Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | José Manuel Domínguez Sánchez, Domin Pregoeiro da LXXIII Festa do Albariño de Cambados

«A xente de Cambados trata moi ben aos de fóra e iso axuda a volver»

Cambados inaugura mañá mércores a Festa do Albariño de maneira oficial, coa apertura das casetas da Calzada, onde non faltará o pregoeiro desta 73 edición. José Manuel Domínguez Sánchez, Domin, recibe este recoñecemento como unha «honra» e destaca que a xente é o mellor dunha celebración que coñece dende hai décadas, tamén como «chalequeiro» dunha das peñas máis míticas

José Manuel Domínguez, Domin, diante das casetas da Festa do Albariño que se inauguran mañá mércores.

José Manuel Domínguez, Domin, diante das casetas da Festa do Albariño que se inauguran mañá mércores. / Noé Parga

Cambados

O pregoeiro da LXXIII Festa do Albariño de Cambados só ten un ano menos que a propia celebración e leva tantas edición ao lombo que lle resulta difícil acordarse dos detalles da súa primeira vez, pero para el, o que nunca debe faltar xunto á copa de viño é a boa compañía dos amigos e familiares; dos cambadeses que tan ben o acolleron hai catro décadas, cando chegou destinado dende Xirona e, de feito, xa non volveu nin á súa terra natal, Palas de Rei. «Tratan moi ben á xente de fóra e iso axuda a volver», conta o propio José Manuel Domínguez Sánchez, que se sente como un máis.

O nome así, completo, pode confundir, pero se che din o alcume, «Domin», cambia o conto, porque así o coñece todo o mundo. Durante anos foi profesor de Educación Física no colexio San Tomé e xogou ao fútbol de maneira profesional en diferentes equipos de dentro e fóra da comarca do Salnés, pero sobre todo, encarna moi ben o espírito do que significa esta exaltación dun sector para os seus veciños.

Ademais, é un dos fundadores dunha das peñas máis míticas: a comparsa «Unha grande e chea», que se caracteriza por eses chalecos vermellos e polo seu bo humor nesta festa e noutros momentos da vida social cambadesa. O que dirá mañá mércores dende o balcón da Casa do Concello é un segredo, pero o pregoeiro promete brevidade para empezar canto antes co albariño nas casetas da Calzada.

—O Concello de Cambados escolleuno porque di que representa moi o ben o espírito da festa, pero cal diría que é?

Pasalo ben e non facer mal a ninguén, ese é o mellor espírito. Estar cos teus amigos, coa familia e gozar da celebración.

—Podería ser como outras festas. Por que é tan especial?

Para min, basicamente, baséase na xente, no espírito festivo que ten e no que xa me inclúo, porque levo en Cambados uns 46 anos e xa me deron o título de fillo adoptivo (ri). Sempre o digo, tratáronme moi ben, a min e tamén á miña familia. Eu son de Palas de Rei e a miña muller de Pontevedra e sempre estivemos encantados.

—Entón leva moitos anos asistindo. Recorda a primeira edición? Cando foi?

Non o sei exactamente. Cheguei destinado a Cambados dende Xirona cando tiña uns 25 anos, polo 1978, e non coñecía a festa. Recordo que as casetas eran dun aspecto máis antigo e que era como unha desas festas da aldea, pero nun pobo grande, digo polo sentimento de comunidade que había. Xa se xuntaba unha cantidade de xente impresionante e os cambadeses tratan moi ben á xente de fóra e iso axuda a volver. Aquí sempre atopei un ambiente moi bo, de apoio e de integración total, tamén no exercicio da miña profesión –levo uns 12 anos xubilados como profesor–. O caso é que quedei enganchado a Cambados.

—E cambiou moito? Na súa opinión, nestes anos mellorou ou empeorou?

A min gústame como está. Tampouco é que variara moito no esencial. É certo que se melloraron as actuación e as actividades que hai a maiores da feira da Calzada, pero o importante, que é ese espírito da xente que asiste e do que falabamos antes, mantense.

—É vostede un dos fundadores da mítica «Unha grande e chea». Como foi a súa historia?

Isto recórdame aos que xa non están (emociónase). Hai uns anos que morreron algúns como Pintado ou Quico (así coñecían a Xaquín Charlín, «Chon», neste grupo de amigos), que foi quen lle deu o nome á comparsa. Levabamos uns tres anos que non sabiamos como chamarnos ata que un día dixo: Nada, nin unha libre nin nada, unha grande chea . Que tío... Encantador, currante... Había que paralo moitas veces, pero era incrible. Cando morreu foi terrible. Tiña iso que ves na xente de Cambados, sempre dispostos a axudarche.

—No seu caso elixiron un chaleco no lugar dunha camiseta. Cal foi o motivo?

Pois non quero facerme o protagonista, pero penso que dos primeiros grupos que fixeron camiseta foron amigos meus de Palas. Inviteinos e viñeron como trinta e claro, entre tanta xente era difícil atoparse, era xente que non coñecía Cambados... Así que para os anos seguintes sempre faciamos unha para distinguirnos. O do chaleco era só para «Unha grande e chea» e antes que nós xa había unha peña de amiguetes que levaban esta prenda.

—E hai remuda xeracional?

Non. Os fillos crearon os seus propios grupos.

—Pode adiantarnos algo do pregón?

Vai ser algo sinxelo. Prometo un máximo de cinco minutos. A min gústanme os feitos, non as palabras que, moitas veces, ás leva o vento.

—Que significa para vostede exercer este papel?

Primeiro causoume sorpresa e o Concello dirá, pero supoño que pensaron en min porque me coñece moita xente, tamén do Entroido e tal. Supoño que por boa persoa non foi (ri). Bromas a parte, o agradezo moito porque é un honra, unha distinción importante.

—Como lle gustaría que fora o futuro da Festa do Albariño?

Gustaríame que seguira como ata o de agora, que traian actuacións e cousas vale, pero que se manteña o que funciona, que é a xente e a súa forma de ser e estar, que é o importante, que o pasen ben. En resumidas contas, que fagan unha festa canto máis pegada ao pobo, mellor, que non perda a autenticidade por trangalladas. Porque ao final, ese momentos cos amigos, tomando unhas copiñas e cantando... Son esos momentos que non esqueces na vida e que rememoras con cariño co paso dos anos. Tamén é certo que non me gusta a opulencia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents