A data que cambiou a historia da Illa

O 3 de abril de 1979 foron as primeiras eleccións municipais que gañou a AMDG

Candidatura que liderou Sito Vázquez para as eleccións de 1979.

Candidatura que liderou Sito Vázquez para as eleccións de 1979. / Juan Luciano Otero Besada

Juan Luciano Otero Besada

O próximo mes de maio celebraranse de nova eleccións municipais, pero para a Illa de Arousa hai unha data fundamental no seu cambio físico e humano: O 3 de abril de 1979.

Cando se fala de datas importantes que cambiaron a fisionomía da Illa de Arousa, sempre se pensa no 15 de setembro de 1985 cando foi a inauguración da ponte ou o dia 1 de decembro de 1997 data de constitución como concello propio. Pero todo isto non se levaría a cabo sen o acontecido o tres de abril de 1979: Primeiras eleccións municipais democráticas.

A Illa tivo concello propio en 1835-36 e desde 1837 pertenceu a Vilanova ata 1996, salvo de 1935 a 1945 que pertenceu a Vilagarcía. En todos estes ano estivo sempre gobernada por xente allea, ou como dicimos na Illa por xente de “fora”.

O 3 de abril de 1979, a “Arousa”, como lle chamábamos os arousáns, non a Illa, presentou unha candidatura independente con xente exclusivamente insular que acadou 6 concelleiros e por primeira vez un alcalde da Illa. Sito Vázquez que encabezaba aquela candidatura con xente de esquerdas pero tamén algunha de centro-dereita.

Aquela candidatura xa levaba na programa, como principais obxetivos, a ponte e a segregación. É certo que, para a ponte, se contou coa colaboración inestimable do vilagarcián José Antonio Gago deputado da UCD. Gracias o empuxo do pobo da Illa en 1982 xa estaba colocada a primeira da ponte é en 1985 entraba en funcionamento.

A segregación non foi tan fácil pois o primeiro paso tiña que dalo a corporación de Vilanova e non se chegaba a acordos. Houbo que recorrer a vía de iniciativa popular. Foi en 1987 cando se fundou a Asociación Pro Concello que presidía Juan Luis Otero Núñez, unha persoa loitadora, hoxe desaparecida e que ben merecía que o pobo se acordase dela.

Foi preciso recoller 3.200 firmas solicitando a corporación municipal a segregación da Arousa de Vilanova. Non foi fácil que o concello tramitara a segregación, pero tampouco a aprobación da Deputación e a Xunta en mans do Partido Popular.

En 1991, sendo alcalde Manolo Dios, a corporación encargou un estudio de viabilidade e por fin en Novembro de 1996 a Xunta aprobaba o Decreto de Segregación da Illa de Vilanova cuxo novo concello empezou a funcionar a primeiro de xaneiro de 1997.

Estou seguro que sen as eleccións democráticas do 3 de abril de 1979, seguramente hoxe aínda seguiríamos pertencendo a Vilanova.

(*) Juan Luciano Otero Besada foi concelleiro do PSOE da Illa e agora exerce de investigador da historia local.

Suscríbete para seguir leyendo