Entradiñas de Aninovo chega aos municipios de Valga e Ribadumia

O programa provincial trae a estes dous concellos o espectáculo do Ballet de Galicia

A Deputación de Pontevedra pon fin esta fin de semana ao ciclo de concertos Entradiñas de Aninovo coas últimas actuacións nos municipios de Valga e Ribaudmia entre outros. Este programa, formado por 17 concertos, pasou por distintos espazos culturais e patrimoniais dos concellos da provincia ofrecendo un repertorio clásico, tradicional e popular para desfrutar do Nadal en familia.

Os concertos desta fin de semana serán ofrecidos polo Ballet de Galicia, que estará presente no Auditorio Municipal de Valga mañá, a partires das 19.00 horas, e o domingo, á mesma hora, no Auditorio de Ribadumia. Nos dous espazos, o Ballet de Galicia, baixo a dirección do mestre e coreógrafo Diego Landín, porá en escena a súa Gala de Danza, que combina pezas clásicas e contemporáneas interpretadas por un elenco dun alto nivel, facendo unha proposta que equilibra a tradición e a innovación.

O ciclo Entradiñas de Aninovo é unha actividade posta en marcha pola Deputación de Pontevedra por vez primeira este ano. Cun orzamento de 60.000 euros, sumouse este Nadal ás actividades programadas no castelo de Soutomaior (visitas teatralizadas, un videomapping e sesións de contacontos) e no Museo de Pontevedra (exposicións temáticas, obradoiros infantís a actuacións musicais).

Tracking Pixel Contents