Entrevista | Victorio Domínguez “Vudú Haze” Cantante de rap da Illa

“O rap leva nas súas letras unha crítica social e política moi profunda”

“As miñas letras son duras, pero non podía ficar calado ante todo o que está acontecendo mentres se propagan políticas de odio”

Victorio Domínguez na Illa de Arousa.

Victorio Domínguez na Illa de Arousa. / Iñaki Abella

A. G.

De 34 anos de idade, Victorio Domínguez leva facendo música desde que era un adolescente, bebendo en moitas fontes e alimentándose de moitos estilos. Foi a finais de 2019 cando decidiu dar o paso a mudar cara o rap, un estilo que estivo presente nos seus inicios e que, desde entón, marca a súa carreira como músico. Despois de sacar varias colaboracións e contar cun videoclip, o seu próximo reto é sacar ao mercado un disco.

–Como chega un rapaz da Illa á música rap?

–A verdade é que foi como volver ás raíces. O rap foi onde empecei, aínda que despois estiven en varios grupos de rock. Sen embargo, o rap é moito máis individual e non dependes dun grupo no que tendes que quedar os catro ou cinco que o conformades para sacalo adiante. Esa foi a dificultade máis grande coa que me topei ata agora, que son eu o que preparo todo.

–Aínda que non conta cun disco, xa amosou o seu traballo en redes sociais e colaborou con outra xente.

–Fixen un vídeo con Gaelo, de Som do Galpom, un vídeo titulado “Estatuas mudas e quietas”, unha especie de símil no que falábamos dos xogos tradicionais galegos que facíamos de pequenos e que, ademáis, eran o noso proceso de integración social. A proposta gustoulle e grabamos na Arousa.

–O rap soe caracterizarse pola dureza das súas palabras e por ter un importante compromiso social

–Usamos un estilo moi directo. No caso do disco que estou grabando, “El sabor de la justicia”, leva unha crítica social e política moi profunda, na que se cuestionan todas estas políticas de odio, de machismo e de cultura da violación que se xera desde moitos puntos de poder. As letras son duras e teño algo de temor a ter problemas, como xa tiveron outros rapeiros no pasado, pero non podía quedar calado ante todo o que está ocorrendo.

–Ese compromiso social sería vencellado á esquerda política?

–Sinceramente, eu evito meterme en política e evito posicionarme en ningún partido político porque ningún recolle á perfección aquilo que eu penso. Tan só me poño nun lugar, o do antifascismo, é unha palabra que me definiría a min e á miña música. Con ela tento combater contra ese tipo de políticas que, desgraciadamente, están cada vez máis presentes e nas que non se respeta á xente que te rodea.As letras que compoño soen ser de vivencias que un ten cada día e de libros que leo.

–O 2023 pode ser un ano redondo para vostede coa publicación do seu disco.

–Certo é. É algo que levo perseguindo moito tempo con publicacións na miña canle de youtube (Neno Vudu), nela xa se pode ver algún dos temas de “El sabor de la justicia”. Ademais, é moi probable que poida facer o meu debú en directo, cun concertiño na Illa no que darei a coñecer moitos dos temas da maqueta que grabei. A verdade é que a canle de youtube está sendo fundamental para que se me poida coñecer e xa son moitos os rapaces da Arousa que me chaman Vudú pola rúa.

–Cales serían as fontes nas que bebe un rapeiro da Arousa?

–Podería falar dun cento de referencias, como Kaze, SFDK ou moitos máis, aos que chego a mencionar nalgunha das miñas cancións, pero se teño que elixir, quédome con “Dios que te Crew”, un grupo que foron os pioneiros do hip hop en galego e aos que hai que resaltar sempre por todo o que fixeron.

Suscríbete para seguir leyendo