Tribuna libre

Unha lembranza lixeira de Laureano Gómez Paratcha

Paratcha (1º e.), con miña nai, unha das súas fillas e meu pai.

Paratcha (1º e.), con miña nai, unha das súas fillas e meu pai. / FdV

Ramón Trillo Torres

Vilagarcía

Coñecino sendo eu aínda un rapaciño.Unha das fillas de Laureano Gómez Paratcha casou cun curmán de Camilo José Cela e ista parella foi das máis amigas de meus páis, amizade moi cultivada no tempo cas dúas familias vivíramos en Madrid, preto do paseo de Rosales, onde xogábamos na rúa -ou ben na casa duns ou na dos outros-, os fillos que tíñamos a mesma idade. Pola nosa banda, eu e meu irmán maior. O avó viña ás veces a ver a seus netos e falaba tamén connosco.

Tiña sona de ter bó ollo clínico:lémbrome de el na nosa casa, dibuxando no meu peito, cun lapis dos de pintarse as mulleres, os perfís do meu corazón,n aquel tempo no que os médicos inda tocaban os corpos, pra ver, como eles dicían, «si o paxaro é meirande cá gaiola».

Gustaba da vida social

Tiña presencia e palabra. Onde el estaba, era o centro. Gustaba da vida social. A foto que acompaña ao artigo foi feita en Mallorca, no Porto de Pollensa,nos anos cincuenta. El, a filla, o xenro e o fillo da miña idade viran a estar uns días a coñecer aquelo, aproveitando a nosa estancia. Daquelas tamén pasaba alí o verán Camilo José Cela, que andaba a escribir La Catira, a novela sobor Venezuela que lle encargara o dictador Marcos Pérez Jiménez.

Entón escribía de noite, nunha casa de planta baixa preto da nosa. Aínda teño nas orellas o son da súa fermosa e retumbante voz de contrabaixo, ás tres ou ás catro da madrugada, ao tempo que petaba forte na fiestra do dormitorio de meus pais.

Paratcha camiñaba con forza, os pés abertos en ángulo obtuso, a boca cumprida, de onde salían as verbas precisas pra comunicar o seu pensamento cun tono grave, viril, que penso que sería bó para os mitins da súa época. O seu pensamento non era o de un doctrinario, senón máis ben o dun home de acción, interesado no servicio do ben da comunidade, a partir da súa condición de médico, vencellado á saúde particular de cada ún dos seús doentes, máis sen esquecer a mirada posta no ben común. 

Familia Calderón

Engadir, á súa sólida formación universitaria,o pano de cosmopolitismo que lle dira a volta a o mundo que fixo coa familia Calderón, en tempos en que tal viaxe iba mais alá dos oitenta días que novelou Julio Verne. 

O seu pensamento non era o de un doctrinario, senón máis ben o dun home de acción, interesado no servicio do ben da comunidade

Agora penso que ofrecía a figura de moitos dos republicáns do seu tempo. Dos que tiñan una visión positiva e ás veces un pouco ilusa do que se debía e se podía facer a o servicio dos principios de libertade e igualdade dos ciudadáns, sin deixar de axudar a os de abaixo e de poñer fin a o caciquismo. Teño a idea de que, de chegar máis lonxe nunha vida política que quebrou a Guerra Civil, Paratcha toparía o seu sitio no máis progresista da democracia cristiana ou, quizáis, no máis templado da socialdemocracia.

Sensible ó galeguismo

Moi sensible ao galeguismo –afilióuse ás Irmandades da Fala e foi membro da Organización Republicana Galega Autónoma de Casares Quiroga–, aínda que estivo pouco tempo en funcións executivas –un ano alcalde de Vilagarcía e un mes ministro de Industria e Comercio con Lerroux–, malia que a súa actividade política prolongóuse en anos. Chegou a representar parte do mellor republicanismo vilagarcián ao berro do pobo ¡Viva Paratcha! 

Pra min é unha boa nova que o Concello teña acordado poñer o seu nome a unha rúa. El endexamáis esqueceu Vilagarcía nin a súa convicción republicana. O de Vilagarcía era paixón. Eu escoiteille dicir que o seu verán tiña máis distinción que o de San Sebastián, onde estivera uns días de xornada con Alcalá Zamora.

De chegar máis lonxe nunha vida política que quebrou a Guerra Civil, Paratcha toparía o seu sitio no máis progresista da democracia cristiana ou, quizáis, no máis templado da socialdemocracia

O recordo algún verán en Vilagarcía, no último piso do edificio de pedra costeiro do Balneario de Compostela,que tiña unha grande galería mirando ao mar e onde veraneaba a súa filla casada co curmán de Cela.

Non lle escoitei xamais falar de política, máis souben polo seu xenro que, cando pasaba un tempo co eles en Barcelona,víase con Miguel Maura e outros políticos da súa época.

Non teño dúbida de que, de haber chegado, o seu apoio á transición e á amnistía que entón se acordou houbese sido sin condiciós. Era un home de ben e de paz, un humanista, e por iso creo que non vería con bos ollos algúns acordos de aplicación da Ley de Memoria Democrática que está a facer o Concello de Vilagarcía.

Neste mesmo diario xa pusen por escrito o que penso sobor as decisions que tocan a o excelente Alcalde que foi Jacobo Rey Daviña e por iso tamén teño gusto por deixar dito que só a loubanza sen restricións é o que merece –a meu ver–,bautizar unha rúa de Vilagarcía co nome de Laureano Gómez Paratcha.

Por certo, aproveito a oportunidade para dicir que vexo que é desexo do Concello que haxa nomes de mulleres no rueiro. Ben, si isto é así, ¿cómo non pensar na vilagarciana Xaquina Trillo,a nosa sinxela poeta rosaliana,que de tan bó xeito e agarimo soubo rimar o seu amor a Galiza, á sua natureza e á súas xentes?

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents