Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cales son os nomes dos lugares da Arousa?

Os alumnos do IES tratan de recoller os microtopónimos para que non desaparezan

Piorno no barrio de Pedracerrada, un dos máis antigos da Illa.

Un lugar de tan só sete kilómetros cadrados como é A Illa posúe unha enorme riqueza toponímica. Non é un feito alleo a outros puntos de Galicia, onde cada pedra, cada souto ou cada pequena elevación teñen un nome específico para designalos, pero na Arousa é aínda máis concentrado polo minifundismo existente e porque os cons son un elemento moi significativo para a navegación. Toda esa riqueza de microtopónimos corre o risco de acabar desaparecendo por falta de uso nas novas xeracións.

Ese foi un dos motivos que levou ao IES da Illa a pór en marcha unha actividade de recollida de toponimia, en colaboración co proxecto Galicia Nomeada, que se está a desenvolver con alumnos de terceiro e cuarto da ESO para evitar que se perdan todos esos nomes.

A actividade incluíu unha charla informativa a cargo de Vicente Feijoo, coordinador do Proxecto Galicia Nomeada, pero tamén inclúe a realización de roteiros pola Arousa co alumnado para explicar o significado dos nomes que reciben estos lugares. Para iso, o Equipo de Normalización Lingüística do IES e o departamento de Lingua Galega válense dunha profesora da Arousa, boa coñecedora de todo o entorno que, onte pola mañá, levou á primeira remesa de rapaces a coñecer o seu propio pobo.

A gran maioría sorprendeuse de nomes, sobre todo de cons, que descoñecía por completo. Fe Souto, unha das mestras responsables desta iniciativa, recoñecía onte que a toponímia, tanto na Arousa como na maior parte de Galicia “é memoria das persoas maiores que non se está transmitindo ás novas xeracións e que corre un serio risco de perderse”. Ir descubrindo nomes como Con Retelleado, Con do Moucho, Suaviña, Viña Tinta, Abilleira e demais non só sorprendeu aos alumnos, se non que tamén os levou a preguntar polas súas orixes.

Pozo da Abilleira, próximo ao IES da Illa e onde está situada unha das primeiras paradas do roteiro.

Todos os topónimos súbense á aplicación de Galicia Nomeada, referenciándose e xeolocalizándose e os rapaces continuarán o traballo falando cos seus maiores. Durante todo este traballo, todo o referente á toponimia da Arousa dou nomesde orixes moi variados, pero si é certo que destacan familias vencelladas aos cons, a elementos relacionados á viña ou a paxaros.

Roteiro

O roteiro que fan os rapaces arranca moi preto do instituto, na zona da Abilleira, nun pozo de auga que era utilizado antigamente e que hoxe se atopa recuperado. Desde ese punto vaise a Pedracerrada, un dos barrios máis antigos da Arousa e que, a finais do século XVIII xa contaba con 135 veciños. O seguinte punto onde para o roteiro é o Portiño, unha pequena praia, convertida hoxe en paseo marítimo, onde amarraban as dornas e que estivo moi vencellada á conserva, xa que alí se conserva aínda unha cheminea.

O Regueiro é a principal praza da Arousa, terreo gañado ao mar a base de recheos e punto de encontro para eses rapaces que participan nos roteiros. Daí a seguinte parada foi o Con do Moucho, rúa cunha parte peonil e que no seu nome loce a palabra “con” que na Arousa se utiliza para designar unha pedra de considerables dimensións. De feito, é unha verba ou sufixo que aparece con demasiada frecuencia en nomes esparexidos por todo o municipio, sobre todo, nas proximidades do mar.

A Igrexa e A Torre son os dous últimos puntos de parada. Este último barrio é o asentamento máis antigo da Arousa e ten a súa orixe, probablemente, na ubicación dunha torre de vixiancia de incursións por mar, ao estilo das que existen en Catoira.

Compartir el artículo

stats