Cambados festexa as letras con cantigas e música

Concello e libreiros homenaxean a título póstumo ao morracense Xosé Manuel Millán

Un momento da ofrenda floral de Cambados.

Un momento da ofrenda floral de Cambados. / Iñaki Abella

A.Martínez/ T.Hermida

Cambados

O Concello de Cambados e os centros educativos celebraron onte ao mediodía no Paseo da Calzada a tradicional ofrenda floral ao poeta Ramón Cabanillas, un dos actos centrais e máis emblemáticos das Letras Galegas nesta localidade. Os estudantes recitaron poemas, cantaron cantigas e amosaron os seus murais sobre a efeméride.

Pouco despois da ofrenda, o concelleiro de Cultura, Liso González e os libreiros de Cambados anunciaron que o premio Ramón Cabanillas deste ano recaerá a título póstumo en Xosé Manuel Millán Otero, investigador literario e profesor de Lingua e Literatura Galega que foi alcalde de Moaña polo BNG a principios de século.

Millán, natural de Bueu e finado en 2020, foi especialista na Xeración Nós, e máis en concreto investigou sobre a figura de escritores como Vicente Risco o Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Cambados festexa as letras con cantigas e música

Nenos con algúns dos carteis e murais expostos na Calzada. / Iñaki Abella

A programación cultural en Cambados continúa hoxe ao mediodía co tradicional concerto da Banda de Castrelo, no parque de Torrado. Mañá domingo, o grupo Avelaíña Teatro porá en escena no Auditorio da Xuventude a obra «A Lola», a partir das sete da tarde. Xa a semana que vén, o vernes 23, a biblioteca Luis Rei acollerá ás oito da tarde unha conversa entre Tobías Betanzos e a escritora Inma López Silva.

Mentres, noutras localidades tamén celebran hoxe as Letras Galegas con actividades diversas. En Meis, a finca de Parga será o escenario dun concerto de As Lembranzas, a partir das 20.30 horas.

E en Meaño, o centro social de Dena acolle ás 12.30 horas un festivo no que actuarán alumnos da Escola de Música Municipal de Meaño e dos grupos de baile e gaita da asociación cultural Penaguda. É un acto organizado polo Concello de Meaño e que completa o programa que incluía un concierto de música para público infantil.

Tracking Pixel Contents