Congreso In.Xurga sobre dereitos de persoas con discapacidade e violencia de xénero | Silvia Pérez Freire Doctora en socioloxía e investigadora social en materia da violencia de xénero
«O discurso de odio ten o caldo de cultivo perfecto nas redes sociais»
Silvia Pérez Freire será unha das relatoras destacadas no Congreso In.Xurga sobre igualdade

Pérez Freire conta cunha gran traxectoria en materia de investigación de vilencia de xénero. / Iñaki Abella
Que significa para vostede participar no IX Congreso Internacional In.Xurga que se vai celebrar entre o mércores e o venres en Vilagarcía?
Para min é unha honra. Participar nun espazo como este, que pon o foco na diversidade e nos dereitos, paréceme unha iniciativa non só necesaria, senón imprescindible no contexto actual.
O lema «Defender a diversidade sen fronteiras»: que fronteiras son hoxe as máis difíciles de derrubar para as persoas con discapacidade ou dependencia?
Esa é unha pregunta clave. Hai moitas frontes aínda abertas pero, se tivese que sinalar a principal, sen dúbida é a fronteira do recoñecemento social. Falamos dunha fronteira simbólica, pero con efectos moi reais. Mentres as persoas con discapacidade ou dependencia non sexan percibidas plenamente como suxeitos de dereitos en pé de igualdade, o resto das barreiras —as arquitectónicas, as laborais, as burocráticas— serán moito máis difíciles de derrubar. O cambio cultural é a base de todos os demais cambios.
Como se están manifestando actualmente os discursos de odio cara á discapacidade e que consecuencias teñen na vida cotiá?
A principal característica do discurso de odio é que busca ferir, degradar e, finalmente, expulsar. Hoxe, as redes sociais son o seu caldo de cultivo perfecto. Asistimos a unha escalada que parece imparable, na que os límites éticos se rebasan constantemente, con burlas, menosprezos e mesmo coa propia negación. Isto non queda nun plano virtual.
É tremendamente daniño porque crea un clima de hostilidade que lexitima a exclusión e, como sabemos, a violencia verbal é a antesala da violencia física. Lémbranos onde debemos situarnos: sempre do lado da dignidade, para non entrar nesa espiral de deshumanización.
A discapacidade é un factor de risco engadido, igual que o pode ser a situación administrativa irregular, a dependencia económica ou ter unha adicción
Que papel real pode xogar a educación para frear ese odio e construír inclusión?
A educación é a pedra angular, si, pero non pode facer o traballo soa. Non abonda con educar en valores de inclusión se as políticas públicas non a acompañan con recursos. Explico: un centro educativo ou unha empresa pode ter a mellor vontade do mundo, pero se non dispón dos medios económicos e humanos para adaptar os espazos, para ofrecer apoios individuais, para compensar as desigualdades de partida, a inclusión queda nunha declaración de intencións. Crer na inclusión é necesario, pero facela posible é responsabilidade de todas e de todos, e iso require un investimento decidido.
No caso das mulleres con discapacidade, por que existe unha vulnerabilidade específica fronte á violencia de xénero?
Porque o noso sistema de protección e garantía de dereitos aínda ten moitas fendas. A discapacidade, por si mesma, non xera vulnerabilidade; o que a xera é unha contorna que non está deseñada para garantir a autonomía e a seguridade de todas as mulleres.
A discapacidade é un factor de risco engadido, igual que o pode ser a situación administrativa irregular, a dependencia económica ou ter unha adicción. Cando as institucións non están preparadas —con protocolos accesibles, con recursos específicos, con formación especializada— para atender estas realidades, están a fallar no seu deber. E ao fallar, perpetúan a desigualdade e deixan ás mulleres nunha situación de indefensión que é, en si mesma, unha forma de discriminación.

Silvia Pérez Freire. / Iñaki Abella
Que fallos detecta nos mecanismos de protección e no acceso a recursos cando hai dependencia ou discapacidade?
O fallo principal é de base: falla o acceso á información. Se unha persoa non pode coñecer os seus dereitos ou os recursos dispoñibles porque a información non está en formatos accesibles, xa estamos a poñer unha barreira insalvable. Cando a accesibilidade existe, é case sempre de forma parcial ou puntual. Sen esa base, sen poder saber a que se ten dereito, é imposible que os mecanismos de protección funcionen.
Vostede defendeu que a trata sexual funciona como «mecanismo de ocultación» da prostitución. Pode explicalo?
Sosteño que a trata sexual é o chibo expiatorio para non afrontar socialmente a prostitución como violencia de xénero. Permítenos indignarnos coa violencia máis extrema, que sen dúbida é terrible, pero esquecendo a pregunta incómoda: explotación sexual de quen e para que? A trata alimenta a prostitución, e a prostitución é a súa razón de ser.
A prioridade é situar a loita contra a explotación sexual no centro da axenda de dereitos
É un mecanismo moi similar ao que vivimos hai anos coa violencia no ámbito da parella. Durante moito tempo considerouse un problema “doméstico”, do ámbito privado.
Non foi ata que o entendemos como unha cuestión política e estrutural, que nos interpela como sociedade, cando empezamos a abordalo en serio. Coa prostitución temos que dar ese mesmo salto: superar o debate particular e entendela como unha institución que perpetúa a desigualdade e que nos implica a todas e a todos.
Cando di que a trata é «a punta do iceberg», que parte do fenómeno queda fóra do foco institucional e mediático?
Exactamente, a trata é a punta visible dun iceberg enorme. Baixo a auga queda a inmensa maioría da violencia que o sostén: a precariedade que empurra ás —principalmente— mulleres a situacións límite, as redes de proxenetismo que operan con impunidade, a demanda dos putañeiros, que é o motor de todo, pero tamén a normalización social do comercio sexual. Iso é o que queda fóra do foco, e é o que realmente mantén o sistema.
Que responsabilidade teñen as institucións e que responsabilidade ten a sociedade en manter ou tolerar o sistema prostitucional?
Toda. A responsabilidade é total e compartida. As institucións, coas súas leis e políticas, e a sociedade, coa súa pasividade ou coa súa demanda activa. Non podemos desentendernos. Manter ou tolerar este sistema non é unha postura neutral, é unha posición política con consecuencias graves para a igualdade.
Que políticas públicas considera prioritarias para garantir dereitos e unha resposta institucional máis eficaz?
A prioridade é situar a loita contra a explotación sexual no centro da axenda de dereitos. Isto pasa por desenvolver unha política pública que parta dunha base clara: o comercio sexual é unha forma de violencia de xénero e, na súa dimensión organizada, un crime de lesa humanidade.
Se tivese que deixar unha idea clave en In.Xurga, cal sería a mensaxe principal que lle gustaría que quedase en Vilagarcía?
Que a xustiza social é un todo indivisible. Non podemos construír unha sociedade verdadeiramente xusta e inclusiva se toleramos algún tipo de violencia de xénero e, entre elas, a prostitución.
Loitar polos dereitos das persoas con discapacidade, das mulleres, de todos os colectivos en situación de vulnerabilidade, é loitar contra un mesmo sistema que nos oprime. A inclusión real e a abolición da violencia son as dúas caras da mesma moeda: a da dignidade humana.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los futuros pisos públicos de 90 metros costarán en Vilagarcía entre 108.000 y 155.000 euros
- Los viticultores temen que recortar la producción de uva suponga su «ruina»
- El futuro del marisqueo, en manos de las empresas productoras de cría de bivalvos
- De O Grove a Laxe, el pesquero «Ariño» vuelve a coquetear con el hundimiento
- Dimisión en el PP de O Grove: Pablo Leiva, incapaz de resolver los problemas del partido, renuncia «a todo»
- Alegría guineana en Vilagarcía
- Rescatados dos marineros de O Grove cuando faenaban en Ons
- Alarma en Vilagarcía: la narcocasa de Os Duráns vuelve a arder