Falar (e rir) como galegas

Migallas Teatro protagoniza una exitosa comedia no centro social de Dena

Un momento do espectáculo.  | // TINO HERMIDA

Un momento do espectáculo. | // TINO HERMIDA / Tino Hermida

Tino Hermida

O “Falemos como galegas” da compañía Migallas Teatro fixo gozar en Dena ao centenar de persoas reunidas no centro social na tarde de domingo. Durante unha hora, e por medio dunha sucesión de escenas cómicas cosidas ao redor da lingua galega, os artistas María Campos e Carlos Yus deron vida a nove personaxes, a través dos que abordaron situacións como a diglosia, os falsos tópicos ao redor da lingua e a orixe dos prexuízos con ela. Evidenciábano con situacións teatrais en clave de parodia e retranca coas que, quen máis e quen menos, sentíase identificado, por presencialo ou mesmo telo protagonizado no día a día.

Uns personaxes, entre eles a señora de Palmírez -recoñecida polas súas intervencións no programa televisivo “Luar”- e un “técnico de castrepite” que emulaba nos xestos e voz ao expresidente Mariano Rajoy, e que arrincaron as gargalladas do público. Entre eles, referían os personaxes palabras como “reseso”, “colo” ou “tarteira”, que adoitaban usar os casteláns falantes como termos desta lingua, cando, en realidade, son exclusivos do idioma galego. Ou mesmo, o falso mito, escusado por algúns detractores, de que “a gheada fai dano á gorxa”.

Todo isto estivo salpicado polas cancións orixinais interpretadas por Carlos Yus, en clave de pasodobre ou pandeirada, entre outros ritmos, para reivindicar o papel da lingua: “Todo o mundo ten cursiños (cantaba), tituliños de galego, que dan moitos puntiños (en relación ao acceso a postos de traballo público) pero á hora de falalo: Ai por Deus! Que non me acordo!”.

Este espectáculo desembarcaba en Dena (Meaño) de mans da Deputación de Pontevedra co seu programa “Tornar ás táboas”, o cal aglutina a unha trintena de compañías de teatro, para chegar neste último trimestre do ano a 49 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents