Corenta anos da nai de todas as regatas da vela tradicional
Foi unha das sementes que evitou que a navegación tradicional pasase ao esquecemento e, o vindeiro 12 de xullo, festexará 40 anos nunha edición chea de sorpresas organizadas desde a Escola de Navegación Tradicional.

Saída da última Volta á Arousa que acabou gañando a «Nécora». / Noé Parga
A. G.
Era o ano 1985, o mesmo no que se inaugurou a ponte, cando os membros da asociación Dorna da Illa, fartos de ver como as dornas ían desaparecendo pola aparición do motor e das embarcacións de poliéster, decidiron dar un paso para preservar unha importante parte da súa cultura mariñeira, organizar unha proba de dornas. O obxectivo era emular a navegación dos seus antergos, cando trataban de ser o primeiro barco en chegar a terra coas capturas do día. Mal sabían eles que, corenta anos despois, a Volta á Arousa ía ser un dos grandes referentes da recuperación das embarcacións tradicionais galegas, unha cita que poucos se queren perder e que eleva ao máis alto a toda aquela dorna que consegue vencer.
Este 40 aniversario chega coa «Nécora» defendendo o título conseguido no 2024, o quinto , situándose a tan só un da «Pereka», que suma seis vitorias. Ambas son as grandes dominadoras dos últimos anos, con permiso de «Jalerna». As tres é máis que previsible que estean aparelladas na liña de saída xunto a outras trinta embarcacións que chegarán de todas as Rías Baixas. Este ano, todas elas vanse topar coa sorpresa de que a saída non será desde a praia da Canteira, senón que se trasladará ás inmediacións do peirao do Xufre para lembrar e homenaxear a aquelas primeiras competicións, que facían ese percorrido.
Fóra da preservación do patrimonio marítimo da Illa, a Volta á Arousa é unha competición dura, cargada de épica e que, en máis dunha ocasión, obrigou aos servizos de control a traballar arreo para solventar situacións comprometidas. Son máis de tres horas de navegación nas que hai que darlle a volta aos sete quilómetros cadrados de superficie que ten A Illa, onde poden cambiar os ventos, pasando de calma «podre» a fortes, hai que esquivar cons e bancos de area, ou evitar o paso de lanchas e motos acuáticas recreativas. Durante todos estes anos houbo de todo: rotura de paus, timóns avariados, dornas encima das pedras, varadas, quilla arriba ..., incluso houbo un ano, o 2009, no que houbo que suspendela por fortes ventos. Tamén se cambiou a data de celebración, pasándose de agosto ou setembro a outra o máis preto posible ao San Xoán porque a maioría das dornas participantes chegaron de noite á meta. A data actual elixiuse para cadrar o máis preto posible do Encontro de Embarcacións Tradicionais, que se celebra o seguinte fin de semana, para que poidan participar dornas doutras rías de camiño a Ribeira.
Conscientes da súa importancia e co obxectivo de seguir atraendo á xente, especialmente aos máis novos, ao mundo da vela tradicional, a Escola de Navegación Tradicional, en colaboración co Concello da Illa, ten preparadas unha serie de actividades para festexar este aniversario. Estas actividades comezarán o día 11, coa proxección de vídeos das primeiras probas, nos que se vía como a Volta á Arousa era todo un acontecemento que se seguía desde barcos e desde o peirao do Xufre por todos os veciños. Esa xornada tamén haberá unha foliada e outras actividades nas que están traballando os membros da Escola de Navegación Tradicional.
O día 12 de xullo, a xornada arrincará cunha regata a remos pola mañá, sendo a cita obrigada da xornada ás 16.00 horas desde o peirao do Xufre, desde onde sairán todas as dornas. Despois chegará o festexo dos gañadores antes de que, pola noite, se suban ao escenario «Loita Amada» e os «Dakidarría», ademáis dun DJ.
- Multa de 10.000 euros y 3 meses sin licencia para el furtivo de los 800 kilos de pulpo
- Detectan «barbaridades» en las embarcaciones de recreo
- Las ballenas del Mediterráneo veranean en las Rías Baixas
- Veteranos legionarios de Galicia se reencuentran con Vilanova como sede
- Vilagarcía y el arzobispo Andrade
- Rías Baixas espera una cosecha sana y que incluso podría ser mayor que la de 2024
- Un millón de euros por la vieja nave de Alimentos Arosa en Cambados
- Familia, solidaridad y glamur tras la marca La Toja