Entrevista | Eugénio Outeiro Lojo Gañador do Premio Johan Carballeira de poesía
«O premio fai xustiza ás vítimas da represión na Illa»
Eugénio Outeiro Lojo converteuse a pasada fin de semana no gañador do premio Johan Carballeira co seu poemario «Réquiem» onde lembra aos veciños da Illa de Arousa que sufriron a represión franquista

Eugénio Outeiro Lojo, gañador do Premio Johan Carballeira de poesía. / Marisé Fernández
A. G.
Naceu na Illa de Arousa en 1976 e, aínda que reside en Lugo por mor do seu traballo, mestre de lingua portuguesa na Escola Oficial de Idiomas, sempre ten un oco para ese espazo e para a súa xente. Así o amosa no seu poemario, «Réquiem», co que acadou o primeiro premio de poesía no prestigioso Joahn Carballeira que entrega o Concello de Bueu.
—Como nace «Réquiem»?
Nace a partires do libro que escrebeu meu pai, Juan Luciano Otero, sobre uns feitos que ocorreron na Illa entre 1934 e 1936, «Papel de Estraza». Nel cóntase como se forxou o goberno revolucionario da Illa e a feroz represión que sufríu tralo golpe de Estado do xeneral Franco e a posterior Guerra Civil. O que tratei, a través dos 25 poemas que o conforman, foi facer unha especie de misa aos asasinados e adicarlle este traballo a todas as vítimas da barbarie fascista na miña terra. Desde o primeiro poema, o libro está estruturado como un acto relixioso, cunha parte de homilías para cada un dos asasinados. Falo específicamente das mortes, porque a grande maioría desas familias non tiveron opción de despedir cunha misa de corpo presente aos seus finados, pero na Arousa habería moito máis que contar.
—Conta que se baseou no libro de seu pai mas, como chega Eugénio Outeiro á historia da represión na Illa?
Desde moi novo tiven sempre fragmentos desa historia, pero non me permitían analizar claramente o que ocorrera naquel intre. Foi a raíz da publicación de «Papel de Estraza», escrito por meu pai e polo xornalista Fernando Salgado, cando fun consciente da magnitude do que sucedeu e tiven unha visión xeral do asunto que, a nivel vital, foi moi importante. O poemario xoga coa musicalidade e coa paisaxe e o mar da Arousa, especialmente co seu significado, unha vivencia e unha metáfora ao mesmo temp. De feito, no poemario é a propia paisaxe a que esperta a memoria, é un detonante ao pensar que nun lugar como este puideron pasar estas cousas. O mar, que forma parte desa paisaxe, tamén é unha metáfora moi recurrente en moitas tradicións, onde se lle relaciona coa morte. No budismo, cultura na que estou inmerso, o mar tamén é unha metáfora sobre o karma, sobre as forzas que moven o mundo na ley causa-consecuencia, e a paisaxe que se reflicte neste poemario garda esas forzas.

Eugénio Outeiro Lojo. / Marisé Fernández
—Que supón para vostede gañar un premio como o Johan Carballeira?
Un inmenso orgullo. É un premio con moita traxectoria e con moita tradición, un certame de prestixio. Recibilo penso que é un recoñecemento non tanto á miña persoa, senón ao tema que aborda, unha maneira de facer xustiza á memoria daquelas persoas asasinadas pola barbarie fascista. A maior emoción que sinto vén por saber que se lles fai este recoñecemento. Ademáis, o Johan Carballeira leva aparellada a publicación do poemario en formato libro, algo que é de agradecer
—Vostede conta cun amplo proceso creativo antes da chegada deste premio.
Levo moitos anos escribindo poesía, aínda que non sempre co premio da publicación. Tampouco é sempre o obxectivo á hora da creaciónCon . Conto cun blog onde vou colgando poemas soltos e que puxen en marcha precisamente para iso. Libros publicados teño «Ás vezes vida», editado polo Ateneo de Pontevedra en 2002 e Mordida, de Através editora en 2012.
—Supoño que «Réquiem» non vai a ser o seu último traballo
«Réquiem» xa foi escrito hai un par de anos pero non hai moitos premios para presentar un libro na normativa reintegracionista da nosa lingua. Agora teño outro poemario escrito que vou a presentar a algúns certames. Evidentemente, estou con outras cousas que non sei se as acabarei ou non porque non sempre se ten o tempo que un precisa. Un deses traballosé un discurso poético-filosófico sobre a masculinidade e a busca de sentido amplo. É unha colectánea de aforismos filosóficos sobre a miña experiencia como budista zen.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Investigan si fue atacada una joven de Vilagarcía herida grave con un cuchillo de cocina
- Una pareja crea el primer local de alquiler de trasteros de Vilagarcía
- Buscan a un joven desaparecido en Vilagarcía
- El mejor centollo de Galicia se va al restaurante preferido del rey emérito
- Centollo de O Grove: 4.239 kilos de calidad
- O Grove: 17 toneladas de centollo y 300.000 euros en cinco días
- El Concello de Vilagarcía cierra de manera cautelar un pub de la zona TIR