O gran icosaedro de Kepler-Poinsot que fala en galego desde o IES de Meaño

O Gran Icosaedro de Kepler-Poinsot que, en alusión aos seus creadores, naceu xermano e adoptado logo francés, foi apadriñado agora na lingua galega para as novas xeracións polo alumnado do IES de Meaño. Un proxecto premiado pola Institución Galega de Ciencia nun concurso para escolares galegos.

Os alumnos de Meaño posan cos icosaedros que estudaron. |  Iñaki Abella

Os alumnos de Meaño posan cos icosaedros que estudaron. | Iñaki Abella

Tino Hermida

Que a ciencia pode espertar tamén en galego a curiosidade para enganchar ao alumnado no eido científico e lingüístico, é unha evidencia que o IES de Meaño demostrou esta semana. E é que este centro resultou premiado pola Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) por un proxecto presentado ao Concurso «Novos Poliedros 24». En concreto, construíron o Gran Icosaedro de Kepler-Poinsot, un dos catro poliedros que o matemático e físico francés do século XIX Louis Poinsot redescubriu do astrónomo e matemático xermano Johanes Kepler, considerado o pai destes sólidos e un dos grandes valedores da revolución científica do século XVII.

A profesora meañesa. |  I.Abella

A profesora meañesa. | I.Abella

Desde o Departamento de Debuxo do IES meañés apóstase desde fai uns anos pola participación nos proxectos e concursos que Igaciencia ofrece cada mes de novembro a colexios e institutos, con motivo do mes da ciencia en galego para os centros educativos e bibliotecas de toda Galicia. Unha iniciativa da Institución Galega de Ciencia que foi impulsada no seu día por Manuel Díaz Regueiro, profesor de Matemáticas e autor de libros desta disciplina, ademáis de ser un artista xenerativo especializado en creacións xeométricas. Neste proxecto participaron 29 alumnos de 4º da ESO da materia de Expresión Artística, baixo a coordinación de Aránzazu Diñeiro López, profesora de Plástica e Debuxo Técnico, que cada curso embarca ao alumnado neste tipo de iniciativas. Entre os centros participantes, resultaron premiados pola presentación de proxectos con poliedros os coruñeses, o IES Menéndez Pidal de A Coruña, el CPI Cabo da Area de Laxe, xunto co arousano IES de Meaño.

Os rapaces premiados.|  I.Abella

Os rapaces premiados.| I.Abella

Presentación

O pasado martes, o grupo viaxou a Santiago de Compostela para expoñer e defender seu proxecto nas dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Unha pequena delegación de seis alumnos arroupados polos seus compañeiros, e que foron os encargados de presentar e falar del: Aroa Gondar García, Iago Poceiro Rosales, Sara Fandiño Cobas, Iago Ferrín Sueiro, Ainoa Álvarez García e Soraya García Prado, que, xuntos, explicaron en galego, e sobre o escenario, todo o que aprenderon. O obxecto era fomentar a aprendizaxe e a divulgación da ciencia en lingua galega. Foron dez minutos, ante un auditorio expectante, onde explicaron como foi o proceso de construcción do Gran Icosaedro de Kepler-Poinsot, un poliedro realizado a partir dunha ducia de pirámides pentagrámicas cóncavas,conectadas entre sí, e que deixan un oco baleiro no interior.

A alumna Soraya García, que participaba na exposición, recoñecía que «expoñer en galego, para nós, que en Meaño somos a maioría galegofalantes, resultou máis doado e natural». «Todo saliu moi ben -engadía- prepararámolo moito na aula, se ben, no intre, ao facelo diante daquel auditorio sempre nos deu algo de nervios ao principio, pero logo todo foi normalizándose… A verdade é que resultou unha experiencia diferente moi enriquecedora para nós».

Utilidades

«Para isto -explica Aránzazu Diñeiro- primeiro comprendimos a relación áurea entre a diagonal dun pentágono regular e o seu lado». «Logo -continúa- debuxamos e construímos en cartulina dous pequenos dodecaedros estrelados de Kepler, unhas figuras máis sinxelas creadas cada unha con doce pirámides pentagrámicas convexas». «Despois -engade- fomos máis alá co reto do Gran Icosaedro, un poliedro máis complexo porque precisa pirámides cóncavas, con aristas dobradas en diferentes direccións». «Ao principio -recoñece a coordinadora-, o proceso de traballo foi individual para observar, investigar e aprender, e logo precisamos dunha segunda fase de traballo en equipo». Ao final, o alumnado decidiu bautizar as suas figuras con nomes galegos: «Afouteza», para a figura de cor dourada, «representando o valor e a coraxe para afrontar as dificultades»; e «Ourizo Cacho», en cor vermella, «en alusión a ese pequeno mamífero cheo de púas que debemos coidar e protexer».

Moitas disciplinas

Aránzazu Diñeiro apuntaba que «levounos oito sesións de clase, nas que traballamos moito a motricidade fina, a precisión milimétrica nas medicións, e o espíritu de equipo para alcanzar unha meta… Foi un traballo no que unhas veces avanzamos, outras fallamos, pero que aprendemos moito traballando sobre a marcha e que resultou moi gratificante».

A mestra apuntaba as múltiples conexións que existen entre o mundo dos poliedros e a xeometría coas matemáticas, a arte, o diseño e a ciencia: «estes coñecementos aplícanse na arquitectura, na enxeñería, deseño industrial... O obxectivo é que o alumnado de 4º de ESO se asome ao mundo dos poliedros e as súas múltiples aplicacións das que nos valemos na vida cotiá e na ciencia».

E é que a xeometría está detrás de todos os campos do deseño, do éxito das mallas espaciais planas, das cúpulas xeodésicas, as antiguas bóvedas de crucería renacentistas ou da firmeza e seguridade das pontes.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents