Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rosa Abuín nnficha personal | Sindicalista xubilada

“A clase traballadora non pode seguir apática e perdendo dereitos”

“Á dereita interésalle criminalizar aos sindicatos porque iso desmobiliza”

Rosa Abuín ante a sede da CIG en Vilagarcía. Noe Parga

Durante os últimos 38 anos, Rosa Abuín foi unha das caras de prácticamente todas as reivindicacións laborais que se rexistraron na comarca do Salnés. Militante primeiro na INTG e despois na CIG, defendou na rúa os dereitos de moitos traballadores e sentouse á mesa en centos de negociacións, onde adquiriu fama de dura. Tamén se significou na loita política, chegando a ser membro do grupo de goberno de Vilagarcía polo BNG.

– Como chega Rosa Abuín ao sindicalismo?

– Pois cheguei desde unha empresa de materiais de construción e despois de sufrir problemas laborais. Estaba afiliada á INTG e a partires daí ... pois 38 anos liberada e loitando na rúa pola clase obreira.

– E por que a CIG?

– Ainda que tiven un achegamento á órbita do PCE, a miña ideoloxía sempre estivo vencellada co nacionalismo e, na época na que eu comecei no sindicalismo, a INTG era o único sindicato que había nesa loita e na de clase.

A miña ideoloxía sempre estivo vencellada co nacionalismo e, na época na que eu comecei no sindicalismo, a INTG era o único sindicato"

Rosa Abuín - Sindicalista CIG

decoration

– Non debeu resultar sinxelo, nos anos 80, sendo muller e sindicalista sentarse a moitas negociacións.

– Non o foi non, estamos a falar dunha época na que imperaban as actitudes machistas. Eu non falaría de sacrificio, pero si de que tiven que facer máis esforzo para conseguir ser respectada nun mundo laboral e empresarial no que imperaban as leis do patriarcado. Estiven na Federación de Mar, Transporte e alimentación e adiqueime ao tema da conserva e, naquela época, foi moi duro traballar coas mulleres paa que se recoñecese o seu traballo.A sociedade entendía que ese traballo non merecía ser posto en valor, máis alá de ser un complemento para a economía familiar.

– Cambiou algo nesas tres décadas ou segue existindo ese machismo do que fala?

– Cambios houbo, pero o machismo nos centros de traballo segue aí. Quizais todos estes anos conseguimos que mudasen as formas e as palabras pero o machismo continúa instalado en moitos ámbitos laborais e os exemplos diso e que seguimos mantendo un bo feixe de reivindicacións que se facían daquela e que, cada vez, hai máis denuncias por acoso nas empresas.

– Cal sería a transformación máis evidente que houbo nestes 38 anos?

– Agora hai moito máis diálogo, hai unha negociación que pode ser máis ou menos complicada ou dura, pero a patronal entende que debe sentarse cos sindicatos, que temos unha función moi importante dentro das empresas. Antes non nos deixaban entrar nin a falar con eles e moito menos cos traballadores. Tiñamos que facer as reunións fóra das empresas, nos bares. Afortunadamente, iso mudo bastante. O que non cambiou tanto é o tema laboral, dereitos que conseguimos estanse perdendo, dereitos que custara moito acadar.

– Cales serían eses dereitos?

– En cada reforma laboral, sexa do PP ou do PSOE, podes facer unha lista moi ampla: diminuir a indemnización de despido, quitar salarios de tramitación, descolgues dos convenios colectivos, reformas das pensións... O sindicalismo ten que ir pola vía de volver a recuperalos. Tamén se está tendendo a unha recentralización da negociación colectiva, cando sindicatos como a CIG entendemos que debe existir un marco galego de relacións laborais para defender os dereitos da clase traballadora galega.

– Que nos levou a perder eses dereitos?

– As políticas que os sucesivos gobernos fixeron a nivel laboral. Quizais tamén que os traballadores nos deixamos ir e que se nota moita máis pasividade á hora de loitar, cos traballadores moito máis apáticos que cando eu empecei, seguramente polas decepcións que a política deixou na clase traballadora.

– Desas críticas non se libran os sindicatos.

–Eu tiven sorte de estar na CIG, que seguimos ocupando a rúa e sendo reivindicativos na defensa dos dereitos dos traballadores, pero outros sindicatos a nivel estatal institucionalizáronse moito e déronlle as costas á rúa. Tamén hai un factor moi importante que é que á dereita interésalle criminalizar e desprestixiar o sindicalismo para desactivar unha sociedade combativa. É daí de onde veñen comentarios como “son todos iguais”.

– Cando comezou a traballar non había nin ordenadores, ...

–Tiñamos que facer todo nunha vella máquina de escribir. Cando chegaron os ordenadores tiven que facer dous cursos de actualizaicón., cando íamos á Inspección de Traballo, en Vigo íamos en tren A verdade é que as cousas mudaron moito a nivel infraestruturas, para mellor.

“Gustoume ser concelleira porque impulsei proxectos que transformaron a miña cidade, pero non son política”

Rosa Abuín - Sindicalista CIG

decoration

– Nestes 38 anos quedoulle algunha espiña pendente?

– De cambiar algo de todo o que pasou, cambiaría o ocorrido con Alfageme. Eran tres empresas con fábricas no Grove, Cambados e Vilagarcía e poderían estar funcionando hoxe perfectamente. Fíxate que falamos de algo que ocorreu hai 15 anos, pero estou convencida de que, se o Igape e a Xunta tivesen actuado doutra maneira, esas tres fábricas estarían abertas, creando traballo nunha comarca cun índice de paro moi alto. Había un comprador e estaba todo feito para que se quedase coa empresa no concurso, pero a mala xestión da administración provocou que non se acabasen salvando e que pechasen.

– E unha victoria?

– Desas penso que houbo moitas en diferentes sectores, porque sempre estivemos na rúa e cos traballadores e iso levounos a conquerir reivindicaicóns que semellaban utópicas cando as comezamos. Por falar dalgunha recente, que inda tivo certo balbordo mediático, a sinatura do convenio da conserva. Negociouse ben e acadamos un convenio que mantén poder adquisitivo e axústase a tasa salarial ao IPC. Tamén se conseguiu empezar a traballar na eliminación da fenda salarial entre homes e mulleres. Conseguiuse a cláusula de revisión salarial que, no pacto social entre sindicatos e patronal co Goberno fálase de eliminalo.

– Ademáis de sindicalista tamén acabou sendo concelleira.

– Durante catro anos, pero sentinme moito mellor na miña faceta de sindicalista. Que conste que moitos proxectos que impulsei como a reforma da praza de abastos, Vaibike, Chill Out ou a ordenanza de terrazas, que resultou complicado levala a cabo, foron innovadores para este Concello e aínda perduran. Gustáronme eses catro anos por poder sacar proxectos que axudaron a transformar a miña cidade, pero a min a vida política non me gusta. De feito, só estiven catro anos e non volvín a intentalo.

“Este 1 de Maio vivino con moito menos estrés”


– Despois de 38 anos de reivindicacións, o pasado 1 de Maio debeu ser unha xornada un tanto estrana para vostede.

– Non te creas, vivino practicamente igual, coa diferencia de que non fun detrás da pancarta e libreime de carretar os megáfonos nin as bandeiras nin nada polo estilo. É unha forma máis cómoda de vivilo, pero estiven reivindicando todos os conflitos que hai na rúa, pero con moita máis tranquilidade, sen estrés nin preocupacións.

– Vexo que a vea sindicalista non desaparece con facilidade.

– Pois non, segue moi viva. Estar deixando a actividade directa non significa que non se apoie aos compañeiros nas loitas que sexan necesarios, pero sempre desde a solidariedade, non desde a responsabilidade. Deixei moitos amigos e compañeiros no sindicato e, ainda que estea retirada, non vou pechar a porta se algún me ven pedir consello ou necesita unha axuda, e máis nalgo como é a defensa dois dereitos dos traballadores.

– Como se levou co empresariado estes 38 anos?

– Buf. Ao principio moi mal. Date conta que cando ía por alí xa poñían caras e dicían “xa está aí a da INTG”. Ao principio custou moito traballo facerlle ver ao empresariado a necesidade de contra cun comité na empresa, que era algo que a beneficiaba en moitos ámbitos, especialmente á hora de resolver conflitos. Ao final, creo que un bo número deles, pese a discusións eternas e moitos cabreos, acabaron por ver en min a unha persoa dura nas reivindicación, pero capaz de dialogar e chegar a acordos. De todas formas, non deixan de ser empresarios, evidentemente, e eu non deixaba de ser sindicalista. Defendemos intereses que unhas veces poden coincidir, pero que na maioría das ocasións son contrapostos.

Compartir el artículo

stats