Coñecéronse en Vigo e descubriron que os seus eclécticos gustos musicais podían canalizarse a través dun grupo. Adriana Cores e Héctor Rodríguez uníronse para pór en marcha un proxecto ao que se incorporou pouco despois Iván Barral. Xuntos forman Lontreira, un grupo que bebe en fontes que van dende a electrónica á música tradicional e que, en menos dun ano, pasou de ter un so tema a contar cun disco propio, tocar nos mellores festivais e estar nomeados aos premios Martín Códax.
“Foi todo moi rápido e aínda estamos nunha nube, pero estar nomeados a mellor banda emerxente nos premios Martín Códax xa é un recoñecemento espectacular a todo o que estamos facendo”. Así se expresan Adriana Cores (A Illa), Héctor Rodríguez (Morrazo) e Iván Barral (Meis), os integrantes do grupo Lontreira, unha das grandes aparicións dos últimos tempos no panorama musical galego. Para estes tres rapaces todo está indo moi á presa.
Hai menos dun ano, o grupo decidía mandar unha peza que tiñan grabada á TVG para participar na escolla da canción do verán. Aquela decisión marcaraos de por vida, xa que “Corazón de Toxo" foi a elixida e comezou a soar unha e outra vez nos descansos da programación que a televisión pública galega facía, e mesmo na RTP, a televisión portuguesa.
Menos de seis meses despois estreában disco, baixo o nome de “Apnea” e debutaban sobre o escenario do Auditorio da Illa de Arousa, onde contaban con colaboracións como a de Carlos Blanco. Desde entón, a vida dos tres rapaces estase convertindo nun continuo ir e vir de concertos, como o que van ter este fin de semana en Redondela, e de participacións en festivais, como o Atlantic Fest que se celebrará a primeiros de xullo en Vilagarcía. Tamén o farán na Festa Vikinga cunha canción adaptada ao tema dos guerreiros nórdicos.
“Non paramos de facer temas, concertos, estamos preparando moitas colaboracións e xa temos varias cancións listas, unha dela darémola a coñecer hoxe mesmo por redes sociais”, explica Cores. Tamén evolucionaron moito nos seus concertos onde, ademais de cambiar a escenificación de moitas das súas cancións engaden temas novos sempre que poden.
“A verdade é que aínda non nos cremos moito o que nos está pasando, levo indo a festivais desde que era pequena, co meu pai, con miña curmá, ..., e agora voume topar con que son eu a que está enriba do escenario”, explica Cores. Tampouco Rodríguez e Barral se agardaban algo así, ou polo menos “que puidese ser tan rápido”. Definirse dentro dun estilo musical é algo que non queren facer, xa que as súas fontes son moi diversas, bebendo de sons que van dende a electrónica ata a música tradicional.