A Volta ao Mundo cumpre 40 anos

Máis de trinta dornas compiten mañá por facerse co trono da regata que marca a recuperación da navegación tradicional e que volverá a partir da praia do Bao

Varias embarcacións participantes nunha das últimas edicións da Volta á Arousa.

Varias embarcacións participantes nunha das últimas edicións da Volta á Arousa. / Noé Parga

A. G.

A principios dos anos 80, a chegada do motor e das primeiras embarcacións de poliéster comezou a abocar á navegación tradicional e ás dornas cara a súa lenta desaparición. Sen embargo, un grupo de persoas vencelladas á asociación cultural Dorna decidiron negarse a que iso ocorrese e unha das ideas que puxeron en práctica foi a de pór en marcha unha regata tan complicada como atractiva: darlle a volta completa á Illa de Arousa.

Desa decisión fai xa 40 anos, corenta anos que serviron para ir recuperando moitas desas embarcacións e sumando moita xente para unha causa que ten por principal obxectivo evitar a desaparición dunha forma de vida que marcou a historia da Illa e de toda a costa galega. A praia da Canteira, no Bao, acolle mañá, a partires das 16.00 horas, a partida das máis de trinta dornas que van a participar nesta edición. A partida dependerá das condicións meteorolóxicas reinantes, xa que sempre se sairá aproando cara o vento. En caso de que o vento reinante sexa o norte, a flota sairá camiño da punta do Furado, pasara polo Campelo, punta Cabalo, rodeará Carreirón, atravesará a ponte e enfilará cara a meta, tamén na praia da Canteira. Se sopra sur, será ao revés.

Héctor Suárez, director da Escola de Navegación Tradicional, recoñece que “para nós, esta é a nai de todas as regatas, tanto polo percorrido, moito máis longo que os tradicionais circuitos, como pola importancia que ten na recuperación da navegación tradicional”. Nunha Volta á Arousa pódense atopar todo tipo de situacións, desde calma podre ata ventos fortes que obrigan á frota a refuxiarse nas praias antes de envorcar, tendo como puntos máis complicados o Campelo ou a volta a Carreirón. Ao igual que na Copa Mörling, a defensora do título é a “Pereka”, que volverá a ter como grandes competidoras á “Jalerna” e á “Nécora”. A gran maioría das vencedoras nestes corenta anos foron dornas da Illa de Arousa.

Suscríbete para seguir leyendo