno. Antes facíao todo só, no meu cuarto, e as cancións eran case intocables. Pero cando queres profesionalizarte tes que abrirte e dialogar con outra xente creativa. No estudio, por exemplo, con Crnds, falamos moito do que se podía cambiar. A produción fíxome entender mellor as dinámicas que necesita cada canción. Agora vexo que as pezas poden mutar e medrar.
—Que continuidade e que ruptura hai entre as primeiras cancións e Aquí sempre tes casa?
—Hai unha ruptura clara nos procesos. Neste disco hai temas moi distintos do que viña facendo. No primeiro, por exemplo, a guitarra aparece a metade e despois desaparece. Para min era case alieníxena non estar apoiado nela todo o tempo. Tamén meto acordeón e outros elementos que rompen co anterior. É o meu primeiro disco de estudio e faime moita ilusión pensalo así, porque antes era máis de maquetas. Estou moi orgulloso deste pequeno bebé. Foi un proceso longo, de buscar tempos, apoio, management… pero prefiro que vaia lento para poder valoralo mellor e ter a sensación de chegar a onde quería facelo.

O seu primeiro álbum de estudio está obtendo moi boas críticas. / Paula V. Guisande
—O disco titúlase «Aquí sempre tes casa». Como nace esa idea?
—É o tema máis directo do disco e gustábame a idea de que unha canción lle dese título ao álbum. A min interésame moito pensar os discos como unha historia coherente de principio a fin, como un concepto álbum e non unha simple sarta de singles. Este título parecíaume moi coherente co conxunto. As cancións están ordenadas para que dialoguen entre elas, como se compuxese unha película.
—Que lle permitiu contar neste traballo que antes non conseguira expresar con tanta claridade?
—Fíxome falta madurar. A música anterior vémola agora como máis naïf, máis inocente. Ao pasar certa idade, ou ao vivir determinadas cousas, empezas a tomarte todo máis en serio. Tes que emigrar, poñer os pés no chan e empezar a andar un camiño de verdade. Este disco nace tamén dese proceso.
—En temas como «Non vos tedes que alarmar» ou «Arredor de ti» hai unha proximidade moi forte. Interésalle que as cancións funcionen como refuxio para quen as escoita?
—Non é algo que pense de maneira calculada. Eu escribo máis para a miña propia liberación que para provocar algo nos demais. O bonito é que despois a xente empatiza e conecta, ás veces con partes distintas da mesma canción. Hai quen atopa refuxio niso, e paréceme precioso, pero non é un punto de partida, senón unha consecuencia.
—Como está sendo a acollida do disco?
—Estou súper agradecido. Estame chegando moito cariño e moita xente que me di que lle gusta o traballo. Saíu o álbum o 27 de febreiro e non esperaba un feedback tan bo. Agora o reto é levalo ao escenario, porque todo o mundo me está animando a facer directos. Tamén notei un crecemento importante na audiencia, algo que me ilusiona moito. Estou cerca de 2.000 ointes mensuais. É como multiplicar a audiencia por catro e está tendo moito altavoz.
—E como convive a música co resto do seu traballo?
—Convive como pode, pero con ilusión. Traballei co Barça na música dun vídeo para redes, e este ano teño tamén un par de curtas e unha longametraxe que vou musicar. As curtas si que son galegas. Quen sabe se acabarei tamén máis diante da cámara. Gustoume moito esa experiencia cando gravei o videoclip de Aquí sempre tes casa.
—Que influencias recoñece no seu universo musical?
—Gústame moito Bon Iver e Ben Howard. A nivel lírico escoitei moito 45 cerebros y un corazón, de María Arnal, que me parece unha barbaridade pola profundidade e pola forma de narrar. Teño referencias da música anglosaxoa e da escena estatal, pero tamén escoito moitísima música galega.
—Segue pensando en tocar na casa?
—Si, no Grove estarei seguro este ano, aínda que aínda non podo anunciar datas. Gustaríame moito tocar na casa. É curioso, porque para a xente da miña idade O Grove é xa case máis familia ca amizades, pero segue sendo un lugar central para min.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- El Estado exige 6 meses de prácticas a los alumnos de la mercante pero solo les da 3: «Hay gente que ya lo da por imposible»
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- El nuevo «macroparque» infantil en Vigo da un paso clave para ser una realidad en 2027: elegida la empresa para ejecutar la obra