Acción Solidaria + Suscripción Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Si, o percebe fíxase na mexilla

O sector bateeiro e maila Consellería do Mar deberían facer un plan de xestión e monitoreo diario das capturas

Gonzalo Macho Rivero e a bióloga Alba Aguión facendo un estudo sobre o percebe. | // FDV

O percebe (Pollicipes pollicipes) ten unha fase larvaria peláxica de un ou dous meses, e na súa última fase larvaria (cipris), se fixa no intermareal rochoso.

O pedúnculo doutros percebes adultos é o seu substrato principal, pero tamén se fixan noutros organismos, como na mexilla, pero é moi raro que se fixe sobre rocha limpa carente doutros organismos.

Traballo de campo nunda pedra chea de percebe e mexilla. | // FDV

Inda que non hai estudos exhaustivos sobre a interacción mexillón-percebe, si se sabe que son dúas especies intimamente relacionadas.

Hai varios traballos científicos que evidencian a fixación do percebe sobre/entre mitílidos en Francia, sobre “Mytillus edulis”; Portugal e Galicia, sobre “Mytillus galloprovincialis”, tal como publicamos nunha recente revisión en “Oceanography and Marine Biology: An Annual Review (Cruz et al. 2022)”.

No Pacífico

O seu “curmán” na costa do Pacífico en Norteamérica, “Pollicipes polymerus”, tamén se fixa sobre outro mexillón, o “Mytilus californianus”.

Xa a finais dos 90 cando empecei a miña tese doutoral dirixida por José Molares Vila no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Corón (Vilanova) estudiamos a fixación de percebe en placas artificiais, e vimos o complicado que era.

Pasaban os meses e non tiñamos nada de percebe. Primeiro había que esperar a que se xerara unha capa bacteriana, logo chegaban os primeiros recrutas doutros cirrípedos, arneiróns e “Chthamallus”, mexilla e algunha alga calcaria.

E finalmente si, se fixaba algún percebe. Pero nunca directamente sobre a placa, sempre enriba ou pegado a algún destes outros organismos.

Literatura científica

A fixación de percebes en todos estes organismos tamén está descrita na literatura científica. Concretamente, no caso do noso percebe, a fixación sobre os arneirons é moi importante.

Tamén o mexillón se asenta nas piñas de percebe, pero non se ve, é tan pequeno que so cando o pos baixo a lupa te decatas da cantidade de fixación que hai.

Gonzalo Macho Rivero, Doutor en Ciencias do Mar.

O Decreto 406/1996 di “37-4: Unha vez recollida a semente, os recolledores eliminarán, mediante rasquetas, tódolos organismos fixados na zona traballada co fin de aumentalo rendemento delas”. Isto equivale a deixar a rocha ven limpiña sen organismo ningún.

Varios traballos da Universidade da Coruña en 2018-2019 xa deixaron claro que esta maneira de traballar tiña un enorme impacto na comunidade intermareal, sobre todo debido a que o constante raspado ano tras ano das mesmas rochas, non deixa tempo a que esta comunidade se recupere.

Dende 2017

A maiores, dende 2017 investigadores e bateeiros veñen constatando e denunciando un importante descenso da cantidade de mexilla nas rochas.

A falta de recrutamento continuado en calquera recurso mariño e indicativo de sobrepesca, produto dunha redución considerable da poboación adulta.

Esta redución é moi posiblemente debida a dúas causas. A primeira, un esforzo pesqueiro excesivo da poboación natural nas rochas. Segunda, unha diminución da poboación adulta de mexillón nas bateas.

Cando a sobrepesca incide considerablemente no recrutamento, se lle chama sobrepesca do recrutamento (“recruitment overfishing”) e se produce cando a pesca é tan intensa que o número e tamaño da poboación reprodutora se reduce ata un punto que a súa capacidade reprodutora é insuficiente para repoñer a poboación. E o paso previo o colapso dun stock.

A venda de mexillón pequeno non para de aumentar, en 2022 xa representaba un 68% da venta en fresco (antes menos do 50%), e subindo, mentres que o grande, non chega nin o 10%, cando fai vinte años chegaba ata o 25%,

Esta febre polos “lacasitos” está diminuíndo moi considerablemente o stock reprodutor nas bateas. Polo tanto, menos desove, menos larvas, menos mexilla.

Os “lacasitos”

De seguir esta extracción masiva e incontrolada de mexilla e aumentando a venda de “lacasitos”, é evidente que cada vez haberá menos mexilla nas rochas.

Se eu fose bateeiro, estaría moi preocupado por isto, e me pelexaría coa Consellería si, pero non por poder sacar máis e máis mexilla, senón por saber canto debería sacar para facer unha extracción sostible que me permita ter unha industria que poida pasar aos meus fillos.

Falamos dun recurso pesqueiro que debería ter un plan de xestión e un bo monitoreo. Sen embargo, a extracción de mexilla é a única pesqueira en Galicia cuxas capturas e ventas non son monitoreadas regularmente.

E tamén é o único recurso sésil que carece de plan de xestión, namentras que percebes, ourizos, ameixas, navallas, vieiras, carallos de mar, poliquetos e todos os chamados recursos específicos si que teñen plans de xestión e monitoreo diario das capturas, na maior parte dos casos in situ, é dicir, nas propias rochas ou praias, e por suposto, das vendas.

O estudo do percebe nas pedras.

O sector bateeiro debería ser o actor principal, xunto coa Consellería do Mar, no deseño e implementación deses plans, cun enfoque de coxestión como ocorre entre as confrarías e a consellería co resto de recursos marisqueiros. Os percebeiros, afectados pola extracción da mexilla, tamén deberían ser escoitados.

Canto antes entenda o sector que a captación da mexilla é unha pesqueira, antes asumirá que o cultivo do mexillón se debe rexer dende unha aproximación das ciencias pesqueiras e a xestión sostible, e non como unha mera industria produtora.

As dúas especies se retroalimentan e isto ten que terse en conta na xestión. Polo futuro da industria do mexillón en Galicia, e por un intermareal saudable e diverso, a barra libre na extracción de mexilla debe rematar canto antes.

  • (*) Gonzalo Macho Rivero, Doutor en Ciencias do Mar e experto en percebe e en xestión pesqueira. Fixo a súa tese doutoral no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) sobre a ecoloxía do percebe. Recentemente coordinou na Universidade de Vigo o proxecto “Percebes”, considerado o maior estudo sobre o percebe nunca feito, liderado pola Universidade de Oviedo e con participación dos principais expertos de Galicia, Asturias, Portugal e Francia. Actualmente colabora coa FAO, ICES e o Banco Mundial en temas de pesca.

Compartir el artículo

stats