Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Axudas para reparacións pero á espera de infraestruturas

Nove asociacións do Salnés reciben axudas para manter viva a vela tradicional, pero aínda faltan moitas infraestruturas

A "Rabandeira" logo de ser recuperada pola asociación cambadesa A Torre INAKI ABELLA DIEGUEZ

Despois dun intenso verán, onde as embarcacións tradicionais amosaron a súa boa saúde, especialmente coa celebración da Copa Mörling, gran parte da flota comeza a preparar o inverno, un inverno que podrá pasarse mellor coas axudas que aportou a Deputación para nove asociacións, pero que volverá a pasarse sen infraestruturas adecuadas para os barcos de gran porte na maioría dos portos.

Por concellos, Cambados recibiu achegas para tres colectivos, o Clube Mariño Salnés Asociación Deportiva’, que recibiu 9.365.02 euros para a restauración integral da dorna polbeira “Águila tres”; a Asociación Cultural e deportiva Vela Tradicional Cambados recibiu 1.277,76 euros para a mellora dunha vela de relinga para a dorna polbeira “A Julicheira”; e a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais A Torre recibiu 743,69 euros para a recuperación da embarcación “Rabandeira”.

O galeón San Pedro en plena restauración nun estaleiro de Cambados. | // IÑAKI ABELLA

No concello do Grove, a asociación Amigos da Dorna Meca recibiu 10.590,88 euros para a instalación dun motor interno na embarcación tradicional “Raku”, xa beneficiada por outras axudas anteriores da mesma liña. Dentro da Illa de Arousa foron tres os colectivos subvencionados: a asociación cultural e deportiva “Fasquía”, con 10.473,32 euros para os traballos de mellora da dorna de tope “Lavanqueira”; a asociación cultural Caramuxo ingresou 10.075,91 euros para a rehabilitación da embarcación tradicional “Daniel”; e a asociación cultural da Illa de Arousa, 10.028,54 euros para a recuperación do barco “San Pedro”.

No caso de Sanxenxo, os Amigos da Dorna de Portonovo recibiron 11.594,91 euros para o proxecto de recuperación e mellora da dorna xeiteira “Jatiña”, e en Vilagarcía de Arousa, a asociación cultural e deportiva Rompetimóns recibiu 10.183,36 euros para a recuperación e posta en valor da embarcación “Illa de Cortegada”.

Salvador Allo, presidente da Escola de Navegación Tradicional da Illa, entidade que máis número de barcos tradicionais posúe, non dubida en agradecer este tipo de axudas que “son importantísimas para todos os colectivos, xa que nos permiten salvar da desaparición embarcacións cun alto valor histórico, etnográfico, patrimonial e cultural, pero seguimos tendo un feixe de dificultades para a súa protección”.

A flota tradicional, sobre todo os barcos de maior porte, volverá a reclamar un sitio nos pantaláns para bateeiros solicitando que non se lle cobren as taxas por parte de Portos de Galicia polo seu labor na defensa da cultura mariñeira

decoration

De cara ao vindeiro inverno, Allo vaille solicitar a Portos de Galicia a posibilidade de que aqueles peiraos onde non existan Mariñas Tradicionais teñan a opción de refuxiarse nos pantaláns habilitados para a flota bateeira. Refírese Allo aos barcos de maior porte, como o propio “Rei do Mar” que se protexerían nalgún dos pantaláns vacíos. Iso sí, lembra Allo que “á flota tradiconal non se lle debería cobrar un só euro, xa que as asociacións estamos pondo gran parte do noso patrimonio para evitar que un ben etnográfico, cultural e patrimonial poida acabar desaparecendo”. Para Allo esta é a única solución para os barcos de maior porte que “non teñen un sitio no que protexerse e pasan o inverno á intemperie, co risco que iso pode supór para a súa integridade e para a perda dos cartos públicos que se investiron neles”.

Insiste Allo en que “esa posibilidade non lle estorba a ninguén, xa que poderían amarrar naqueles sitios que están baleiros, e tampouco lle suporía ningún tipo de coste a Portos de Galicia”. A proposta que se pon encima da mesa por parte da ENT non é nova, xenón que xa se ten tratado en máis dunha ocasión, sen que Portos de Galicia acabase por ceder.

Galeón "Illa de Cortegada" navegando por aguas de Vilagarcía. INAKI ABELLA DIEGUEZ

Desde A Illa tamén levan oito tempo reclamando unha Mariña tradicional, un punto no peirao do Cantiño que non só sirva para amarrar as embarcacións, senon que poida converterse nun auténtico museo flotante no que a xente poida descubrir as diferentes tipoloxías de embarcacións que navegaron os mares galegos antes da chegada do poliéster e dos motores fora borda.

Compartir el artículo

stats