Fefiñáns convértese en porto de mar
A Asociación A Torre, coa colaboración do Concello, reúne a una vintena de barcos tradicionais chegados de toda Galicia nunca exposición patrimonial

As embarcacións xa tomaron terra onte pola tarde no seu porto seco. | Iñaki Abella
A praza de Fefiñáns convértese esta fin de semana nun porto simbólico que acolle unha vintena de embarcacións tradicionais chegadas de distintos puntos do país. A mostra, organizada pola Concellería de Cultura de Cambados coa colaboración da asociación A Torre, forma parte da programación do Día das Letras Galegas e busca achegar á cidadanía a riqueza e diversidade do patrimonio marítimo galego.
Dende onte ata mañá domingo, veciñanza e visitantes poderán ver, tocar e aprender sobre unha ampla variedade de tipoloxías de embarcacións que navegaron durante séculos nas rías galegas. Todas estarán varadas na praza e acompañadas dun panel explicativo onde se detalla a súa orixe, uso e características. O domingo, como colofón, haberá unha actuación de música tradicional a cargo de pandeireteiras e cantareiras.
«É a primeira vez que organizamos esta exposición», explica Fernando Piñeiro, portavoz da asociación A Torre. «Temos dornas, bucetas, chalanas, cruxeiras, pericas… embarcacións que veñen dende Cangas, Combarro, Ribadeo, A Garda, O Grove ou Coruxo. Todas teñen a súa historia e todas merecen ser coñecidas».

As embarcacións gardan moita tradición nos seus detalles. / Iñaki Abella
Entre as embarcacións destacan pezas únicas como unha dorna de tope de Domingo Ayaso, un bote polbeiro de Bueu, un esquife que fora habitual entre a xuventude cambadesa, un loro con máis de 30 anos de historia ou un choupán da zona de Marín e Aguete. «Hai pezas feitas por mestres recoñecidos como Ramón Dios e outras recuperadas pola veciñanza, como a miña, que leva 50 anos aquí», engade Piñeiro.
Un dos obxectivos centrais da mostra é achegar as embarcacións á xente, ofrecendo unha experiencia diferente á que se ten no mar. «No mar unha embarcación non se palpa. En terra vese a obra viva e a obra morta, pódese cheirar a madeira e entender a súa dimensión real. É unha maneira de facer divulgación do noso patrimonio marítimo, e de transmitir o que somos. Ten que ser un orgullo que ten que lucir como debe».

A estampa da praza nestes días é para recordar. / Iñaki Abella
Tamén estarán presentes artes de pesca tradicionais de Cambados, completando un percorrido que mestura etnografía, enxeñería naval tradicional e cultura popular. A mostra é froito do traballo da asociación A Torre, que leva anos adicándose a buscar, restaurar e conservar barcos antigos, moitas veces sen apoio institucional suficiente. «Noutros países isto considérase patrimonio cultural. Aquí temos que loitar contra Portos para ter un espazo onde amosar o que temos. E é unha estupidez non poñer en valor esta riqueza».
A exposición non é só unha mostra estática: é unha chamada a sentir orgullo da identidade galega e da súa herdanza marítima. «Fomos nación convidada en Brest no 2008, temos un legado importante que cómpre seguir reivindicando», lembra Piñeiro. «Queremos encher Fefiñáns de barcos, pero tamén de conciencia. De orgullo de ser galegos». engade.
Esta fin de semana, Fefiñáns non será só praza: será porto, memoria e futuro dunha cultura que naceu ao pé do mar. Un espazo no que haberá tamén sitio para gamelas, chalanas e planeadoras e, sobre todo, moita pertenza.
Suscríbete para seguir leyendo
- Las estrecheces presupuestarias obligan a variar el tradicional recorrido de la procesión del Carme de A Illa
- Los nuevos viñedos de Rías Baixas brotan con fuerza
- Ya es oficial: el centollo se va de veda en toda Galicia
- El lunes habrá sardina fresca del «xeito» para San Juan
- El mejillón empieza a estar en carne
- El nuevo Eroski Center abre con 1.570 metros cuadrados y 57 profesionales
- O Grove lanza un SOS en defensa del chorlitejo
- Un robot para que los pimientos de Padrón se coman con turrón