Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

De cando os peixes botan patas

Cando a pontevedresa Laura Sáez creou Patas de Peixe, a editoral non tiña casa fixa

Agora botou raíces no Grove, e acaba de sacar novo libro

Daniela Álvarez y Laura Sáez, na sede de Patas de Peixe.

Daniela Álvarez y Laura Sáez, na sede de Patas de Peixe. / FdV

O Grove

«Onde está a mamá», de Julia Donaldson e Axel Scheffler, é o novo título publicado por Patas de Peixe, un pequeno selo editorial con sede no Grove. Hoxe por hoxe, é a única editorial do Salnés. Pero nun principio, Patas de Peixe non tiña casa fixa, e viaxaba no ordenador da súa creadora, a pontevedresa Laura Saéz Fernández.

Tras estudar Tradución e Interpretación en Vigo, Laura Saéz traballou corrixindo galeradas para grandes editoras galegas, como Xerais ou Galaxia. Era unha época doce para a edición en galego. Había cartos públicos para cultura e publicábanse cada ano centos de novidades. Saéz lembra que había tal demanda de profesionais no sector, que a Universidade de Santiago chegou a organizar un máster en edición, que ela cursou.

De modo que, co paso do tempo, empezou a preguntarse se podería funcionar a súa propia editora. Da idea pasou á ilusión; da ilusión ao proxecto; e do proxecto á realidade, que cristalizaría en 2008 co nacemento de Patas de Peixe e cunha viaxe á feira do libro de Londres, onde mercaría os dereitos de publicación do seu primero volume, «Oincrible neno devorador de libros», de Oliver Jeffers.

A ese seguiríanlle moitos máis. «Foi un proceso de aprendizaxe constante no que cada dificultade nova era un reto que había que superar», lembra agora a editora. No camiño ata hoxe, 35 libros. Pero no todo ía ir rodado.

Establécese no Grove

A Laura Sáez gustáballe o seu traballo, ata o extremo de que nalgunha entrevista ten aludido ao carácter adictivo da profesión. Pero, nos anos escuros que seguiron á crise de 2008, vivir dunha pequena editorial era imposible. De modo que tiña que seguir traballando como tradutora. «Despois da pandemia chegou un momento no que tiña que decidir entre un camiño e outro», explica.

E no duelo mental, perdeu Patas de Peixe. «Decidín pechar a editorial porque non me podía dividir en dúas persoas», conta. Pero a historia tíñalle reservado un xiro de guion.

«Entón apareceu Daniela», explica Laura Sáez. Daniela Álvarez Arosa, grovense, tiña experiencia en comercio e xestión, precisamente as dúas tarefas nas que Sáez se vía máis afogada, e ofreceuse a traballar con ela. Aí renaceu Patas de Peixe, e agora si, no Grove. «Meus pais tiñan alí un piso, así que nos mudamos alí».

A Laura Sáez e Daniela Álvarez sumaríanse despois Diego Núñez e Marcelina Cagiao, responsables de deseño, maquetación e correción.

A natureza

Ao principio, Patas de Peixe non tiña unha liña editorial especialmente definida, máis alá dos gustos persoais de Laura Saéz. «Publicaba libros que a min me gustaría ler traducidos ao galego».

Co tempo, sen embargo, as augas foron ao rego e, pouco a pouco, foron aparecendo unha serie de parentescos en todas as obras: o respecto pola natureza, o pacifismo, o feminismo... «Eu creo que todos os nosos libros teñen en común ese respecto polos seres vivos», sinala a editora, e autora á súa vez dun dos álbumes do catálogo, «Monstr3s», asinado co seudónimo de Laura Parrula e con ilustracións de Óscar Vilán.

Portada do novo libro, "Onde está a mamá?".

Portada do novo libro, "Onde está a mamá?". / FdV

Á parte dos valores vinculados ao respecto pola natureza ou o feminismo, Patas de Peixe mantén unha postura arredada da tendencia actual de moitas editoras, que inundan o mercado con novidades constantes, tantas que moitos libros desaparecen dos expositores das librarías en poucas semanas e quedan confinados ás catacumbas dos almacéns ou de internet. «Nós sacamos unha, ou como moito dúas novidades ao ano», explica.

«O sector editorial está cambiando, e na nosa opinión non para ben», engade Sáez, afincada agora no Grove dende hai unha década.

«Non é realista que unha editorial saque quince novidades ao mes, porque non existe público para tantos libros.Os estudos indican que os lectores só len ao ano 1,5 libros en galego, de modo que é imposible que haxa lectores para tantos libros en galego. Nós non queremos subirnos a ese carro de publicar para destruir».

«Onde está a mamá?»

Julia Donaldson e Axel Scheffler xa estaban presentes en Patas de Peixe con «A cornecha e a xibardo», e agora regresan con «Onde está a mamá?», un álbum ilustrado dirixido a nenos e pais, «que explora, con sensibilidade e delicadeza, a incertidume e a curiosidade que xorden cando a figura de referencia desaparece da vista, aínda que só sexa por un instante».

«Só sacamos unha ou dúas novidades ao ano. Non queremos subirnos ao carro de publicar para destruir»

Laura Sáez

— Editora de Patas de Peixe

Julia Donaldson construe a partir de aí unha «historia entrañable na que un pequeno mono busca a súa nai coa axuda dunha bolboreta. Deste modo preséntanse, «situacións divertidas que conectan inmediatamente co alumnado e promoven a participación activa durante as lecturas en voz alta», explica a editorial.

Tamén destacan as ilustracións de Axel Scheffler, que crean «un mundo cálido e recoñecible, cheo de detalles que enriquecen a historia e ofrecen diferentes niveis de interpretación». «Expresivas e ricas en detalles», estas ilustracións «reforzan a comprensión do texto e converten a historia nunha ferramenta ideal para traballar o vocabulario e as descricións básicas, os animais e as características físicas, as estruturas repetitivas e as preguntas».

Traducido por Laura Sáez e Sandra Sánchez, o libro «aborda o apego, a autonomía e a seguridade emocional». Unha pequena xoia que xa se pode disfrutar na casa e nas aulas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents