Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dacosta: «Castelao é cada vez máis descoñecido polas novas xeracións»

O BNG de Meaño celebra un tributo ao artista e político de Rianxo e lembra que foi censurado

Asistentes ao acto do BNG de Meaño.

Asistentes ao acto do BNG de Meaño. / FdV

T.Hermida

Meaño

Unha vintena de persoas dábanse cita na noite do venres no Pazo de Lis en Meaño, para render tributo á figura de Castelao. O acto, organizado polo BNG meañés, contaba co relatorio «Daniel Castelao, nacionalista galego», a cargo da viguesa Marta Dacosta, escritora e profesora licenciada en Filoloxía Galega, considerada unha das grandes divulgadoras da figura de Castelao, e que era presentada por Diego Rosal, responsable do BNG de Meaño.

Unha Marta Dacosta que reivindicaba a débeda que Galicia mantén co escritor rianxeiro, considerado un dos pais do nacionalismo galego. Unha figura que, lamentou, «é cada vez máis descoñecida polas novas xeracións». «Castelao foi unha persoa entregada á causa de Galiza, mesmo a súa faceta de pintor estaba encamiñada a crear unha conciencia nacional, así como a denunciar na súa colección de estampas o xenocidio sofrido en Galiza na Guerra Civil, sendo porcentualmente a nosa unha das comunidades con máis represaliados».

A divulgadora viguesa lembraba as verbas de Castelao desde o exilio en prol da causa: «Deixei a obra artística e literaria polo labor político en prol da terra». Esa militancia política costoulle, non só o exilio, senón o ser «censurado polo réxime mesmo cando o seu pasamento, aleccionando á prensa a dar a nova só en páxinas interiores, podendo falar do seu labor artístico, pero non do político, e sen referencia algunha ao seu libro ‘Sempre en Galiza’».

Marta Dacosta reivindicou que a obra do insigne escritor «debía estar toda ela dixitalizada no Museo de Pontevedra, sendo o acceso a ela de dominio público».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents