A lingua da Arousa cruza o Atlántico
O estadounidense Eliot Westdorp prepara a súa tese de doutoramento sobre a fala da Illa

Eliot Westdorp, diante do Rei do Mar. / Noé Parga
A. G.
Chegou desde máis alá do Atlántico para ser auxiliar de conversa de inglés no IES Miguel Ángel González Estévez de Carril, un traballo que lle permitiu descubrir a lingua galega, da que agora vai preparar a súa tese de doutoramento en estudos de Filoloxía na Universidade de Georgia, Estados Unidos. Eliot Westdorp quedou fascinado pola existencia do galego grazas a compañeiros do instituto e, a pesares de que Vilagarcía non é unha vila na que se empregue demasiado, pronto comezou a pedirlle a todos os que lle rodeaban que se expresasen nela cando falasen con el.
Foi nese momento cando escoitou que na Illa se falaba un galego un tanto especial, unha variedade dialectal coa súa propia idiosincrasia e cunha riqueza léxica moi importante e con variacións lingüísticas que podían servirlle como punto de partida para a súa tese. Westdorp non quixo máis saber e foise a vivir a A Illa onde acaba de comezar o seu estudo lingüístico recurrindo ás redes sociais para contactar cos falantes. Así, a través de mensaxes e dun QR ofrece participar nunha entrevista duns trinta minutos con falantes de galego da Arousa, trinta minutos para coñecer e analizar a variante dialectal tan característica e marcada que posúen os veciños da Illa. «Busco a xente de teña 18 anos ou máis para ver como a xente fala e investigar as súas variantes e todo o léxico que se agocha en diferentes situacións», explica. A biblioteca ou calquera lugar tranquilo, onde se poida conversar sen ruido de fondo, vai ser o seu centro de actividade ata os primeiros días de xullo, cando ten previsto rematar o traballo de campo, un traballo para o que tamén está comezando a buscar bibliografía que lle permita ir descubrindo todos os matices das palabras e construcións lingüísticas que se vaia atopando. De todas formas, a nima a calquera veciño da Illa a participar para facer unha análise moito máis completa dunha variedade dialectal do galego que «me ten fascinado por todas as variacións que estou descubrindo».
Da Illa non só o conquistou a fala das súas xentes e o particular galego que empregan. A paisaxe que a rodea ten cautivado a este estadounidense que descubriu case por casualidade un lugar do que desfruta, xa que pronto se veu a vivir para o pequeno municipio arousán. Foi a partires dese momento cando descubriu cousas como as bateas, o marisqueo, que «esmadrasar» é unha forma de chamarlle á choiva cando cae moi forte, que todos aqueles que naceron máis alá da ponte son «de fóra» ou «de leste», que un «Rei Pedro» pode ser a peor descalificación que che poden dicir, que cada pedra coa que se tope é un «con» e ten o seu propio nome que a identifica ou que «mesa» na Illa é con «e» aberta mentres no resto de Galicia se fai pechada.
- Los conciertos estrella de las fiestas de San Roque de Vilagarcía cuestan 114.900 euros
- El sonido del Costa Feira dificulta el descanso nocturno a los vecinos
- A Illa pide responsabilidad tras la larga estela de basura que dejó el Carnavrán
- La Policía Local de Vilagarcía denuncia a ocho conductores por diferentes infracciones
- Cambados decreta luto oficial tras la muerte del exalcalde Santiago Tirado
- Muere el exalcalde de Cambados Santiago Tirado a los 86 años
- Estos son los mejores lugares de O Salnés y Ullán para contemplar el eclipse solar total
- Un incendio deja un intoxicado y una habitación destrozada en Vilanova