Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

Vilagarcía acolle unha mostra sobre o traslado dos restos de Castelao

Trátase dunha exposición con fotografías, obra artística orixinal ou prensa da época

Redacción

Vilagarcía

«Castelao. O retorno a Galicia, 1984» é o título da mostra que se poderá visitar a partir do mediodía de hoxe venres, na sala Antón Rivas Briones, de Vilagarcía de Arousa. Trátase dunha exposición fotográfica que trata de ser unha crónica visual dos acontecementos históricos que se viviron o 28 de xullo dese ano en Santiago de Compostela, coa chegada a Galicia dos restos mortais do escritor, artista e político rianxeiro, que se exiliara en Arxentina ao inicio da Guerra Civil.

A mostra está composta polas 52 imaxes tomadas polo xornalista gráfico Xan Carballa para o semanario A Nosa Terra. Xosé Enrique Acuña, autor dunha fotobiografía de Castelao, é o comisario da mostra en cuxa organización colabora o Museo de Pontevedra, e que poderá visitarse en Vilagarcía ata o 29 de marzo.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao morreu en 1950 no exilio na Arxentina e os seus restos descansaron no cemiterio da Chacarita, en Bos Aires, ata anos despois do fin da ditadura en España. Non foi ata 1984, cando os seus restos mortais fotos trasladados a Galicia, algo que no seu momento non estivo exento de polémica.

As fotografías de Carballa ilustran os actos organizados en Compostela para celebrar o momento histórico, co que Galicia acolleu a volta de Castelao. O aeroporto de Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o interior do Panteón de Galegos Ilustres, onde finalmente foi soterrado, son os lugares nos que se articula esta crónica visual, que se complementa con obra artística orixinal, fotografías, ou prensa gráfica da época, procedentes de coleccións particulares ou do propio Museo de Pontevedra. Entre outras curiosidades, na mostra exhíbense o pasaporte diplomático de Castelao como ministro do goberno da República no exilio ou os raros álbums coas súas estampas de guerra editadas en Shanghai.

Tracking Pixel Contents