Entrevista | Benito Leiro Conde Cronista Oficial de Vilanova de Arousa
«Vilanova foi o manancial do que bebeu a literatura de Valle e a prosa de Camba»
Naceu en Vilanova en 1957, e aínda que cursou Graduado Social en Santiago, un premio literario que convocou o Concello de Vilanova en 1984, no centenario de Julio Camba, abríulle as portas do xornalismo onde foi un referente e chegou a ser delegado de FARO en Arousa. Mañá, Benito Leiro, cronista oficial de Vilanova, presentará o seu último libro: «A Vilanova literaria de Don Pastor»

Benito Leiro Conde no casco histórico de Vilanova de Arousa. / Iñaki Abella
A. G.
A Igrexa da Pastoriza, en Vilanova de Arousa, acollerá mañá, a partires das 20.00 horas, a presentación do último traballo de Benito Leiro, «A Vilanova de Don Pastor», un libro que afonda na vida de Pastor Pombo Regás, un dos homes clave daquela Vilanova que, ademáis de mestre, foi moi importante no necemento do pósito e de diferentes colectivos sociais. O libro de Leiro pretende ser unha homenaxe a un persoeiro que permanecía esquecido de maneira inxusta na historia do municipio arousán.
—Quen era Pastor Pombo?
Pastor Pombo era un ilustre vilanovés de finais do século XIX e principios do XX. Foi un mestre moi influínte na sociedade vilanovesa e arousana, un home que, ademais desa faceta tamén participou na fundación do pósito de pescadores e foi nomeado mestre do mesmo. Desa actividade legounos 21 libros contables, con anotacións de todos os seus alumnos, pero tamén unha gran cantidade de datos con anotacións sobre os socios fundadores e os que se adheriron despois.A maiores, tamén era notario eclesiástico, recollendo todas as vodas e bautizos que se rexistraban e impulsou diferentes iniciativas sociais e industriais, como a creración dunha especie de seguridade social para os mariñeiros que cubría calquera problema que puidese sufrir un mariñeiro ou a súa familia. Tamén foi corresponsal do FARO DE VIGO entre 1891 e 1944, alternando co seu fillo, ata que presentou a demisión porque a súa idade non lle permitía continuar coa actividade. En definitiva, unha persoa que merece ser rescatada do esquecemento porque foi moi importante para Vilanova.
—Como chega Benito Leiro á figura de Pombo?
Cando estiven buscando información para facer a biografía de Julio Camba, na casa da familia Pombo, atopamos moita documentación, entre todos eses papeis foron aparecendo documentos da escola do pósito, do propio pósito, da notaría eclesiástica e moitas cuestións que tiñan relación con Pombo Regás. Todos eses datos non cabían na biografía de Camba, porque era algo colateral. Desa documentación xurdíu a idea de facer un perfil biográfico. Aínda que non temos moitos datos da súa vida, contamos con toda esa documentación que nos permite sacar do prelo este libro no que contei coa colaboración dun dos bisnetos de Pombo Regás, Guillermo Pombo, que veranea en Vilanova e pasouse varios veráns buscando nos arquivos da súa casa, chegando a atopar a libraría persoal dos Camba, que agora forma parte da súa casa museo.
—Cal foi o vínculo que tivo cos Camba?
Pastor Pombo foi moi amigo dos pais de Camba, unha amizade que se aprecia en que os pais do xornalistas eran os padriños do quinto fillo de Pombo. Ambas familias sempre estiveron moi relacionadas, ata o nivel de que Julio Camba, cando estaba en Vilanova, comía case sempre na casa dos Pombo e participaba nas tertulias que alí se organizaban e nas que había salazoneiros, conserveiros e mariñeiros. O vencello era tal que a familia Pombo foi a que gardou toda a herdanza de Camba e, sen a súa axuda, non sería posible acometer a biografía do xornalista.
—E con Valle?
Pastor Pombo naceu o mesmo ano que Valle e foi amigo seu da escola, unha amizade que se extendeu no tempo, xa que se conserva parte do intercambio postal que mantiveron. Por exemplo, hai unha carta de Valle a Pombo, nos anos 20, onde lle solicita que lle fixese un trámite no Concello para conseguir a cédula de liberdade de quintas. Fixo a xestión, pero parece ser que o Concello non podía dar esa cédula, que a tiña que recoller Valle ou un familiar directo ante a comisión de reclutamento. Nesa carta de resposta de Pombo, aproveita para expresarlle a súa admiración polos éxitos e o traballo que está facendo en Madrid.
—Que ten Vilanova para contar con tantos nomes da literatura?
É unha vila literaria que eclosionou precisamente na época de Pombo Regás. A principios do século XX triunfaban en Madrid Valle, que empezaba a publicar as súas grandes obras; Julio Camba, escribindo nas principais cabeceiras españolas; e Francisco Camba, publicando as súas novelas con moito éxito popular. Eran tres vilanoveses triunfando ao mesmo tempo en Madrid e iso xerou unha corrente de admiración e de orgullo enorme. Os tres fixéronse escritores en Vilanova, chegando a crear revistas onde fixeron os seus «pinitos» como poetas e escritores. Para eles, Vilanova foi o manancial onde beberon e sentiron, o que lles dou a imaxinación tan fértil que tiveron ao longo da súa vida. É máis, estou convencido de que, aínda que Valle sempre dicía que o esperpento naceu ao ver o efecto que facían os espellos cóncavos da calella do Gato de Madrid, o primeiro esperpento que veu foi o Momo, a «performance» que se facía durante o entroido en Vilanova, e que moitos dos seus libros teñen a base dos contos que lle contaba Micaela, unha criada dos seus avós. A creatividade de Valle alimentouse moito do ambiente cultural e social de Vilanova, con personaxes moi peculiares que puideron influir na imaxinación tan fértil de Don Ramón.
—Queda algo dese pouso literario en Vilanova?
Queda moitísimo. Os Amigos de Valle están facendo unha labor extraordinaria coa súa revista, a máis importante sobre o escritor e unha referencia en universidades de todo o mundo. Vilanova é tan literario que podemos traer escritores de prestixio non a falar da súa obra, se non a falar da vida e obra de escritores vilanoveses. Nós xeramos literatura, outros teñen que importala. É unha vila literaria que pode competir con Padrón, Rianxo ou Mondoñedo. Vilanova ten entidade para que haxa un conxunto histórico literario, é unha aspiración que o Concello vai tratar de sacar adiante.
Suscríbete para seguir leyendo
- Pide ayuda para encontrar un sobre con dinero que perdió en Cambados
- La pesca ilegal arrasa las rías
- El mejillón de Chile, Marruecos y Países Bajos preocupa en Galicia
- Otra víctima en las maltrechas zonas peatonales de Vilagarcía
- La Cofradía do Centolo Larpeiro cita a sus cofrades en la bodega Pazo Baión
- Mexillón de Galicia declara la guerra a los tarugos
- Los depuradores creen positivo que las cofradías reconozcan un «problema estructural» en el marisqueo
- Centollo y buey: dos especies migratorias que vuelven para desovar