Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura adícalle o Día do Libro á mestra cambadesa Filomena Granda Regueiro

Protagonizou con Antonio Magariños a renovación educativa na vila

Tino Cordal.

Tino Cordal. / Noé Parga

R. A.

Cambados

A Concellaría de Cultura do Concello de Cambados, dirixida por Tino Cordal, decidiu dedicarlle o Día do Libro 2023 a Filomena Granda Regueiro, muller que protagonizou, xunto con Antonio Magariños Pastoriza, o primeiro intento de renovación educativa en Cambados no século XX. Chegaron á vila cambadesa como titulares das escolas unitarias de nenas e nenos en 1900 e 1902, respectivamente, e xuntos introduciron novidades didácticas nas súas escolas e loitaron para reconvertelas en “graduadas”. A escola de nenos foi “Escola graduada” en 1911. En cambio, non conseguiron a escola graduada de nenas. Antonio Magariños Pastoriza xubilouse en 1950 aos setenta anos de idade. Filomena Granda Regueiro faleceu en Cambados con corenta anos en 1924 e está enterrada no cemiterio de Santa Mariña.

Co gallo da celebración do Día do Libro a concellaría de Cultura ten previsto inaugurar o venres, ás 12.00 horas, unha placa en homenaxe a Filomena Granda Regueira na casa onde puxo escola ás nenas de Cambados entre 1902 e 1924, situada na Praza de Francisco Asorey, en Fefiñáns. Ademais, ese mesmo venres, Antonio Magariños Compaired, neto do mítico profesor que dá nome ao colexio da Avenida de Vilariño, impartirá unha conferencia na Casa da Calzada, ás 20.00 horas, co título “Libros nas escolas de Cambados entre 1.900 e 1.967”, período de tempo no que as escolas públicas de nenos e nenas da vila estaban separadas, ata que en 1.967 a inauguración do actual Colexio Antonio Magariños Pastoriza agrupounas a todas.

Antonio Magariños, mestre e bibliotecario, partindo de libros e materiais escolares que deixaron os seus antepasados e de investigacións propias, intentará aportar na súa conferencia un recordatorio con exemplos de libros e materiais docentes que usaban os escolares e os mestres, e como foron cambiando nas diferentes etapas dese longo percorrido no tempo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents