Ramón Caride e Domingo Tabuyo presentan mañá xoves en Pontevedra os seus libros máis recentes, “A chuvia integral” e “Sentirte é, acaso, o mellor lugar para renderse”, publicados ambos polo selo Medulia Editorial. O acto será no Espazo Nemonón, en Villa Pilar, na alameda, a partir das oito do serán.

“A chuvia integral”, de Ramón Caride, é unha obra na que o autor de Cea afincado en Cambados volve explorar as posibilidades do aforismo na poesía, como xa fixera con “A chuvia humana”. O seu novo poemario está articulado arredor da chuvia e do seu léxico, e consta de ducias de brevísimas pezas nas que reflexiona sobre literatura, política, identidade cultural ou relixión. Tabuyo, pola súa parte, presenta un libro no que o lector atopará os eixes centrais da súa lírica, pero en versos e imaxes máis curtos e limpos, froito dunha destilación lenta da linguaxe, das emocións e do pouso deixado durante anos polas experiencias vitais.