O vencello do mar e a muller existe dende tempos inmemoriais. O papel das traballadoras en distintos eidos é fundamental nun dos sectores con máis pulo na Arousa. Forma parte da vida cotiá e cecais por iso seguen a ser invisibles, unha situación que precísase poñer en valor pois son elas as que fan o traballo máis complexo dende distintos eidos: o marisqueo a pé, o cultivo do mexillón, o traballo nas conserveiras, a venda na praza ou a composición e arranxo de redes entre outras moitas actividades que non poderían chegar a bo fin sen elas.

Esta é a mensaxe que o Club FARO, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, quere impulsar na celebración en distintas localidades arousás de mesas de debate nas que se fai fincapé no papel das mulleres do mar.

A presidenta provincial Carmela Silva será quen presente o vindeiro 10 de novembro en Cambados a mesa coloquio que sobre “Mulleres Salgadas” vaise celebrar ás sete da tarde nos salóns da Casa Consistorial, aínda con aforo limitado a 50 persoas por mor da prevención sanitaria.

E para falar dende o estrado cóntase coas que máis saben do tema, é dicir as promotoras do colectivo de Mulleres Salgadas, asociación pioneira que agrupa as mulleres galegas do mar.

Trala presentación por Carmela Silva falarán da súa longa experiencia tres profesionais de traxectoria indiscutible como son: Dolores Gómez, presidenta de Mulleres Salgadas con trinta anos adicada ao cultivo do mexillón: Mari Carmen Resúa Rey, presidenta da Agrupación de Marisqueo a Pé de Cambados e que ademáis de traballar no mar falará da súa etapa na emigración; e María Xosé Vales, aínda patroa maior en funcións da Confraría A Pastoriza de Vilanova de Arousa.

Mulleres Salgadas é a primeira e única asociación de ámbito autonómico galego de traballadoras do mar; unha organización feminista que loita por mellorar a situación do colectivo e incrementar a súa presenza en postos de direción e decisión.

Engloba este colectivo tódolos oficios e profesións e representa a mais de 1.500 asociadas, de maneira individual ou a través das súas confrarías (Cambados, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Aguiño, Cabo de Cruz, A Pobra do Caramiñal ou Rianxo, entre outras), máis tamén a empresas, asociacións mexilloeiras como Amegrove, Aspromeri, Abanqueiro, Opmega; e asociacións culturais como Guimatur; cooperativas (Cooperativa de Mariscadores da Ría de Arousa) ou o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, entre outros colectivos.

Coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Mulleres Salgadas concede tódolos anos un premio ás mulleres do mar, descoñecidas polo público, que desde o seu posto contribúen ao desenvolvemento do sector, expoñen nas súas bases.

As ponentes de Cambados

Dolores Gómez Ordóñez é empresaria e bateeira, unha voz imprescindible de Mulleres Salgadas, asociación da que é presidenta, un cargo que suma a outros moitos na súa longa traxectoria profesional, despois de trinta anos adicada ao cultivo do mexillón. Foi presidenta de Aspromeri, pero sobre todo o seu papel é o do feminismo en maiúsculas.

Dolores Gómez Ordoñez, presidenta de Mulleres Salgadas FDV

En Arousa, falar de María Xosé Vales é facelo dunha pioneira no mundo do mar, chegando a ser unha das primeiras patroas dunha importante confraría como é a de Vilanova de Arousa, cargo no que tras varios anos á fronte prefire non repetir nestes comicios que se celebran esta semana. Forma parte da asociación feminista Mulleres Salgadas dende a súa fundación en 2016.

María José Vales Martínez, patroa maior de Vilanova en funcións FDV

Unha loitadora dende sempre, María do Carme Resúa Rey é sobre todo mariscadora a pé de Cambados, neta, filla e nai de mariscadoras e por tanto unha voz indispensable no colectivo. Actualmente é presidenta da agrupación de marisqueo a pé da Confraría de Cambados, ainda que antes traballou noutras actividades tamén vencelladas ao mar.

Mari Carmen Resua, presidenta agrupación de marisqueo a pé de Cambados FDV