Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Suarez | Candidato BNG á Alcaldía da Illa
Manuel Suárez Candidato á Alcaldía da Illa polo BNG

“Queremos que a Arousa sexa dos veciños e non un parque temático para o turismo”

“Estase a impor un modelo que expulsa á xente da Illa, algo do que estamos en contra”

Manuel Suárez é o candidato do BNG á Alcaldía da Illa. Noé Parga

Funcionario da Administración Xeral do Estado de 52 anos, Manuel Suárez concorre ás eleccións por primeira vez como cabeza electoral do BNG, aínda que sempre formou parte das sucesivas candidaturas que se presentaron ás eleccións desde 1999. O seu compromiso non só é político coa Illa, xa que formou parte da comisión pro-segregación, secretario de Dorna e membro do colectivo ecoloxista Gaia. Suárez non dubida en reivindicar o e “espírito carcamán para construir a Arousa que soñamos”.

–A Illa é un bastión socialista desde sempre. Pódese cambiar iso desde a esquerda do PSOE?

–Sen dúbida. A Arousa sempre foi unha vila con alta conciencia social e que destaca pola toma colectiva das decisións. Ese sustrato, a boa candidatura que temos e o noso proxecto de participación veciñal é o que vai permitir o cambio despois do 28-M. O goberno desde 1979 cremos que levou a un desgaste e a unha desconexión do goberno socialista da Arousa e a impor un modelo que está expulsando aos veciños e que nós queremos reverter

–O feito de que todos os candidatos sexan novos pode abrir o abano de resultados o 28-M?

–A análise que nós facemos é que vai ter unha gran repercusión.Cremos que a xente vai confiar en nós, porque o candidato do PP nunca estivo implicado en iniciativas sociais feitas no pobo e o PSOE está utilizando as institucións de forma partidista e electoral, unha mostra do caciquismo no que acaban derivando as maiorías absolutas.

–Se o 29 de maio non hai maioría absoluta, que vai facer o BNG?

–Nós descartamos que nestas eleccións se rexistre unha maioría absoluta, pero estamos convencidos de que o partido que vai gañar as eleccións na Illa vai ser o BNG. Os Concellos non teñen capacidade para disolverse e volver a convocar eleccións, polo que, chegado o momento, haise que entender para gobernar. Pero iso pasará cando teña que pasar. Nós traballamos para gañar as eleccións e somos unha forza democrática e que respecta todos os pactos aos que chega, cousa que outros non acostuman a facer.

"Estamos convencidos de que o partido que vai gañar as eleccións na Illa vai ser o BNG"

Manuel Suárez - Candidato á Alcaldía da Illa polo BNG

decoration

–Firmes defensores da peonalización, o BNG estase a amosar moi crítico coas obras de Castelao e O Regueiro.

–Hai un erro de concepto. A Arousa é unha vila mariñeira de 5.000 veciños asentada nun territorio de só sete quilómetros cadrados e non se poden trasladar modelos exactamente iguais aos que se aplicaron noutros lados porque iso está abocado ao fracaso. Nós compartimos a filosofía de recuperar as rúas para os veciños pero en Castelao segue habendo coches e estanse provocando problemas noutras rúas. Para nós, a mellor fórmula é que sexa unha vía de evacuación do tráfico xa que moitos veciños da Arousa traballamos fóra e temos que usar o coche ao non haber transporte público debido á pésima política da Xunta neste aspecto. Insisto, Castelao ten que ser de evacuación de tráfico e temos que recuperar as fachadas marítimas. É nelas onde está o noso gran potencial turístico e con esta actuación estamos facendo ao revés.O caso do Regueiro é a típica obra que se fai de costas aos veciños.

–Corre a Arousa o risco de morrer de éxito turístico?

–Non existe proxecto turístico algún. As potencialidades turísticas deben estar no centro e temos a obriga de preservar o medio natural porque é o que nos dá de comer. Estamos importando modelos como o de Canarias, onde vivin 17 anos e coñézoo moi ben, que é un modelo que xera unha bolsa de beneficio espectacular para uns poucos, pero tamén unha bolsa de pobreza brutal para a gran maioría. Quédannos moi poucas balas para evitar que a Arousa se convirta niso; estamos a unha ou dúas xeracións de que a Arousa pase a ser dos veciños ou que teñamos que irnos fóra porque isto sexa un parque temático para turistas, que é o camiño que levamos.

–A falta de vivenda tamén é un problema.

–Moitas administracións deberían explicar os motivos polos que se permite construir unha nave como a do Aguiúncho ou Villa PSOE e despois non se permite dotar de servizos e de vivenda á poboación que leva séculos aquí asentada en aras da protección medioambiental. Nós somos os máximos interesados nesa protección, pero non se nos pode botar da nosa terra.

Manuel Suárez é o candidato do BNG á Alcaldía da Illa Noe Parga

“O prioritario ten que ser o marisqueo”


–Vostede antes de licenciarse en Dereito foi mariscador e traballou na batea, dous sectores que non atravesan o seu mellor momento e que son claves na Illa.

–No tema do marisqueo cremos que o cambio climático está afectando ás dinámicas produtivas da ría e iso é algo que che recoñece calquera mariscador. Por iso, porque vivimos nun entorno sensible, a prioridade ten que ser a explotación marisqueira e, aquelas praias que sexan produtivas e teñan a ameaza da presión turística desmedida, pois deben ser acotadas, algo que xa se fai en outros países. Debemos protexer os nosos sectores primarios. No que respecta ao mexillón, as bateas son explotacións familiares na Arousa que xeran unha riqueza que fica aquí. Sen embargo, a Xunta está apostando por un modelo de economía consistente na extracción de recursos para fondos boitre, que se levará esa riqueza para fóra. Bateeiros e percebeiros levan décadas convivindo no mar, pero é a Xunta a que quere destruir a uns e a outros con este enfrontamento.

Compartir el artículo

stats