Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Helena Domínguez Investigadora da toponimia

«A toponímia pérdese, agora somos moito máis imprecisos»

Editado pola asociación Dorna e financiado entre Deputación e Concello da Illa, mañá presentarase na Arousa un libro que profundiza nos nomes dos lugares do municipio. Ese traballo foi elaborado pola mestra Helena Domínguez e contou coa colaboración de moitos veciños, sobre todo, dos maiores

Helena Domínguez durante unha conferencia sobre onomástica.

Helena Domínguez durante unha conferencia sobre onomástica.

A. G.

A Illa

«Do Campelo a Carreirón: guía da toponímia da Illa de Arousa». Ese é o título do libro de Helena Domínguez que mañá, ás 19.00 horas se presentará ás 19.00 horas no Centro de Interpretación da Conserva, e que profundiza nos nomes dos lugares da Illa de Arousa, moitos dos cales xa case nin se usan polas novas xeracións.

—Como naceu este libro que sae agora do prelo?

Sempre estiven interesada na toponimia e as primeiras recolleitas deses nomes fíxenas nun blog na época dourada deles, alá polo 2005 e o 2006, pero deixárao aí aparcado. En época recente, xa sendo estudante de filoloxía e profesora de lingua galega, metinme de cheo nese mundo, e despois de facer varios traballos , decidín publicar todo o que tiña recollido para que a xente poida utilizalo e usalo con fins didácticos.

—Por que do Campelo ao Carreirón?

Son un punto máis septentrional (a punta do Campelo, e a máis meridional (Carreirón). Foi a forma de explicar que este traballo abarca toda a Arousa.

—Galicia ten máis do 40% de topónimos da península ibérica. Faise real esa afirmación na Arousa?

Pois si. Teño recollido máis de 600 nestes momentos e serán o 75% dos que existen máis o u menos. Para un territorio de tan só sete quilómetros cadrados, esta cantidade é unha densidade moi alta, pero é especialmente rica por todos os accidentes do mar. Dos 600, a metade aproximadamente son este tipo de accidentes xeográficos, desde zonas amplas ata cons minúsculos que están mergullados. Entendo que a densidade é máis alta que zonas do interior onde existen grandes montes, sitios sen cultivar que reducen o nome de topónimos. Na Illa dase unha circunstancia moi curiosa nos topónimos de terra e é que hai unha listaxe moi extensa de «Agro de».

—Sendo unha illa, entraba dentro da lóxica que a maioría dos topónimos estivesen vencellados co mar

É certo. Sen embargo, comecei estudando a realidade de terra, porque é o que estuda todo o mundo. Cando investigas, vas aos catastros como o da Ensenada do século XVIII ou a San Martiño Pinario polos contratos dos foros, ..., pero a realidade acabouse impondo e acabei desviada cara a toponimia do mar, descubrindo que era tanto ou máis rica que a de terra, e sobre todo, que necesitaba un esforzo maior, xa que só quedan fontes orais e están desaparecendo por causa de elementos como o GPS.

—Existe ese risco cos de terra?

Tamén. A relación da xente co territorio xa non é tan intensa. Antes, todo o mundo traballaba as terras e tíñaas perfectamente identificadas porque mantiña unha relación moi intensa co territorio. Agora iso é un mundo en extinción. Un exemplo clarificatorio é que as necesidade simpoñíqanse sempre e, agora, apenas sabemos da existencia de ríos na Arousa porque a auga chega ás nosas casas, pero antes había que buscala e, a toda aquela zona de auga que se atopaba, poñíaselle un nome para identificala. Agora as referencias son máis urbanas, sinalamos un lugar polo bar ou un edificio de referencia, somos moito máis imprecisos e pobres, porque xa non nos fixamos na paisaxe que nos rodea, se non que o convertimos todo en territorio urbano. Na vida cotiá manéxanse unha cantidade moi pequena de topónimos en relación ao que se podía manexar hai 50 anos.

—Sen apenas bibliografía, como sacou adiante este traballo?

A primeira axuda fundamental foi de Xoán Dopico, que é o arquiveiro e historiador local. El ofreceume unha listaxe que fixo unha traballadora do catastro no concello. Apuntaba os nomes das leiras cada vez que algún veciño viña a preguntarlle por elas. Esa lista, que foi o punto de partido, é agora moi pequena en comparación con todo o que levo recollido xa. A partires daí, comecei a documentarme, buscando nos catastros, despois nas cartas náuticas e, por último, cos mariñeiros e a xente maior. A verdade é que me axudou moitísima xente e non desaproveitei ningunha ocasión para preguntar por leiras, por un espazo determinado, por un luga. Aínda que o esforzo por encadrar todas as pezas é meu, a realidade é que o libro trátase dun traballo moi colectivo porque foron moitos os que non dubidaron en axudarme.

—E cal é a orixe deses topónimos?

Nesa parte adentreime de maneira moi superficial. É evidente que a maior parte teñen unha orixe latina pero tamén os hai que, con todas as cautelas porque non existen certezas bibliográficas, son prerromanos, como é o caso de Camaxe, Quilma, A Comboa ou o nome da nosa illa, a Arousa.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents