Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carlos Guerrero Vázquez Animador e historiador da Festa da Auga

“Non son necesarios camións de bombeiros para desfrutar da festa en plenitude”

Aos seus 71 anos, Carlos Guerrero forma parte da Festa da Auga desde a súa xestación e destaca da súa última edición que “foi unha recuperación dos inicios e do seu espírito”

Carlos Guerrero animando a festa do pasado martes. | // NOÉ PARGA

Moita parte do crecemento da Festa da Auga débese, en boa medida, a Carlos Guerrero. A súa enerxía e implicación convertíuno, co paso das décadas, nunha persoa ligada para sempre a unha celebración que el mesmo desfruta e fai desfrutar. Con 71 anos de idade, hai escasamente 48 horas que voltou a exercer maxisterio no que se refire á defensa e posta en valor dunha tradición, a de San Roque, que aglutina familia, amizade, orgullo e un profundo respecto a Vilagarcía e ao vilagarcianismo.

– Voltou a Festa da Auga. ¿Qué supuxo para vostede un día así?

– Foi un día impresionante de emocións e de sentimentos. Para min foi, como lle decía aos meus netos, unha trisfesta. Despois da pandemia a sensación que tiña era a da necesidade de pechar unha etapa mala en todos os sentidos, pero á vez foi un día marabilloso, de reencontro da xente que desfruta e que traballa pola festa. Incluso a chuvia foi milagreira. A festa é de todos e a chuvia foi unha ledicia.

– ¿Desde cando vén a súa relación con esta celebración?

– Vén desde o comezo e por iso gústame recoñecer aos que fixeron realidade esta festa. Foi arredor do 1970 cando a Peña Setentinianos, que tiña a sede no bar de José Pérez Faya, quen fora presidente do Arousa, impulsou o traslado de San Roque ao mediodía e fómonos incorporando a esa iniciativa. Na década dos oitenta, formei parte da peña Os Gloriosos e fomos animando e participando na festa como sempre. Ese traslado de San Roque moi cedo se converteu en multitudinario e logo continuabamos cantando nos bares, con comidas campestres... Era unha festa do pobo de Vilagarcía que sempre desfrutamos moitísimo e cunha emoción moi especial.

Carlos Guerrero marcando o ritmo da celebración polas rúas de Vilagarcía. Noe Parga

– ¿Onde e cando caeu o primeiro caldeiro de auga? Esa molladura que desencadeou toda un acontecemento tan identitario.

– Foi no ano 1982. Era un verán dunha sequía grandísima e de moito calor e unha señora empezou a tirar auga en Romero Ortiz. A xente apelotonouse debaixo e o pouco empezou unha mangueira. Incluso houbo quen abriu unha botella de cava e valeirouna tamén por riba da xente. Para nós ese foi o comezo da Festa da Auga.

– Unha festa que tamén tivo que lexitimarse e regularizarse despois dun nacemento tan anárquico.

– Houbo moitas dificultades. Dende o traslado de San Roque, o respecto á tradición relixiosa, nas fontes tamén había case vandalismo e non se respectaba a zona seca... A Festa da Auga oficializouse no 1991 con Javier Gago como alcalde e Carlos Méndez como concelleiro de Cultura. Alá fomos Javier Camba máis eu a oficializar a festa e a consensuar normas de respecto e de convivencia. Loitouse moito para que o respecto imperase e que se eliminaran cousas como botar auga durante a subida do Santo ou evitar o gamberrismo. Fixéronse as primeiras camisolas oficiais, unha iniciativa que continúa dende entón, e fixéronse sinais para as zonas húmidas e secas. Incluso fixemos unhas postais onde a xente daba a súa opinión e ata Pepe Rubianes escribíunos para dicir que debería haber pregón da Festa da Auga. Fixémolo tamén e o primeiro pregoeiro foi Antonio Durán “Morris”. Aquela conversa con Gago e con Méndez impulsou moitísimo a festa ata o que supón agora para todos nós.

“A festa vaise reconducindo porque somos moitos máis os que queremos o respecto por San Roque e por Vilagarcía”

– ¿Que é a Festa da Auga para Vilagarcía?

– É un recoñecemento e un orgullo do propio. Unha mostra de entendemento e de orgullo compartido entre diferentes sectores da cidade. Que respecta o fervor relixioso e o conxuga coa diversión e as gañas de desfrutar respectando as normas. É tamén unha referencia nacional e internacional de Vilagarcía, traspasa fronteiras.

– ¿E para vostede que supón este evento?

– Eu son do Castro desde os pés ata o último pelo. E teño un sentimento enorme cara Vilagarcía, e polo deporte, a clubes como o BBC, o Balonmán Carril e o Arousa. E a Festa da Auga tamén é parte da miña vida. É unha festa interxeracional e o máis bonito e podela compartir cos meus netos.

A súa identidade con Vilagarcía faino líder de calquera Festa da Auga que se celebre. Noe Parga

– ¿Nalgún momento converteuse nunha celebración perigosa? Desas nas que o descontrol supera calquera tipo de tradición ou identidade.

– Houbo momentos duros, de moitas dúbidas. Foise todo amainando e a xente pode desfrutar de verdade do que é o espíritu da festa. Eu era totalmente contrario á festa House que se facía na zona TIR e foron momentos de controversia. É certo que eu nesas horas da noite estou descansando, pero no que vexo percibo máis respecto e implicación. Houbo e haberá algún desmadre, pero temos que lembrar que é unha festa multitudinaria e se está reconducindo. Basicamente porque somos moitos máis os que queremos o respecto pola tradición, por San Roque e por Vilagarcía.

– A do martes non foi a máis multitudinaria, pero recuperouse a esencia máis pura. ¿Non cre?

– Concordo totalmente. Para min foi unha marabilla que Sara Gómez fora pregoeira, reencontrarme coa xente, cos abrazos... Eu crieime na universidade popular de ‘Os Tres Balcóns’ e a relación coa xente acompáñame de sempre. Foi unha recuperación dos inicios e do seu espírito e unha mensaxe clara de que non son necesarios nin os camións de bombeiros nin os hidrantes para desfrutar en plenitude da Festa da Auga.

“Ver tanta xente é unha sensación de emoción incrible”

– É vostede unha base de datos humana do que é a historia desta celebración.

– A verdade é que teño bastante memoria e lémbrome moito de detalles. O primeiro concerto vencellado á festa foi o de ‘Bombeiros Voluntarios’ e foi no Castro. E na Peixería tocou ‘Na Lúa’ que nos compuxo a canción “Carballesa Macumba’ adicada á Festa da Auga. Hai moita cantidade de historias. Incluso no 2004 fixemos unha exposición que agora, afortunadamente, quedou diminuida pola extraordinaria mostra que está na sala Rivas Briones cun enorme traballo do gabinete de comunicación do Concello de Vilagarcía. Unha exposición que ten que ser o pistoletazo de saída para que a xente se sume a aportar as súas pequenas historias á grande suma de historias que é esta festa. Agora que me lembro, incluso no 2006, coa vaga de lumes que houbo, quixemos homenaxear aos loitadores contra o lume e non houbo pregoeiro da Festa da Auga. Fixémolo cunha voz en off, a voz de Alfonso Saavedra. E nese 2006, no mes de xuño, foi declarada a festa de interese turístico nacional.

– Para unha persoa que sinte tanto unha data coma o 16 de agosto, ¿cal é o momento máis emotivo do día?

– O momento máis emotivo é entrar na igrexa para recoller o Santo. Agardar a que o reloxio marque as doce menos cuarto e se abran as portas. Ves a tanta xente agardando que é unha sensación de emoción incrible. É un momento espectacular, comparable a cando se sube a San Roque e diante da capela soa o himno galego. Cando remata, o Santo entra de costas na capela e logo comezamos a abrazarnos todos cun sentimento a flor de pel. Un momento no que tamén lembras aos que xa non están. É unha festa que vai sumando momentos. Ver Os Ingleses formar o cordón humano, os portadores, os caldeiros de confeti, a Banda de Música... Pel de galiña.

Compartir el artículo

stats