Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Corrixir a deturpación de Arosa, proposta de Queremos Galego ao conxunto arlequinado

A plataforma cidadá anima a Manolo Abalo a ser o presidente que acabe coa aberración lingüística que loce o club no seu nome

Queremos Galego convida aos arlequinados a chamarse Arousa, como a vila, o Concello e a ría. Noé Parga

A Plataforma Cidadá Queremos Galego, que reúne a máis de cincocentos colectivos a prol da defensa do galego, reabriu onte un vello debate no seo de grupos de siareiros arlequinados, o de seguir utilizando o nome deturpado de Arosa ou o de cumprir coa Lei de Normalización Lingüística, aprobada polo goberno de Manuel Fraga Iribarne na Xunta, e pasar a denominarse Arousa. O colectivo remitiu onte sendas misivas ao presidente do club, Manolo Abalo, e ao alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, animándoos a que dean un paso que xa debeu ter sido dado hai moitos anos, acabando cunha aberración lingüística tanto para o galego como para o castelán.

Nesa reclamación, Queremos Galego aproveita o feito de ter recibido o conxunto arlequinado a Medalla de Ouro da cidade polos 75 anos de historia e por ser un emblema deportivo, algo que non pon en dúbida, pero entende que o club nunca poderá ser “un referente social, xa que incumpre o máis básico, que é a Lei de Normalización Lingüística; a Sociedade Cultural pode ter a denominación que queira, pero o club de fútbol que representa a cidade non pode ter un topónimo que non se axusta ao nome da mesma”.

É por iso que, na carta ao presidente, a plataforma recoñece que a cidade de Vilagarcía saldou a débeda que tiña coa entidade deportiva ao entregarlle a Medalla de Ouro, polo que agora “tócalle ao Arousa saldar a débeda que ten con Vilagarcía cambiando o nome e pasando a chamarse como a vila, o Concello e a ría”. Nese contexto, desde a plataforma animan a Manolo Abalo, o actual presidente da entidade, a protagonizar ese cambio. “El é o número 22 que exerce como presidente da entidade e agardamos que sexa o que teña o privilexio de ser quen neste momento de tomar esa decisión, xa que houbo outros 21 presidentes e centos de directivos que non o fixeron”, explican.

A solicitude chega tamén na véspera da celebración do Día das Letras Galegas, unha data de celebración da lingua propia na que sería festexado que, por fin, o conxunto arlequinado mudase o seu nome e deixase de usar unha forma totalmente deturpada.

O comunicado remitido ao alcalde de Vilagarcía camiña pola mesma liña, pero dá un paso máis alá, ao reclamar ás institucións como o Concello de Vilagarcía que este cambio na denominación “ten que vir acompañado do esforzo das institucións e poderes públicos, que ademáis da obriga moral de defenderen os nosos intereses colectivos, ten a obriga legal de promover e garantir a posibilidade de uso do galego en todo e para todo”. Insiste no tema da legalidade na toponimia, algo que non sempre se cumpre desde diferentes entidades públicas. Desde a Plataforma manteñen que “a lingua galega une e é o principal elemento de cohesión, identidade e progreso de Galicia, por iso reclamamos ao Concello de Vilagarcía que comece a actuar en consecuencia”. Por iso lle reclaman ao grupo de goberno e aos demáis grupos municipais que compoñen a actual corporación municipal, a convocatoria dun pleno extraordinario, coincidindo coas datas nas que nos atopamos, para adoptar un acordo por unanimidade no que se lle reclame á Sociedade Cultural o cambio de denominación de Arosa por Arousa.

Votación nos anos 90

Esta polémica non é a primeira vez que estoupa no seo do conxunto arlequinado. Nos anos 90, un grupo de socios promoveu unha consulta a toda a masa social da entidade para acabar co uso do nome deturpado e usar o termo Arousa. Sen embargo, na votación gañou continuar incumprindo a Lei de Normalizacón Lingüística e manter Arosa. Ben é certo que, pese a non mudar o nome, nos últimos anos se teñen dado algúns pasos desde o clube para fomentar o uso do galego, retirando o aberrante himno no que se falaba de “Giabre” e “Ría de Arosa” a utilizar outro en lingua galega pero mantendo o nome do club coa forma deturpada.

Compartir el artículo

stats