Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«A alfabetización mediática é clave, hai que ter criterio fronte á información»

A decana da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, a grovense Emma Torres-Romay, vén de recibir o Premio Meninas, concedido pola Delegación do Goberno en Galicia, polo seu compromiso na loita contra a violencia de xénero, o apoio ás vítimas e a promoción da igualdade. No seu oitavo ano á fronte da Facultade fai da igualdade eixo da súa traxectoria investigadora.

Torres-Romay está no seu terceiro mandato como decana. |  FdV

Torres-Romay está no seu terceiro mandato como decana. | FdV

O Grove

Integrante do grupo de investigación en Comunicación para o Servizo Público (Sepcom) e do grupo de innovación docente Digitales, Emma Torres-Romay (O Grove, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas) afonda na responsabilidade dos medios, na alfabetización mediática e no proxecto pioneiro de aprendizaxe-servizo que, xunto coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra, está levando ás campañas contra a violencia machista a concellos de toda a provincia.

Que significou para vostede, no persoal, recibir o premio Meninas polo seu compromiso coa igualdade e contra a violencia de xénero?

No plano persoal foi unha auténtica sorpresa. Como dixen na recollida do premio, é un recoñecemento a algo que fas desde a conciencia, porque consideras que é xusto e necesario traballar pola igualdade. Nunca pensei en recibir un premio por isto, porque forma parte do que entendo como unha responsabilidade cidadá e profesional.

E no profesional?

No eido profesional é moi importante para a Facultade de Comunicación. Levanse moitos anos facendo un traballo moi serio na loita pola igualdade e, por extensión, contra a violencia machista, con iniciativas de moitos tipos para contribuír á mellora social e ao empoderamento feminino. Que este labor se recoñeza cun Meninas é tamén un premio colectivo para a facultade e para o noso alumnado.

Cando e como toma conciencia de que a igualdade e a loita contra a violencia machista ían ser eixo da súa traxectoria?

Recoñezo que tiven moita sorte porque fun educada nunha familia na que a igualdade se vivía como algo lóxico, natural. Cando entrei na universidade, a maioría das miñas compañeiras eran mulleres, e iso parecía confirmar esa normalidade. Pero ao acceder ao mundo laboral comecei a ver con claridade os problemas: as diferenzas de trato, as dificultades para medrar profesionalmente, as expectativas distintas segundo foses home ou muller.

Percébese tamén no eido universitario?

Tamén fun vendo pequenas diferenzas: por que cando as mulleres somos nais a carreira investigadora e docente tende a frearse? Por que os nosos méritos non se recoñecen do mesmo xeito? A sinal de alarma definitiva chegou cun traballo sobre mulleres no sector audiovisual que fixemos co alumnado. Observamos que moitas mulleres se incorporaban ao sector, pero seguían sen chegar aos cargos de responsabilidade. O que máis me impactou foi escoitar ás alumnas: relataban problemas aos que non lles poñían nome, pero que o teñen, como o síndrome da impostora ou o teito de cristal. Ademais, non tiñan referentes femininos no seu ámbito. Aí pensamos que algo estabamos facendo mal, porque os problemas se reproducían xeración tras xeración. A facultade volcouse en apoiar proxectos que puidesen mellorar esa situación, facer ruído arredor da desigualdade e visibilizar máis ás mulleres profesionais. A violencia machista tamén se manifesta neses desequilibrios estruturais.

A súa investigación céntrase na igualdade e na presenza feminina no sector da comunicación. Cal diría que é principal déficit dos medios en materia de representación das mulleres?

Un dos grandes problemas é que hoxe temos unha multiplicidade enorme de canles e plataformas, o que fai moi difícil ter control sobre o discurso e as mensaxes que circulan. A falta de profesionalización en boa parte dese ecosistema informativo resta valor ao traballo ben feito e abre a porta a que se espallen discursos que non son correctos nin respectuosos coa igualdade.

Atisba solución?

A solución non é sinxela, pero pasa por varias vías: mecanismos de autorregulación, códigos e controis éticos reais nos medios e, sobre todo, moitísima educación mediática. Non pasa nada por estar rodeados de contidos problemáticos se o receptor está debidamente formado para discernir o correcto do incorrecto. Fálanos moito de alfabetización mediática: ensinar a identificar que está baseado en feitos e que non, que é real e que é ficción, a ter criterio fronte á información.

Falando de mensaxes nocivos agora está a amenaza da IA.

Hai que educar as xeracións actuais e as que están por chegar. E, coa irrupción da intelixencia artificial, isto é aínda máis urxente: necesitamos espectadores e lectoras moi críticas, que contrasten contidos e non dean por boa calquera cousa. Todo iso é educación, e temos que estar todos –institucións, medios, escolas, universidades– moi aliñados. É urxente un traballo sólido nesa fronte.

Incluso hai un estilo de música como o reguetón que triunfa e cuxas letras non son precisamente igualitarias. Velaquí unha disxuntiva complicada….

Eu sempre insisto en que non se trata de prohibir, senón de identificar. Pasa coa publicidade, pero tamén co cinema, coas series, coa música… Hai que ser capaces de sinalar o que non é correcto. O esencial é desenvolver esa capacidade crítica para que quen escoita ou ve un contido poida dicir: «isto non está ben, esta letra non é aceptable, esta mensaxe é machista».

Se puidese pedir tres compromisos en comunicación e publicidade para a erradicación da violencia de xénero, cales serían?

O primeiro sería un compromiso firme coa alfabetización mediática, orientado a formar consumidores de información críticos. O segundo compromiso tería que ver coa ética profesional: códigos claros, mecanismos de autorregulación que se apliquen de verdade e espazos nos que a perspectiva de xénero sexa unha esixencia, non un adorno. E o terceiro sería a recuperación da figura do xornalista como profesional imprescindible e básico para frear as mensaxes machistas e a desinformación que as alimenta. Non teño probas, pero tampouco dúbidas de que defender a figura do xornalista veraz é tamén defender a igualdade.

«A violencia machista non sabe de idade, clase ou procedencia»

Como xorde o proxecto premiado coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra e que o fai pioneiro?

Nace dende a área de VioGen, que buscaba accións de comunicación contra a violencia machista e propón traballar co noso alumnado. Co Máster en Dirección de Arte deseñamos campañas reais que logo adoptan concellos. O alumnado traballa con CIM, traballadoras sociais e psicólogas, e iso dálles unha visión moi concreta da violencia machista.

O curso pasado traballaron a dobre victimización das mulleres migrantes.

Foi emocionalmente moi duro, porque puxo o foco en mulleres que sofren violencia e múltiples barreiras polo seu contexto migratorio. Este ano estamos vendo máis casos en contornos rurais e de maior idade, ás veces sen identificar como violencia o que lles pasa. A mensaxe é clara: a violencia machista non entende de idade, clase social nin procedencia. Por iso o 25-N segue a ser imprescindible. Avanzamos en conciencia social, pero tamén medran discursos que negan a violencia machista ou cuestionan os avances en igualdade.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents