Entrevista | Iria García Patiño Psicóloga
«Se ves un caso de acoso escolar ou o sofres, fala cun adulto e insiste»
A psicóloga pontevedresa Iria García Patiño, que exerce no Centro Interdisciplinar Ana María Parada nas sedes de Vilagarcía e Cambados, afonda sobre a actualidade dunha temática tan preocupante como é o acoso escolar, precisamente no día internacional contra esta lacra social

Iria García Patiño na súa consulta de Cambados. / FdV
No Día Internacional contra o Acoso Escolar, Iria García Patiño afonda no relativo a unha problemática real e que pode ter consecuencias irreversibles.
—Que entendemos por acoso escolar?
Dentro da palabra acoso pode haber un ataque violento, unha agresión verbal ou física que pode ser puntual. Logo pode haber unha acción repetitiva, física ou non, e tamén se pode entender como acoso o illamento. Un grupo que illa a un compañeiro, que o ignora buscando humillar a ese rapaz. O que máis adoita ocorrer é o insulto repetido, as bromas pesadas… e moitas veces empeza cando hai alguén dentro do espectro do autismo ou con algún tipo de neurodiverxencia, que pode ser un branco máis fácil, aínda que tamén pode pasar con calquera neno. Empeza coa broma e seguimos ata que se vai das mans e acaba sendo acoso.
—Cal é a diferencia dun conflito entre alumnos?
Un conflito pode ser de ti a ti, en igualdade de condicións. Iso si pode ser un conflito. Pero un acoso é cando hai desigualdade. Igual que nunha situación de conflito de parella, hai unha persoa que está nunha posición desfavorable. No acoso escolar pode haber unha desvantaxe por carácter ou por número. No momento en que hai un abuso e a persoa non ten ferramentas para defenderse, xa non é un conflito: é acoso.
—Mudou o tipo de acoso escolar coa aparición das redes sociais?
O funcionamento é o mesmo, pero agora hai moitos máis instrumentos para acosar. O anonimato favorece o acoso. Pode pasar nun grupo de WhatsApp, en Instagram… hai moitas plataformas para exercer esa violencia. Hai máis espazos e pode ser continuo, sen necesidade de compartir o mesmo espazo físico. Pode ser un bombardeo constante, que chega a ser inaguantable. Antes a xente actuaba en grupo, agora nas redes sociais pode ser un grupo infinito. Incluso se crean unións para odiar, sobre todo desde a base do anonimato: unha masa de acoso que pode ser devastadora.
—Que sinais poden alertar o entorno do acosado da situación?
Os nenos, nas primeiras etapas, adoitan comentar algo. Hai verbalización, pero tamén hai casos nos que teñen medo a contar por medo a represalias. O primeiro síntoma é a somatización: problemas de sono, dores de cabeza, de estómago… Na adolescencia, aparecen problemas de ansiedade, autolesións e trastornos da alimentación. As autolesións están aparecendo cada vez antes, e iso é preocupante porque a adolescencia está adiantándose. As redes sociais tamén teñen un efecto contaxio: o ver certas cousas tamén se somatiza.
—Cales son os perfís máis habituais de acosador?
Moitas veces son nenos que sofren violencia na casa. É un círculo de violencia: se me gritan a min, eu grítolle aos meus fillos, e eles aos seus compañeiros. Son familias desestruturadas que normalizan a violencia. Hai que diferenciar o bruto do acosador: alguén que fai dano sen intención de facelo. A crítica, a falsedade, mentir, illar… é máis habitual nas nenas, mentres que nos rapaces o acoso adoita ser máis físico. Se eu vivo nun sistema onde o importante é a competitividade, pode que non sexa capaz de identificar que estou acosando porque penso que é o normal. Tamén está quen pensa que ser líder implica machacar aos demais, cunha autoestima esaxerada e discursos de odio. Outros non teñen violencia na casa, pero si no contexto escolar ou noutros escenarios: co irmán pequeno, no parque… e van reproducindo esa conduta.
—E o perfil do acosado?
O acosado pode ser calquera, pero se hai algo que o fai especial, pode converterse nunha diana máis clara. O chapón, o raro, o diferente… aqueles que teñen máis risco de exclusión social. Nos centros escolares, adoitan ser vítimas máis fáciles as persoas con algún tipo de neurodiverxencia: TDAH, alumnado de espectro autista… Son nenos que comprenden o mundo dun xeito distinto e, pola ignorancia ou falta de comprensión do seu entorno, reciben un trato inxusto.
—Que impacto ten o acoso na saúde mental dos menores?
As consecuencias son enormes. Hai nenos con síntomas de trastorno postraumático cada vez máis novos. O conflito pode comezar con 8 ou 9 anos e manterse no tempo. Cada caso é distinto e depende moito do apoio que teña no entorno. Pero ser atacado por un grupo de iguais é moi duro: sínteste humillado, indefenso, coma nada… Aparecen sentimentos de desesperanza, presión, ansiedade, e incluso autolesións ou ideación suicida. Cando chegan a ese punto é cando adoitan acudir a terapia e pedir axuda profesional. Os centros están bastante sensibilizados con este tema, pero ás veces chegan tarde. Hai nenos que nin sequera teñen conciencia de ser acosadores, e se se intervén a tempo, pódese corrixir esa conduta e axudarlles a identificar o dano que causan.
—As familias están preparadas para identificar e manexar estes casos?
Estamos lonxe diso. Houbo épocas nas que se facían programas de formación en valores, con actividades transversais, pero por desgraza foron desaparecendo. As familias precisan ferramentas para detectar e tamén para poder traballar a diversidade cos seus fillos. Hai centros moi implicados, pero tamén moi saturados. Faltan recursos. Hai protocolos, pero seguimos detectando moitos casos de acoso e, moitas veces, non se pode facer máis por falta de tempo ou persoal. Ademais, os protocolos precisan unha parte posterior: seguimento dos casos, traballo de prevención e de bos tratos, etc. A empatía, o apoio entre compañeiros e non calar son fundamentais. Hai quen cala e quen denuncia, pero tamén é importante diferenciar un conflito dun caso de acoso e actuar en consecuencia. Por exemplo, o descoñecemento á hora de tratar a un alumno cunha neurodiverxencia tamén pode causar illamento ou incomprensión no mesmo. É un problema multifactorial que require traballar con familias, nenos, colexio e profesorado. É necesario educar en valores de forma transversal e incluílos nas materias, pero coa formación suficiente para saber abordalos.
—Que mensaxe lle trasladaría aos adolescentes no Día Internacional contra o Acoso Escolar?
Sobre todo, que se observan algún caso, que falen cun adulto. As vítimas teñen medo moitas veces, e se calan, están consentindo sen querelo. Se ves un caso, se o sofres ou se o presencias, fala cun adulto e insiste. Somos os adultos os que temos que intervir, pero os menores tamén poden axudar a denunciar para poder axudar. Non pode caer a responsabilidade nin no acosado nin no acosador inconsciente. Hai que traballar tanto se observas como se o sofres para loitar con todas as armas posibles.
Suscríbete para seguir leyendo
- O Grove: un centollo por 500 euros y una centolla, 390
- Galicia se sacude el episodio tóxico enviando mejillón a Italia y Francia
- Chocan contra un viñedo y abandonan el coche en Cambados
- La colonia más grande de España de caballitos de mar en peligro vive en las Rías Baixas
- El precio del mejillón gallego en los puertos va a desplomarse durante los próximos días
- La Policía Nacional regresa a Vilanova para un nuevo registro y detiene a una persona más
- Agrede a un policía fuera de servicio en presencia de su mujer y sus hijas
- Una pareja de centollos de pasarela