Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Preparativos logo de dous anos de parón Álvaro Cardalda Meléndez Novo director do certame “Vilaxoán Canta”

“Hai un baleiro xeracional que temos que encher para non perder o noso patrimonio”

O mozo vilaxoanés colle o temón desta espontánea coral con 42 anos de tradición

Álvaro Cardalda, no primeiro ensaio deste verán do “VilaxoánCanta”, no Fogar do Pescador. Iñaki Abella

Álvaro Cardalda Meléndez, de 32 anos, colleu o testigo de Salvador Cores, “Manso”, á fronte dunha particular e tradicional agrupación vocal que se xunta soamente unha vez ao ano. Trátase do “Vilaxoán Canta”, un evento que cada luns das festas do Carme –en xullo– reúne na praza Rafael Pazos a decenas de veciños para entoar cancións populares ou ben para escoitalas. “Manso” xa anunciara no 2019 o relevo, pero chegou a pandemia de coronavirus e o “Vilaxoán Canta”, como todos os actos culturais, tivo que adiarse. Logo de dous anos sen escoitar o mítico “Sómosche de Vilaxoán” na praza central do pobo, o 18 de xullo retomarase por todo o alto este popular certame con máis de corenta anos de historia. Xa comezaron os ensaios, nos que están a participar un cento de persoas. O martes será o primeiro adicado aos nenos, unha das novidades desta edición na que se estrea Álvaro Cardalda na dirección.

– Salvador Cores, “Manso”, anunciou no 2019 que se retiraba da dirección do “Vilaxoán Canta” e vostede ía selo seu sucesor, pero a pandemia demorou o traspaso. Como foi esa espera?

– A verdade é que foi unha sucesión de momentos. Comezamos ensaiando xuntos os primeiros anos, penso que foron tres anos, eu como músico, co acordeón, e el como director. No último ano decidiu deixar e que collese eu o relevo, pero co tema da pandemia non se puideron facer os eventos. Así que poderíase dicir que este é o ano da sucesión logo de dous de espera.

– Como está respondendo a xente nos ensaios?

– A verdade é que moi ben. Fixemos cinco ensaios e a afluencia de público é bastante elevada, entre 60 e 80 persoas. Pero a xente altérnase, é dicir, algunas persoas veñen un día e outras outro, polo tanto anda a cousa sobre unhas cen persoas distintas. E a aceptación por parte dos medios tamén está a ser grande.

"A acollida está a ser moi boa, participan un cento de persoas distintas"

decoration

– Cal é o perfil dos participantes que se animan a cantar nos ensaios?

– A media de idade é alta. A idea é que coa incorporación de traballar cos nenos pequenos consigamos que polo menos os nenos e os seus pais entendan o que se quere facer, que é seguir coa tradición, que a xente cante e se transmitan as letras populares; é patrimonio cultural. Que esas xeracións continúen. Hai un baleiro xeracional que hai que cubrir.

– Entre que idades?

– Entre os adolescentes e os 35 ou 40 anos a participación non é moi elevada.

– Unha das novidades introducidas baixo a súa dirección son os ensaios destinados exclusivamente a nenos. Comezan o próximo martes 5 de xullo. ¿Esíxese algún requisito?

– Non, ningún. Todos os nenos e nenas aos que lles apeteza cantar poden vir. Eu vou traballar con eles facendo dinámicas para que sexa un momento lúdico.

– Que repertorio están a traballar?

– Seguimos co repertorio clásico. Hai unhas cancións que son as de sempre, é o repertorio popular, como Una nave sin sumbo, Sómosche de Vilaxoán o Luz Divina. Son cantigas en castelán que se cantaban aquí en Vilaxoán sobre todo polos mariñeiros e cántanse dende sempre no Vilaxoán Canta, desde que no 1980 comezou o evento.

– Son máis de corenta anos. Como naceu o evento?

– Foi uha confluencia entre o director daquela época, Máximo Patiño, e o acordeonista, que era Manso. Patiño era o director da Coral Polifónica de Vilaxoán e chamou a un compañeiro músico para facer algo de canto popular en Vilaxoán. Decidírono facer o luns do Carmen e sempre se fixo nesa data. A xente en Vilaxoán, todo o que sexa cantar e facer algo de festa gústalles. E aí naceu.

– Contémplase algunha novidade máis nesta nova etapa do “Vilaxoán Canta”?

– Ademais dos ensaios dos nenos, intentaremos achegar o escenario ao público, un escenario máis cercano, menos alto e máis pequeno para que non haxa esa barreira. Será o luns 18 de xullo ás 20.30 horas. Vai haber convidados sorpresa e haberá algunha cousiña máis. Pero non son cambios, son novidades. Quero recalcar que é un evento que ten grande importancia, sobre todo a nivel galego. Moitos lugares viron o que se estaba a facer en Vilaxoán e fan algo parecido ao noso. Dende o grupo de persoas que o estamos a facer queremos darlle a importancia que merece.

"Intentaremos achegar o escenario ao público, un escenario máis cercano, menos alto e máis pequeno para que non haxa esa barreira"

decoration

– Cre que non está recoñecido o suficiente?

– Si, si. Pero digamos que é importante que sexa un evento que á parte de transmitir cultura e estar ligado a Vilaxoán, sexa un evento que trascenda máis aló da vila.

– Os nenos van cantar xunto cos adultos?

– Si. Os ensaios son por separado para poder traballar con eles con diferente dinámica pero queremos unir xeracións e o repertorio duns e doutros será o mesmo, non cambia coas idades.

– Por que decidiu coller o temón do “Vilaxoán Canta”?

– É unha responsabilidade continuar cunha tradición do teu pobo. Estou ligado a el en moitos ámbitos: na comparsa, toco no Nadal, tamén en cousas que se soen facer en Vilaxoán... Son acordeonista e foi unha sucesión natural. É algo que ves desde pequeniño, a un home tocando un instrumento que soa moi ben e a xente cantando. Valo vendo dende pequeno e como músico che gusta.

"Xa só pola música, Vilaxoán ten identidade propia. No tema político xa non me meto"

decoration

– É dos vilaxoaneses que pensa que o seu pobo ten identidade propia?

– Claro. Vilaxoán é un pobo cunha identidade propia, ten a súa forma de ser, de celebrar as celebracións valga a redundancia, de facer comunidade e tamén no sentido do canto, no xeito de comunicarse, que é diferente, como pasa noutros lugares. E ao mesmo tempo isto tamén é un handicap que deberíase de explotar porque é algo único dentro da comarca. Dende Vilaxoán sempre se une o pobo para facer as reclamacións pertinentes. Ás veces considérase máis un barrio, pero eu son dos que penso que ten identidade. Pola propia música xa ten identidade propia, no político xa non me meto.

Compartir el artículo

stats