Non foi un duro golpe económico, pero si un importante golpe moral para unha xente que leva moitos anos traballando pola recuperación do patrimonio. O acontecido o pasado domingo na praia da Canteira, na sede da Escola de Navegación Tradicional (ENT), pon de manifesto a necesidade de que se habilite un espacio portuario para as embarcacións tradicionais, unha Mariña Tradicional que sirva para crear un museo ao ar libre pero tamén para garantizar a seguridade dos barcos, apeiros e material que utilizan. Ten que ser así porque non é a primeira vez que acontece unha situación destas características. É máis, nalgunha ocasión, en lugar de levarse uns chalecos o que se levaron foron dornas. Ocorreu en dúas ocasións, que desapareceron dúas dornas da canteira, onde as tiñan os seus donos e “nunca máis volvemos saber delas, supomos que estarán apodrecendo ou que xa están destruidas”, explica Héctor Suárez, director da Escola de Navegación tradicional.
Suárez recoñece que este tipo de feitos “reafírmannos na necesidade de contar con esa Mariña Tradicional na Illa, o porto que conta cun maior número de barcos tradicionais pero que carece dun espazo onde poidan ser visitados pola xente, e conten cuns amarres seguros para as mesmas”.
Retomar ese proxecto é algo que se marcan para un futuro moi próximo, mentres lamentan que non saíse adiante hai uns anos, cando existía un compromiso do anterior presidente de Portos de Galicia de aproveitar os antiguos pantaláns da terceira lista do Xufre para crear aí a Mariña Tradicional. Aquela promesa quedou en nada, xa que os pantaláns retiráronse e nunca máis se volveu saber dunha alternativa. “Aquilo foi unha pena, porque xa tiñamos parte da infraestutura e agora seguimos sen ter nada”, explica Suárez.
Insiste en que “estas cousas deben estar moi preto do povo, para que as persoas se poidan achegar a velas, valoren o patrimonio que temos, poidan coñecelo e se impliquen na súa protección e supervivencia”.
É por iso que o proxecto que deseñou a nova directiva da Escola de Navegación Tradicional, que centralizaba toda a súa actividade no peirao do Cabodeiro, un peirao prácticamente sen uso profesional, “imos levalo a onde faga falta, miraremos esta semana de estar co Concello e trataremos de chegar a Portos para amosarlles a importancia que pode ter unha mariña tradicional para un pobo mariñeiro como é A Illa de Arousa”.
A Escola de Navegación Tradicional leva máis de dúas décadas traballando na conservación, protección, divulgación e disfrute deste tipo de embarcacións. Conta con máis de medio cento delas, a maior parte, dornas, pero tamén ten exemplares de bucetas, bote de Ribadeo, xeiteira, dorna de tope e, sobre todo, o que se converteu no seu emblema, o galeón “Rei do Mar”.