Seis petos resisten en Meaño nos que aún hoxe se recollen esmolas para interceder polas ánimas

Peto monumental de Vilariño, na parroquia meañesa de Simes. | T.H.
Tino Hermida
No mes de defuntos, que é novembro, debe rescatarse a tradición esquecida dos esmoleiros e petos de ánimas que salpican tamén os camiños de comarca do Salnés, representacións graníticas que aínda lembran o culto aos nosos ancestros, nun tempo de conexión co mundo do alén.
Pódese partir do rural meañés para logo ofrecerlle ao lector nos vindeiros días nunha segunda entrega un roteiro polos demáis petos da comarca. Un modo de descubrir a etnografía rural dun pobo de por si piadoso, no que a crenza espiritual se mesturou sempre de xeito doado coa superstición e a bruxería. Aquí, unha pisada esquecida da aldea, vestixios que aínda se manteñen en pe, pero que pasan alleos ante ollos inconscientes e descreídos dese pasado común.
Os esmoleiros
Os esmoleiros e petos de ánimas respostan a unha tradición anterga, de construcións erixidas ao pe dos camiños en lembranza das ánimas do purgatorio, crenza esta última aceptada a partir do século XIII como dogma pola Igrexa Católica e que, de xeito máis extenso, formulouse no Concilio de Trento (s. XVI). Responden a construcións, unhas veces exentas e outras adousadas á parte baixa dos cruceiros, a xeito de relevos en pedra enmarcados en capelas, amosando as ánimas ardendo e sufrindo no medio das lapas do purgatorio. A par, vense pregando a Cristo ou pedindo a intermediación de santos e apelando aos camiñantes que pasan para interceder por elas e poder acadar o ceo.

Peto du cruceiro da Sabiñela en Quintáns (Simes) / T.H.
Esa mediación podía facerse a xeito de pregaria, rezando diante do peto, ou cunha ofrenda material que se adoitaba facer depositando unhas moedas na hornacina aberta na parte baixa da construción, e pechada cunha tapa (que hoxe non se conserva). Outras veces facíanse con frores, ou con productos do campo, segundo a estación, e que adoitaban ser patacas, millo, castañas ou mesmo uvas. O donado polos devotos era recadado de cando en vez por un lugareño encargado do peto, e entregáballo en boa fe ao cura para sufragar -ou vender para contribuir a pagar- misas polas ánimas do purgatorio da parroquia.
Os escultores
A construción dos petos adoitaba estar promovida por veciños de certa opulencia, ou clans familiares que podían afrontar a súa financiación, a xeito de indulxencia persoal. Algúns, mesmo deixaron grabados os seus nomes para a posteridade. A parte creativa adoitaba corresponder a mestres canteiros, dotados da maña suficiente para construir e crear, nomes que apenas si deixaron refrexados -ou non lle permitía facelo o promotor. E un último aspecto no que facer fincapé: no pasado, moitos destos petos estiveron pintados en cores, pero só algúns conservan hoxe restos dunha da policromía pasada, ficando actualmente na cor da pedra granítica ao natural.
Peto de Vilariño
No concello de Meaño, a parroquia de Simes alberga catro dos seis petos da localidade. Un deles, o máis monumental do Salnés, e un dos máis grandes de provincia, é o de Vilariño. Está encravado na linde das parroquias de Simes e Meaño, ao pe do vial que discorre entre Vilariño (Simes) e o monte da Toxa (Meaño), e no punto en que este vial forma unha encrucillada con outro que baixa do monte do Catadoiro.

Peto da Viña da Santa en Vilariño (Simes). / T.H.
Trátase dun peto exento de 1,20 metros de alto por 52 centímetros de ancho. No centro, amosa a figura de Cristo morto, sen cruz, en posición vertical, os brazos e mans cruzadas sobre o ventre, semellando iacente. Un Cristo que aparece flanqueado por dúas figuras, unha delas a imaxe dun frade que se identifica con San Francisco de Asís ou San Antonio de Padua, os dous santos máis recurrentes na iconografía dos petos e cruceiros galegos. E debaixo, nos estremos dúas ánimas pregando, e unha terceira no centro que abre os seus brazos para aferrarse á peana de Cristo procurando auxilio.
Clementina Bouzada, aos seus 74 anos, lembra que «segundo contaban os meus pais, este peto adoitaba recadar bastantes cartos naqueles tempos, mais eu non lembro que deixaran nel outra cousa que pequenas moedas».
A súa construción descoñécese, se ben a veciña refire que «polo que contaba o meu avó, Vicente Fariña, polo que xa lle contara o seu propio pai, foi unha familia que voltara da Arxentina a que promovera a construcción do peto». Segundo lembra ela, completábase cun cruceiro ao seu carón, que non se conserva xa desde fai tempo.
Peto de Conde
E, sin saír de Vilariño, un segundo peto exento -este moi descoñecido- na parte baixa do lugar, ao carón do nº 8. A súa singularidade é que se trata dunha Piedade encastrada nun murete de pedra que separa a viña do camiño, e que ten na parte superior un oco que ben puido para encastre dunha antiga cruz ou hornacina de peto. A súa presenza fai que a familia propietaria da leira acabara referíndose a ela como «A viña da santa».

Santina do atrio da igrexa de Simes / T.H.
Manuel Agís, octoxenario e propietario da viña da fe: «Foi nos anos 70, -explica- cando apareceu esta santa, con motivo dos traballos dos veciños co concello, con Germán Rodiño como alcalde, para ampliar o camiño e convertilo nunha pista». «A peza -engade- apareceu cando estaba a retranquer ese muro, e demos con ela alí, oculta no vello».
Unha leira esta, que fora herdada no seno familiar, chegando por vía da súa muller Elvira Vidal, de mans do seu avó Marcial Tejo. «Daquela, canto a atopamos, os veciños decidiron poñela xusto alí, onde aparecera, encastrada no muro, e mirando cara o camiño… e aí permañece deste entonces».
Na Aldea de Abaixo
Un terceiro é último peto de ánimas exento atópase na parroquia meañesa de Cobas, ao pe da estrada EP-9302 que atravesa esta localidade, diante do nº 15 do lugar de Aldea de Abaixo. Dentro dunha ermitiña de pedra, pechada cunha canceliña de rexas, aséntase unha Piedade, coa Virxe e Cristo morto no seu colo. No marco da pedra reza a oración: «Ave María Purísima. Sin pecado concebida», así como a reseña do promotor: «Esta obra se hizo a devoción de José Miguel Conde García, en el año 1859». O peto é coñecido hoxe como o da «Virxe da Conda».
Os outros monumentos da localidade
O municipio meañés complétase con tres petos máis, estos adousados á parte inferior do varal de sendos cruceiros. Un deles en Dena, radicado no lugar de Morouzos, ao carón da estrada EP-9303 que sube cara a Meaño, xusto no cruce que da entrada ao lugar de Abuín. Nel, o pequeno retablo de pedra amosa a Cristo crucificado e, á dereita, unha ánima en xesto de oración, mentras a parte inferior desa figura pérdese entre as lapas. Outra das ánimas, xa moi desgastada, semella portar unha soga arredor da gorxa, que pode interpretarse como alusión de angustia desesperada.
Os outros dous petos devólvennos a Simes. Un, no cruceiro do lugar de Axís: Cristo crucificado e, abaixo tres cabezas de ánimas labradas entre as lapas do purgatorio, figuras frontais moi elementais na súa composición, se ben dotadas de certo volumen. No varal, enriba da capela do peto e a xeito de relevo, amósanse as figuras San Antonio de San Francisco, santo este último ao que se atribúe que, co cordón do seu hábito, axudábase para sacar ás ánimas de entre as lapas.
E o terceiro peto esmoleiro, tamén en Simes, este no cruceiro da Sabiñela, situado na parte baixa de Quintáns. Neste caso, ofrece un relevo moi erosionado ao estar nunha zona moi exposta ao vento, sen crucifixión e protagonizado por unha única figura de medio corpo, esculpida de xeito moi básico, para amosar un santo intercesor en actitude de oración polas ánimas. Abaixo, dúas cabezas que se corresponden con elas entre as lapas. Destacar que este cruceiro, nun enclave inquietante afastado do núcleo poboacional aínda se mantén hoxe como punto telúrico de rituais máxicos, non en van amence de cando vez con cirios e potes de barro relacionados con cultos do alén
.
Suscríbete para seguir leyendo
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa
- La policía vincula el «clan de los Charlines» con el «clan de los Balcanes» tras detener a 18 personas e intervenir 103 kilos de coca
- Gardacostas aprieta a los furtivos, que tienen las rías gallegas completamente sembradas de aparejo
- Detenido tras atentar contra un policía nacional jubilado cuando paseaba por Vilagarcía
- Miles de personas honran a San Benito y San Cristóbal en Cambados, Meaño y Meis
- La Virgen del Carmen recorrerá la ría de Arousa en media docena de procesiones marítimas
- Duras críticas a Ravella por el nuevo paso peatonal de A Mariña
- «La línea que seguimos es garantía para que vengan grandes bandas»