Entrevista | Adriana Cores Cantante de Lontreira

“Gústanos a tonalidade e a poesía que desprende o galego á hora de falalo”

“Sentimos moita responsabilidade por presentarnos ante a nosa xente, por iso queremos facelo ben”

Lontreira onte, no Auditorio da Illa durante os seus ensaios.

Lontreira onte, no Auditorio da Illa durante os seus ensaios. / Noé Parga

A. G.

Estudante de Linguas Estranxeiras en Vigo, Adriana Cores é un dos tres puntos de apoio de Lontreira, un grupo que se meteu en todas as casas de galicia grazas a “Corazón de toxo”, o tema escollido pola televisión autonómica como a canción do verán. Con só 22 anos, este proxecto musical que conforma con Héctor de Moaña e Iván de Meis está deixando moi boas sensacións, as que esperan deixar sobre o escenario do Auditorio municipal da Illa mañá, a partires das 20.00 horas. A entrada será de balde, pero hai que retirar convite na administración de lotaría ou na biblioteca. Todos os que asistan tamén poderán colaborar coa Federación Galega de Enfermidades Raras, entidade á que se lle destinará todo o que se recaude no peto que se vai a colocar na entrada do Auditorio municipal.

–Como nace un proxecto como é o de Lontreira?

–A verdade é que non se ía chamar así. A nosa proposta ía ter o nome de Barekai, que ía ser algo moi enfocado cara a música electrónica, perochegou “Corazón de toxo”. Gustounos o estilo e, sobre todo a lingua galega. O galego é un idioma que nos gusta moito, gústanos como soa, a súa tonalidade, a poesía que desprende ao falalo. O éxito desta canción foi o que nos motivou a facer máis e , cando nos demos conta, xa tiñamos un disco grabado que nos sorprendeu a todos. Antes de todo isto Héctor e eu xa tíñamos en marcha o proxecto de Rotce e Adri Coyote.

– “Corazón de toxo” foi ese impulso que necesitaba o grupo.

–Pódese dicir que sí. O disco comezamos a grabalo ao gañar o premio. Antes diso tiñamos a motivación, pero sempre resulta difícil sacar adiante cousas. O recoñecemento como a canción do verán dounos os azos e as forzas suficientes para pornos a iso. Tardamos seis meses en grabalo pero cremos que imos impresionar á xente por como soa. Todo o disco presentarémolo mañá no Auditorio da Illa, que agardamos que sexa o primeiro de moitos.

Non pensábamos que "Corazón de toxo" ía chegar tan lonxe

–Confiábades en que o voso primeiro traballo acabase soando a cada momento na TVG?

–A verdade é que non pensabamos que fose a chegar tan lonxe. De feito mandámolo un pouco de casualidade. Un día que vimos a convocatoria dixemos, “e se o presentamos? Veña, mándao” e acabou resultando elixido. Iso serviunos para ver que o que estamos facendo ten repercusión e motivounos a seguir facendo cousas e a ter ese impulso que se necesita para dar os concertos. Ademáis, a iso hai que engadirlle que temos público disposto a vernos.

–Este primeiro traballo levará o nome de “Apnea”.

–O disco é un conxunto de poemas e de cancións que falan sobre a natureza da persoa que, ao longo do seu período vital, atravesa mares, bosques, ... e pretende ser unha narración desas vivencias. O título tamén fai referencia ao momento no que un se atopa debaixo da auga, onde tes que aguantar a respiración e pásanche moitas cousas pola cabeza. Apnea tamén é o último poema do álbum, e quen asista ao concerto verá que cada poema comeza cuns latexos, que son o único que escoitas cando estás debaixo da auga.

–Cales serían as fontes nas que bebe Lontreira?

–Son moi amplas e cinxilas a un grupo concreto ou a un estilo musical determinado non sería xusto. A min gústame o sonido específico do rock progresivo e a Héctor a electrónica. Tamén me gustan moito os poemas musicalizados, por iso puxemos en marcha este traballo que presentaremos no Auditorio. Tivemos ata unha época na que escoitabamos Metal, por iso as nosas influencias son moi amplas

–Carlos Blanco, Uxía e Inés Salvado de padriños. Non é moita responsabilidade para debutar?

–Sentimos moita responsabilidade por facelo ben. Sabemos que vai vir moita xente a ver o que será o noso primeiro concerto e que hai moitas expectativas postas nel, por iso queremos facelo ben e que todo saia perfecto. Entre o público non só vai haber xente que queira contratarnos no futuro, senon que tamén estarán moitos familiares e amigos, e por que non, tamén queremos contentarnos a nós mesmos. Contar con xente da importancia de Carlos Blanco, Uxía e Inés Salvado é para nós moi importante e algo do que nos debemos sentir moi orgullosos, por todo o que significan na música e na cultura galega.

–Cal será o papel que van xogar os padriños neste primeiro concerto?

–Uxía, Carlos e Inés lerán os poemas entre as cancións. Eses poemas serán unha especie de introducións ás letras das propias cancións. Asignámoslle unha poesía a cada un, con bases musicalizadas. Ademáis das cancións do disco que presentamos,neste concerto tamén tocaremos algunhas cancións de Rotce e Adri Coyote e adaptadas.

Suscríbete para seguir leyendo