Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As Letras Galegas xa se festexan en Cambados

As actividades arrincan hoxe coa exposición de paneis adicados a Florencio Delgado Gurriarán

Dúas nenas sosteñen un panel adicado a Xela Arias, nos actos das Letras Galegas de 2021 NOE PARGA

A programación das Letras Galegas de Cambados comeza hoxe xoves coa exposición dos paneis sobre Florencio Delgado Gurriarán -autor homenaxeado este ano- que elaboran curso tras curso os alumnos dos colexios e institutos, e que estarán de novo no Paseo da Calzada. Mañá venres terá lugar a segunda actividade, un recital de poemas de Gurriarán por parte de estudantes. Unha vez máis, será no Paseo da Calzada, a partir das 10.30 horas, e contará co acompañamento musical de BoudeBou.

O programa deseñado pola Concellería de Cultura, que dirixe Constantino Cordal, prosigue o domingo, 15 de maio, cos pasarrúas das asociacións Volandeira e Xironsa (ás doce do mediodía), e a actuación das asociacións culturais a partir da unha da tarde. Ese mesmo domingo, ás 19.00 horas, a compañía Oviravai porá en escena “A Miña lingua, a Túa lingua”, unha peza de teatro musical infantil. A función será no Auditorio da Xuventude e patrocínaa o plan FalaRedes da Xunta de Galicia.

O día grande é o martes, coa ofrenda floral a Cabanillas e o concerto da Banda de Castrelo

decoration

Na véspera do día das Letras, Xoán Silva e Blas darán un concerto ás 10 da noite na rúa Isabel II, acompañados por Anxo Xesteira e José María Trigo.

Finalmente, o día grande das Letras Galegas en Cambados será o mesmo martes. Ás 12 do mediodía está prevista a ofrenda floral institucional no monumento a Ramón Cabanillas, no Paseo da Calzada. Media hora máis tarde dará comezo o concerto da Banda de Castrelo. Será tamén na Calzada, aínda que se trasladaría ao Auditorio en caso de chuvia.

O Concello de Cambados recupera así o groso das súas actividades de promoción da lingua galega, despois de dous anos nos que a programación se viu mermada -ou, directamente, cancelada- a consecuencia da pandemia.

Compartir el artículo

stats