Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Así foi a inauguración do monumento a Cabanillas

Hoxe cúmprense 62 anos da primeira gran homenaxe póstuma do pobo de Cambados ao Poeta da Raza

Monumento a Cabanillas, nunha imaxe recente Noe Parga

O 3 de xullo de 1960 foi domingo, como este ano, e durante ese día tiveron lugar en Cambados unha serie de actos de homenaxe a Don Ramón Cabanillas coa inauguración do monumento na Calzada como actividade principal, pero non a única.

Pola mañá, actos relixiosos e literarios en Fefiñáns. Ao mediodía descubrimento do monumento e acto político-literario na Calzada. E pola tarde sesión extraordinaria da Real Academia Galega no Cine Cervantes e acto institucional de clausura no Concello. Era evidente a intención de apoiar a inauguración do monumento organizando outras actividades, calquera delas con entidade propia, pero que todas xuntas acreditaban o empeño de que a homenaxe tivese unha dimensión extra-local: “Un homenaje de Cambados y Galicia a Don Ramón Cabanillas”, foi frase acuñada e difundida repetidamente nos escritos da comisión organizadora e recollida literalmente como titular nas crónicas xornalísticas.

Antonio Magariños Granda, como secretario desa comisión, conservou testemuños, fundamentalmente recortes de prensa, cartas e escritos mecanografados, que axudan a reconstruir o que se pretendía e o que pasou nese día, que algúns poucos recordamos apenas e que para a maioría son xa informacións esquecidas ou descoñecidas.

En 1958 celebrárase a homenaxe de Padrón e había en Cambados dende aquela un sentimento de débeda, como o demostra que no escrito de petición do permiso gobernativo para estes actos de 1960 se citen como antecedentes as homenaxes celebradas despois do pasamento de Cabanillas en novembro de 1959: da Real Academia Galega na Coruña, da Universidade en Santiago, do Centro Gallego de Madrid, do Instituto Laboral de Ribadeo e do Instituto de Enseñanza Media de Pontevedra. Resultaba evidente que faltaba a homenaxe de Cambados e os promotores tiñan o empeño de que fose “de Cambados y Galicia”.

Autoridades, na inauguración do monumento. | CEDIDA POR ANTONIO MAGARIÑOS

A primeira iniciativa documentada nestes papeis é unha proposta de Don José González Fraga, o 24 de maio de 1959, para un monumento conxunto a Cabanillas e Asorey “en el cruce de las calles Real, Príncipe y Sagasta (así se llamó al abrirla, al trozo de carretera que enlaza con la de Pontevedra), donde estaban las casas en que aquellos nacieron”. Pero a idea que se consolidou foi a dunha homenaxe a Cabanillas con monumento de Asorey. E o que sabemos é que o Concello aprobou a creación dunha comisión organizadora presidida polo alcalde, Andrés Iglesias, cunha composición moi pragmática que centralizaba os traballos no secretario executivo e da que formaban parte os correspondentes locais da prensa e os directores das entidades bancarias. Para resaltar o carácter histórico do acontecemento a convocatoria oficial estaba apoiada polos oito exalcaldes anteriores: Juan Salgado Pérez, Manuel Silva Núñez, José Padín Pardo, Juan Vidal Fraga, Manuel Silva Losada, Luis Fariña Couto, José Cadarso Cobas e José Peña Oubiña.

A comisión fixo unha convocatoria oficial amplísima: “A todos los Centros Gallegos y entidades similares de España y América, a los 316 Ayuntamientos de Galicia, a las cuatro Diputaciones Provinciales gallegas”, solicitando colaboración na difusión e achega económica. Invitouse tamén ás autoridades universitarias, relixiosas, científicas, asociacións de todo tipo e, persoalmente, aos principais representantes da intelectualidade galega do momento.

Cambados xa planeara unha homenaxe en agosto de 1959, pero suspendeuse

decoration

A nómina de asistentes e dos que enviaron textos escritos foi máis que aceptábel para cubrir o ámbito representativo galego que se pretendía. Pero a planificación de actividades era moi ambiciosa e algunhas quedaron sen cumprir. Por exemplo, a “edición económica de su obra lírica más popular”, que non se fixo. Tampouco se fixo o folleto previsto coas intervencións dese día nos diversos actos. Só se publicou un díptico-recordatorio cun poema de Aquilino Iglesia Alvariño. Con todo, comparando o programa oficial de actividades previstas coas crónicas dos periódicos o resultado é bastante coincidente.

Os actos foron o domingo 3 de xullo, e os luns non se editaban periódicos, só as “Hojas del Lunes”. Pero o martes 5 tódolos xornais de Galicia daban noticia dos “actos de Cambados”. Como exemplo demostrativo ver a crónica do enviado especial do “Faro de Vigo”, B. Conde, publicada a páxina enteira no gran formato do Faro daquela, que ofrece unha secuencia da intensa xornada. (FV. 1960-07-05, p. 5).

A crónica dos actos

No cemiterio, o texto de Cunqueiro foi lido por Ramón Millán, afillado de Cabanillas, despois das intervencións de Manuel Cuña Novás, José María e Emilio Alvarez Blázquez, Celso Emilio Ferreiro, Victoriano Taibo e Aquilino Iglesia Alvariño. As crónicas dos periódicos permiten acreditar tamén que se cumpliron as intervencións previstas, e outras que non figuraban no programa, como as de Ramón González Alegre, José Díaz Jácome ou Julio Sigüenza. E destacan como asistencias distinguidas as de Francisco Vales Villamarín, José Luis Bugallal, Isidro Parga Pondal, Joaquín Otero, Fermín Bouza Brey, Valentín Paz Andrade, Aquilino Iglesia Alvariño, Raimundo García Domínguez, José Mosquera Pérez, o presidente da Diputación Provincial, Prudencio Landín Carrasco, e o rector da universidade compostelana.

As noticias dese día resaltan no acto da Calzada unha audición en cinta magnetofónica do propio Cabanillas e unha intervención do fillo, Manuel Cabanillas Álvarez, agradecendo en representación da familia os actos de homenaxe. Tamén dan conta de outras institucións representadas nos actos: “La Asociación Iniciadora y Protectora de la Real Academia Gallega en La Habana, representada por don Isidro Parga Pondal; el Centro Gallego de Buenos Aires, representado por don Valentín Paz Andrade; don Felipe Cordero Carrete representaba al Instituto Padre Sarmiento; don Silvio Santiago, expresidente del Centro Gallego de Caracas; a Lar Gallego de Caracas lo representaba su delegado en Galicia, don Juan Noya Gil”. Sen omitir a participación como enviados especiais dos operadores de “NO-DO”, do “productor gallego cinematográfico, Sr. Hermida, residente en Buenos Aires, así como enviados especiales de diarios regionales y nacionales”. Tamén houbo un “almuerzo de confraternidad” en Casa Rosita e ás oito da tarde, no Salón de Plenos, unha recepción do Concello como despedida.

Na parte posterior do monumento hai un curioso erro no gravado das obras do poeta

decoration

Ademáis desta longa relación de asistentes debería de computarse a lista de invitados que se escusaron ante a comisión (a maior parte por telegrama) por non poder vir e a singularidade dos que remiten textos, algún manuscrito, como o de Celso Emilio Ferreiro, outro mecanografado pero con firma autógrafa de Manuel María ou a carta manuscrita de remisión do pregón de José María Castroviejo.

Un caso especial é unha carta e textos manuscritos de José Muiños de Ferro, de 25 de xullo de 1959, remitindo un poema, “Os mariñáns. Canción-Himno”, con partitura musical, solicitando que se interpretara esa peza na homenaxe de agosto dese ano en Cambados.

Efectivamente, son varias as referencias que acreditan a previsión de celebrar a homenaxe en agosto de 1959. Non teño constancia das razóns iniciais do aprazamento antes da definitiva por causa do pasamento de Cabanillas en novembro dese ano. Pero o que chama a atención é a existencia desta presunta nova versión en substitución do himno “Acción Gallega” de Vento Mareiro que, segundo nota do autor remitente, “Esta poesía es inédita y su autor la hizo hace años ex profeso para esta partitura musical sustituyéndola por otra de su famoso libro de versos “Vento Mareiro”. Non atopei rastro destes versos en ningunha das edicións das obras de Cabanillas consultadas.

Por último, quero contar unha anécdota da que fun testemuña. Nos días inmediatos á inauguración do monumento, Antonio Magariños Granda berroulle a Antonio Pérez (Antonio de Segundo) porque no listado de títulos de obras de Cabanillas gravados a cicel na parte posterior puxera “Damiña zanfona” en vez de “Da miña zanfona”. Para facer didáctica a reprimenda, dicíalle que en lugar de “De mi zanfona” o que escribira era “Señorita zanfona”. Para os que queiran comprobalo, a “señorita” zanfona aínda está onde a deixou Antonio de Segundo.

*Antonio Magariños Compaired é fillo de Antonio Magariños Granda, secretario executivo da comisión organizadora da homenaxe a Cabanillas de 1960.

Compartir el artículo

stats