Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A loita contra o melanoma ten acento vilanovés

O equipo de Santiago Fernández descifra como o sistema inmunitario promove a extensión deste cancro nos ganglios linfáticos

Santiago Fernández González é un científico vilanovés asentado en Suíza desde hai unha década.

Profesor de Inmunoloxía na Universidade de Lugano, en Suiza, o vilanovés Santiago Fernández González dirixe tamén o Laboratorio de Infección e Inmunidade do Instituto de Investigación Biomédica. Nese ámbito se enmarca o último traballo no que o seu equipo estivo centrado, un traballo que se publicou o pasado venres na revista Cancer Inmunology Research e co que se conseguiu descifrar como o sistema inmunolóxico promove a metástase de melanoma nos ganglios linfáticos. Este descubrimento pode ser chave para futuras investigacións centradas en acadar un tratamento adecuado que evite ese avance da enfermidade.

O melanoma é o cancro máis letal dos que afectan á pel e, aínda que a súa incidencia é baixa, a exposición ao sol e a contaminación ambiental están influíndo á hora dunha maior afectación. As células tumorais que xera o melanoma pasan desde a pel ao sistema linfático, unha rede de vasos e órganos como os ganglios linfáticos, que forman parte do sistema inmunitario. Que ocurra isto é un mal pronóstico e diminúe de forma moi importante a superivivencia dos pacientes afectados. Os mecanismos polo que as células tumorais evitan ser recoñecidas como unha ameaza polo sistema inmunitario é algo que apenas se coñecía. Co obxectivo de encher este vacío, o estudio liderado polo vilanovés foi analisar as estratexias moleculares utilizadas polas células do melanoma para sobrevivir e proliferar no compartimento linfático, que para elas debería ser un lugar hostil.

O traballo que encabezou Santiago Fernández foi publicou o pasado venres na revista Cancer Inmunology Research

decoration

A investigación permitiu descubrir cousas como que un tipo particular de células inmunes, chamadas macrófagos do seo subcapsular e ubicados no ganglio linfático, están estreitamente asociados coas células tumorais, xa que son os que liberan unha proteína inflamatoria, a interleucina 1a, que promove a formación da metástase. A función da interleucina 1a sería a de alertar ao sistema inmunitario e activar as células para combatir a agresíon, pero fai todo o contrario e acaba provocando é a proliferación das tumorais, aumentando a súa agresividade e acelerando a progresión da metástase.

Na investigación, utilizando un modelo animal, probouse o efecto potencial dunha nova terapia, baseada no uso de anticorpos bloqueadores da interleucina 1a, terapia que amosou unha redución importante no crecemento da metástase. Tamén se combinaron estes anticorpos bloqueadores co tratemento estándar do melanoma metastásico, amosándose un efecto antitumoral máis sustancial que as terapias que se estaban levando a cabo.

Fernández González apunta que “estos descubrimentos abren un camiño moi importante para o deseño de novas terapias inmunitarias para reducir a propagación de células de melanoma aos órganos vitais do paciente”.

A investigación tamén é un exemplo de colaboración internacional entre institucións, xa que ademais do laboratorio que lidera o vilanovés, tamén participaron o Laboratorio de Inmunoloxía Molecular (IRB), Lymphoma Genomics (IOR) e investigadores das universidades de Berna (Suíza), a Universidade Ben Gurion (Israel) e a Universidade de Insubria (Italia).

Liderando un laboratorio especializado en estudar patoloxías asociadas ao sistema linfático e a inflamación, este caso específico do melanoma cumpre estes dous requisitos, xa que a metástase deste tipo de cancro “comeza inicialmente nos ganglios linfáticos, e está claramente asociada co proceso inflamatorio”. De feito, estes motivos son os mesmos polo que “levamos a cabo proxectos asociados co linfoma de células B e co cancro de mama”.

Esquema do traballo realizado polo laboratorio de Fernández | // FDV

Anos de traballo en laboratorio e despachos

Unha investigación como a que se impulsou desde o laboratorio que dirixe Santiago Fernández González acostuma a levar anos de traballo, tanto no laboratorio investigando, como nos despachos acadando a financiación necesaria para levala a cabo. Normalmente, este tipo de proxectos arrrincan despois da súa formulación inicial e de contar con hipóteses que as avalen. A partir dese momento búscase a financiación, un proceso que acostuma a durar un ano. Unha vez conseguida, comeza a investigación no laboratorio que, no caso concreto da metástase no melanoma, foron cinco anos de traballo, realizado en colaboración cun consorcio internacional de científicos. Unha vez rematada esta fase “necesitamos obter de novo financiación para estudar como transformar estes resultados prometedores nunha terapia que poida beneficiar aos pacientes”.

Efectos inflamatorios da COVID e a gripe

Durante a década que Santiago Fernández exerce como responsable deste laboratorio, abríronse un bo feixe de investigacións, entre elas, tamén se estudou “o papel da inflamación no sistema respiratorio asociada coa infección polo coronavirus e o virus da gripe”. De feito, nestes momentos están rematando un proxecto que estuda os aspectos positivos e negativos do proceso inflamatorio causado por estes dous virus, e como sacarlle partido desde o punto de vista terapéutico.

Talento científico pero sen inversión e sen apoio político

Durante a década que Santiago Fernández leva traballando no Instituto de Investigación en Biomedicina (IRB), resultou clave o apoio do sistema suízo para a consolidación do proxecto e das liñas de investigación que se abriron. Sería posible isto en Galicia? Fernández non o ve tan factible. Presidente da Asociación de Científicos Españoles en Suíza (ACECH) desde este ano, representa a máis de 300 científicos españois traballando en institucións e empresas suízas, sabe do que fala. Para o investigador vilanovés, en España, e en Galica en particular, existen grupos de investigación con prestixio internacional no estudo do cancro e da resposta inmune. Sen embargo, a financiación é sempre escasa, e sen financiación é imposible sacar adiante moitos proxectos con garantías de éxito. “Despois de moitos anos, seguimos nos últimos lugares a nivel europeo en inversión en I+D”, explica o investigador vilanovés. Para el é necesario “un compromiso por parte de todos os partidos políticos que permita un aproveitamento do excelente talento científico a nivel galego e estatal, e que impulse un sector que é clave para o noso futuro como país”. Insiste en que sería necesario tamén que a inversión na área de investigación en ciencias da saúde, non se centrase unicamente no eixo Madrid-Barcelona, se non que se extendese a outros puntos de España, como é a propia Galicia ou outras zonas máis periféricas. A opinión de Fernández, coincide coa de moitos investigadores que, por falta de recursos en moitas ocasións, teñen que emigrar a outros puntos de Europa para poder levar a cabo investigacións de primeiro nivel. Desde a ACECH ten como obxectivo promover a interacción entre as comunidades científicas de ambos países e dar visibilidade á ciencia española feita no corazón dos Alpes.

Compartir el artículo

stats