Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os novos folgos do baile e a música galega

Penaguda, Soalleira e As Cantigas de Elena fixeron as delicias do numeroso público no XIX Encontro de Música Tradicional

Concerto de As Cantigas de Elena FdV

Tres formacións, e con sendas propostas diferentes que casaban entre si, protagonizaron o “Encontro coa Música e Baile Tradicional” en Dena. Sobre a pista deportiva ao aire libre do vello pavillón, actuaron os grupos da Cultural Penaguda, con máis dunha trintena de integrantes entre danzantes de gaiteiros, e Soalleira de Dorrón, que á vertente de gaita e baile engadía a de cantareiras, con percusión ou pandeireta. Logo, na prazoleta dos colexios ao carón, quenda para As Cantigas de Elena en concerto.

Actuación de Penaguda, que organizou o festival de Meaño. | // FDV

Penaguda e Soalleira ofreceron un doble pase cunhas 150 persoas apostadas en sillas e na vella bancada. O resultado foi un evento dinámico e próximo pola inmediatez do público aos danzantes. Isto contribuiu a que aquel poidera vivilo, seguindo de preto os pasos duns bailaríns que amosaban que a preparación física tamén contaba neste eido.

Cantareiras de Soalleira, enriba do escenario. | // FDV

Tras a gaita e danzantes, quenda para As cantigas de Elena, con Pipo Alvariño (guitarra), María Vidal (voz) e Miryam González (acordeón), que interpretaron coa esencia de antes as vellas cantigas recollidas na aldea de Toutón (Mondariz), rescatadas da memoria de Elena Alonso Pino, unha muller que, de vivir hoxe (finou en 2015), viría a ter 94 anos. Na presentación, Pipo Alvariño -guitarra e neto daquela- explicaba ao público, que “Elena lembraba unha multitude de melodías, algunhas delas moi antigas, que cantou de xeito irrepetible e que, entendemos, non podían permanecer máis tempo no esquecemento”.

Unha labor de recuperación no que tamén traballou coa formación “Pichi” Abollado”, mestre de baile tradicional desde fai 35 anos, e que desde 2014 imparte esta disciplina en Dena de mans da cultural Penaguda.

Foron once cantigas, entre as que soaron “As conchiñas”, “O Manuel e Elena”, “Xota para Elena de Toutón” ou a “Muiñeira de Lira”, que enmarcaban un disco editado en 2018, e que mesmo inclúe cinco cantigas emocionais coa voz orixinal da finada Elena Alonso.

O estupendo traballo de Tanxugueiras

“Tanxugueiras fixo un traballo estupendo que está a fomentar un montón o mundillo da música e do baile tradicional”. Valorábao así Francisco Abollado “Pichi”, mestre de baile en Dena. “En Penaguda -agrega- a pandemia fixo moito dano nos grupos de cativos, pero á volta, empurrados tamén polo fenómeno Tanxugueiras, estamos atopándonos cun grupo de adultos, con xente de máis de 30 anos que nunca bailara, que agora quere aprender e isto resulta moi fermoso”.

Un alento de “Pichi” Abollado transmite a xente maior, para animala a mergullarse na escola de baile tradicional da cultural Penaguda.

Entre o grupo de danzantes de adultos de última xeración, o propio Diego Rosal, percusionista na BUMM, mestre da disciplina na Escola de Música e, recentemente, proclamado como alcaldable do BNG para 2023. “O baile tradicional -recoñecía- era unha ilusión que tiña aí pendente, logrei mudar os horarios de percusión na escola e meterme nas clases de Penaguda: empecei fai seis meses e hoxe -polo sábado- estreeime aquí co grupo de baile”.

Subsistir e manter a actividade en Penaguda non resulta doado no municipio meañés. Antonio Prieto, presidente e gaiteiro do colectivo, explica que “todo o que gañamos en pasarrúas e festas co grupo de gaitas, váisenos por enteiro en pagar aos mestres, complemetando así as cotas mensuais que de por si pagan os alumnos”. Unha traxectoria que, pese a coincidir no que levamos de século coa Escola de Música Municipal de Meaño nunca acadou un entronque con mesmo.

“Tivemos falado máis dunha vez co concello -apunta Antonio Prieto- para entrar a formar parte como sección de música tradicional dentro de la Escola Municipal de Música, pero a nosa proposta nunca tivo acollida, é unha mágoa”.

Compartir el artículo

stats