«Ogallá vexa o día en que non sexan as copas as que pagan a cultura musical»
A sala Krazzy Kray! está de aniversario; un proxecto do técnico de son e músico Gustavo Rey que tivo os seus inicios en Barrantes e que agora celebra sete anos de «feliz» traxectoria en Cambados, apostando pola cultura emerxente, sobre todo a galega, e que non dubida en alzar a voz e facer autocrítica sobre a situación duns espazos que noutros tempos era considerados templos do saber

O xerente da sala cambadesa Krazzy Kray! no local de Cambados. | Iñaki Abella
Gustavo Rey é ese rapaz que hai en todas as vilas ao que lle flipa a música dende que ten uso de razón. Pero non quedou nun ninguén. Hai sete anos que este mozo cambadés tivo a valentía de fiar a súa futura pensión a unha paixón e montou unha sala de concertos baixo un modelo singular.
A Krazzy Kray! foi pioneira no Salnés nun momento no que estes espazos xa non vivían a época dourada doutros tempos e aínda que hoxe tampouco son os mellores, o cambadés celebra un ano máis, «feliz» e cunha programación especial que hoxe pecha cun mercadiño, pinchadas e merendola popular, a partir das 19.00 horas en Parra número 9. Non faltará o seu segundo de abordo, Domin, que «é un máquina», e unha colleita de fieis que lle dan folgos para seguir pelexando pola posta en valor da escena emerxente.
Que ves cando miras atrás?
Os 19 meses de peche pola pandemia e, de feito, en realidade, cumprimos cinco anos e medio. Vexo unha evolución bastante grande e tamén na forma de levar o negocio, con máis tranquilidade e cabeza, pero sobre todo vexo unha caída preocupante na asistencia ás salas, en xeral. Son directivo da asociación galega e é algo compartido, sobre todo dende hai tres ou catro anos. Tamén hai menos interese pola música fóra da tempada estival, dos festivais e verbenas, e aquí gustaríame facer unha crítica política, se é posible.
Claro que podes criticar.
Isto é un pouco o resultado da política cultural da Xunta, que deriva todo o orzamento público a eses macroeventos que saturan as cidades e gastan o 95% en producións e artistas de fóra de Galicia e isto repercute negativamente na escena cultural galega. Ademais,son un campo de nabos, a presenza de mulleres é practicamente inexistente. Pero tampouco hai espazos para promocionar a cultura galega de base, para que proliferen as bandas emerxentes, nin se promocionan. As salas somos un pouco o termómetro da situación e hoxe, o público prefire gastar 300 euros nuns bonos no lugar de trece cada semana e baixar á sala do pobo a ver que atopa.
Entón a filosofía da Krazzy Kray! é dar refuxio a estas bandas, pero tamén contades con grupos estranxeiros.
Si, pero pode ser un concerto ao mes. Hai centos de bandas amateurs galegas que precisan dese público que vai ás salas sen coñecelas. A desculpa que me atopo moito é: Non vou pagar oito euros por escoitar a alguén que non coñezo e sobre todo non vexo unha renovación de públicos, xente máis nova ca min. Parece que o asistente ás salas morre na miña xeración -ten 35 anos-.
Quizais a xente esqueceu o que significa unha sala de concertos.
Igual temos a nosa parte de culpa, que non sabemos movernos ben para captar novos públicos e non estamos facendo nada para remediar isto. Formas temos, como un proxecto de achegamento a escolas e institu tos que tivo unha primeira edición e que deberiamos repetir e ampliar. É certo que vivimos un pouco desconectados da sociedade, estamos quedando nun sector moi de nicho, para o que lle gusta a música e vén, pero a xente nova non ten esa necesidade. Tamén lle meten polos ollos outras cousas que parecen máis guays.
Sempre houbo altibaixos. Pasamos case dun furor hai 20 anos e agora parece que hai un rexurdimento, mesmo na comarca. Este momento é o peor?
Non estamos no mesmo paradigma. Nos 90, e incluso nos 2000, enchíanse case de maneira accidental por un motivo de ocio. A música en directo estaba moi vinculada ao alcol e ao ocio nocturno.
Nós, niso o estamos facendo ben, temos o formato de concertos do domingo á tarde aos que poden vir familias con fillos, xente á que non lle gusta saír de noite... Hai que cambiar ese chip, desvincular o que realmente é isto, cultura, dese ocio nocturno, que ademais está en decadencia, o cal pode ser unha oportunidade para nós.
Como nace este proxecto. Houbo un clic?
No Encontro -o negocio anterior- tiña limitacións que non podía salvar, empezando polas espaciais (buf, agora penso que por ese escenario tan pequeno pasaron Ruxe Ruxe, Agoraphobia...). A través dun amigo souben que traspasaban o local do Castriño con moi boas condicións económicas, liceza... Era un lenzo en branco que arranxamos con poucos recursos e moita axuda de amigos e grazas a Mon, que nos pasou un montón de cartelería, fixémoslle unha homenaxe ao Rif Rock no teito. Foi un referente para min e isto era como continuar o seu legado.
Pódese vivir disto?
Basicamente vivo disto, pero da parte hostaleira. A cultural dá máis perdas que beneficios, pero equilibro as contas con traballos de técnico. Non sei ata cando terei ganas, pero estou feliz. É moi satisfactorio e ademais creouse unha comunidade de xente que vale máis que os cartos da caixa dun día.
Nestes tempos nos que reinan os artistas efémeros e xéneros como o trap, o reggaeton... Hai vida máis alá?
Moitísima! Galicia ten un valor cultural incalculabe e unha escena independente infinita, pero visibilízase unha parte moi pequena e unha sala non pode catapultar a carreira de ninguén. Por iso fan falta espazos, visibilización e os de arriba teñen que poñer en valor o que temos aquí, mira o caso de Vigo.
Eu, ogallá puidera programar todos os días. Chegan unha barbaridade de propostas e temos que pedir perdón de antemán porque non podemos atender todas. Tamén é certo que non funcionamos como unha sala estándar. Moitas pasaron a ser simples prestadoras de servizos, alúgaslla e ti encárgaste de todo. Nós funcionamos con caché ou a entrega da taquilla, depende, pero tamén pagamos dietas, aloxamento... Queremos ser un soporte para que non lles vaia no bolsillo, porque non nada hai peor que desplazarte e marchar con cinco euros para a casa.
Algún artista que pasara nestes anos e do que gardas especial recordo?
Pasaron tantos que reseteo moito. Por recente, recordo aos francses Mad Foxes, e como dato curioso a The Rapants, que tocaron ante 40 persoas e na seguinte vez encheron -merecen todo o que bo que lles pase-. Si estou moi frustrado porque gustaríame máis presenza feminina, pero cústame programar artistas emerxentes. En canto despuntan, resultan inaccesibles para unha sala como a nosa. Teño unha teoría enrevesada, pero creo que a Xunta intenta branquear a súa imaxe a través da cultura feminina e do colectivo LGTBIQ+. En canto alguén empeza a destacar mínimamente, fai unha promoción tremenda e ao final nós, por cachés, axenda... non podes acceder a elas.
Onde ves á Krazzy Kray! no futuro?
Espero que no mesmo sitio, coa comunidade que temos e máis público mozo; co reflote da escena cultural de base galega e ogallá que a vexa cunha liña cultural solvente, que non sexan as copas as que teñen que pagar os grupos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Comparece en el juzgado el médico denunciado por agresión sexual en Vilagarcía
- Hallan muerta a una persona sin hogar en Vilagarcía
- Un piso de segunda mano cuesta en Vilagarcía la mitad que en Sanxenxo
- El Estado tiene a Marcial Dorado de okupa y espera una sentencia firme para desalojarlo
- Pulpo, centollo y almeja, las especies más castigadas por la pesca ilegal en Galicia
- Gardacostas elimina otra ingente cantidad de redes y nasas ilegales
- El médico de Vilagarcía al que imputan una agresión sexual, a la espera de ser citado por el juzgado
- Detenido un médico de Vilagarcía por agresión sexual a una menor