Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A navegación tradicional regresa ao Grove no seu tributo permanente a Staffan Mörling

Unhas trinta dornas participarán na XXXIII Regata dos Faros, a segunda proba da Copa que leva o nome do antropólogo sueco

Un grupo de dornas navegando pola ría de Arousa este verán. Noé Parga

A navegación tradicional galega sempre estará en débeda co antropólogo e etnógrafo sueco Staffan Mörling. É por esa razón pola que este ano se decidiu pór en marcha unha Copa co seu nome na que se inclúen algunhas das regatas máis veteranas de dornas. Unha delas é a Regata dos Faros no Grove, unha proba que o vindeiro sábado acadará a súa XXXIII edición e na que está previsto que participen unhas trinta dornas de toda a ría de Arousa e da de Pontevedra.

A proba foi presentada onte no Grove e estará organizada pola asociación da Dorna Meca. Eduardo Parada, presidente da asociación, agradeceu onte a implicación do Concello e lembrou que, a primeira edición desta competición celebrouse o 19 de agosto de 1989, co obxectivo de que “as dornas navegaran a vela e potenciar o deporte tradicional”.

A Regata dos Faros sairá desde o pantalán de abrigo do porto do Grove ás 16.30 horas, coas dornas navegando en dirección á baliza de Arido, antes de continuar entre o faro da Lobeira e do Sinás. Logo, virarán no faro do Pragueiro, tamén coñecido como Umias, un circuito dunhas 2,5 ou tres millas.

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, destacou que esta regata encádrase nas actividades culturais-deportivas do Concello. Lembrou que as competicións de dornas a vela estaban, antigamente, vencelladas á actividade económica pero que, hoxe en día, son unha actividade cultural e de recuperación do patrimonio. Sobre a figura do antropólogo Mörling, que quedou a vivir en Galicia despois dunha viaxe cando era moi novo, dixo que era o exemplo de que “os galegos nacemos onde nos dá a gana e acabamos vivindo aquí”.

A Copa Mörling está organizada por Culturmar, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. O seu presidente, Xosé Luis Sacau, lembrou que a Federación fora fundada xa hai case 40 anos pola asociación meca. Sacau destacou que o campionato é unha especie de recuperación do que a finais dos anos 90 era a Copa Galicia, “para poñer en valor a navegación tradicional xa que principalmente as regatas de dornas a vela son unha “exhibición dunha parte da nosa cultura”.

A Copa Mörling arrancou o 2 de xullo coa Regata do Salnés, en Cambados. O calendario inicial prevía unha competición anterior en Portonovo, a Regata do Sepelo, mais non puido celebrarse por mor do mal tempo e está pendente de que poida celebrarse noutra data.

Despois do circuíto do Grove, celebraranse as seguintes regatas: o Triángulo do Cantiño, na Illa da Arousa (6 de agosto); e a Regata da Reiboa, en Combarro (27 de agosto).

En marcha o censo de barcos


A Xunta de Galicia incluíu onte os primeiros 23 barcos no rexistro de embarcacións tradicionais e históricas de Galicia, unha base de datos integrada no Censo de Patrimonio Cultural e que forma parte das medidas de salvagarda que está a pór a Consellería de Cultura. As primeiras resolucións foron publicadas onte no DOG, que nos próximos días continuará oficializando as restantes, despois de ter autorización do órgano de xestión. Este órgano encargado de avaliar cada unha das solicitudes está constituído por representantes da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) e da Federación Galega de Confrarías, así como por un experto independente e outro de Portos de Galicia. Trátase dunha ferramenta de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial que representa ás comunidades portadoras dos seus valores culturais, e non ten un carácter administrativo nin dependente da Xunta. No día de onte publicáronse no DOG as resolucións polas que se inclúen na Sección de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, do Censo de Patrimonio Cultural de Galicia das seguintes embarcacións: Canouro, Funqueira, Nordesia, Reina, Balbina, Lelia Doura, Curuxán e Xoulon. Nos vindeiros días iranse publicando as resolucións dos restantes barcos: Semparada, Falucheira, Fanequeira, A Marosa, A Oleira, Anguleiro, Madorniña, O Peixiño, Silvia Cristina, Mar de Muros, A Barola, Cormoráns de Ons, Chasula, Sara O e Casilda Un.


Compartir el artículo

stats