Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O cura “golfo” que seduciu a Luís Rei

Emilio Ínsua e Francisco Fernández Rei asinan “Basiliana”, un libro que recolle e completa a investigación que o estudoso estaba facendo sobre Basilio Álvarez antes de morrer

A presentación do libro, onte pola noite na Casa da Calzada. | // NOÉ PARGA

Nos derradeiros días da súa vida, Luís Rei recibiu no seu cuarto do hospital a visita de moitos amigos. Dous dos máis fieis eran os profesores Francisco Fernández Rei e Emilio Xosé Ínsua. Luís Rei era sabedor de que non lle quedaba moito tempo, e pediulle a ambos os dous que recompilasen os seus traballos sobre patrimonio marítimo; a Fernández Rei encargoulle que pilotase tecnicamente a creación do novo museo de Ramón Cabanillas; e a Ínsua encomendoulle a tarefa de editar o traballo que el empezara a concibir sobre Basilio Álvarez Rodríguez, un dos pais da loita agrararista galega, e un dos persoeiros máis fascinantes -e peor coñecidos- da Galicia do século XX.

Esta última encomenda quedou resolta onte coa presentación de “Basiliana. Materiais para unha biografía de Basilio Álvarez que ficou inconclusa”, un libro que asinan -xunto a Luís Rei, a título póstumo-, os seus dous amigos, Fernández Rei, autor do epílogo, e Emilio Ínsua, que se ocupou do inxente labor de edición, documentación, análise e anotación da investigación que Rei non puido rematar por culpa do cancro. “Basiliana” entregarase hoxe de balde xunto cunha rosa aos vinte primeiros lectores que merquen un libro en galego en cada unha das catro librarías de Cambados, con motivo do Día de Rosalía.

Por que Basilio Álvarez?

A gran obra literaria do grovense Luís Rei, finado en agosto de 2015, foi a biografía de Cabanillas. Durante as súas pescudas, que lle levaron dúas décadas, atopouse numerosas veces con Basilio Álvarez, que era a principios do século XX case unha celebridade. Sacerdote, político, director de xornais, Álvarez Rodríguez (Ourense, 1877-Estados Unidos, 1943), adicou boa parte da súa vida a reclamar melloras para os campesiños, como a eliminación dos foros ou a creación de caixas de aforros.

Luís Rei recolle un premio que lle outorgaron os libreiros de Cambados, en 2015 Noe Parga

Luís Rei chegou a el por Cabanillas, xa que o sacerdote e o poeta admirábanse mutuamente e chegaron a ser amigos, pero axiña caeu tamén rendido polo magnetismo da figura do cura ourensán, axitador e rebelde. “Unha tarde, no hospital, Luís deunos a Xosé Ínsua e a min unha auténtica conferencia sobre os aspectos máis golfos da vida de Basilio”, rememora Francisco Fernández Rei.

Porque, máis alá da súa loita agrarista, Luís Rei puxo a lupa naqueles aspectos a miúdo ignorados pola historiografía máis académica, pero que axudan a entender mellor a esencia dos personaxes. Rei, por exemplo, estaba interesado en coñecer a historia dos dous fillos que tivera Álvarez -xamais respectou o celibato-, a súa tempestuosa co xogo, e as grandes penurias económicas que pasou no exilio.

Luís Rei escribiu unha completa cronoloxía vital e bibliográfica de Basilio Álvarez, e fixo tamén un guion do seu futuro libro, que iría dividido en 24 capítulos. Nalgúns, só lle deu tempo a anotar un título provisional, pero noutros si que os chegou a desenvolver.

Público asistente á presentación literaria Noe Parga

Ese material preséntase no libro que se reparte hoxe en Cambados completo e sen tocar. Emilio Ínsua, pola súa parte, é o autor do completo traballo de edición e análise, cunha morea de anotacións a pé de páxina que axudarán ao lector a entender o contexto histórico e as referencias esbozadas no seu borrador por Luis Rei. O outro amigo, Francisco Fernández Rei, é o autor do epílogo. A cuberta fíxoa o pintor cambadés Manuel Busto.

“Basiliana” é, xa que logo, unha biografía coral; pero tamén unha ofrenda de leal amizade.

Compartir el artículo

stats