A voz de Valle escóitase en galego a través do conto “A miña irmá Antonia”

O libro foi editado tamén en facsímile e presentado onte en Santiago polo neto do escritor

Xaquín del Valle é neto do escritor vilanovés.

Xaquín del Valle é neto do escritor vilanovés. / Iñaki Abella

A. G.

O Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG) acolleu onte a presentación do libro “A miña irmá Antonia”, de Ramón María del Valle-Inclán, que se ofrece agora en lingua galega e en versión facsímile. Relato publicado en 1909, é un dos contos breves para adultos máis depurados do escritor vilanovés, unha obra de misterio que se desenvolve en escenarios moi coñecidos do casco vello compostelá e que son recollidos de forma ilustrada nesta nova publicación.

No acto de presentación desta edición de “A miña irmá Antonia” estiveron presentes o neto do escritor vilanovés, Xaquín del Valle-Inclán; o director do museo adicado ao literato na Pobra do Caramiñal, Antonio González Millán, e o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García. Durante a presentación do libro ofreceuse unha escolma dramatizada do texto, por parte do actor Roberto Leal e da actriz Gloria Rico.

Detrás da publicación deste libro atópase un novo proxecto co que se pretende recoñecer o legado do escritor vilanovés máis universal. Trátase do proxecto Galicia Foro e Valle-Inclán, que se está perfilando e que conta coa presencia no seu seo de destacados valleinclanistas, como é o caso do neto do escritor vilanovés, Víctor Viana, o Concello da Pobra do Caramiñal ou o vilanovés Ángel Varela entre moitos outros.

O acto de onte servíu como limiar ao nacemento desta entidade que se centrará na investigación e no desenvolvemneto de actividades e accións relacionadas co escritor vilanovés.

Suscríbete para seguir leyendo