“Saudades” é o nome co que Doen, a banda formada por cinco rapaces da comarca do Salnés, decidiu nomear o seu segundo disco, un traballo que non resultou sinxelo e que, en moitas ocasións, chegou a ser demasiado intenso. Non foi para menos, polo medio da súa preparación aconteceu toda unha pandemia que dificultou sobre maneira a súa composición. Matías Leiro (voz e guitarra), Víctor García(guitarra), David (guitarra e teclados), Borja Torrado (baixista) e Isi Baúlo (batería) conseguiron superar eses problemas para elaborar un disco moi contundente, que se pode degustar desde fai tempo a través das redes, onde decidiron lanzar canción a canción.

Case un ano despois do seu lanzamento, os cinco integrantes de Doen están moi satisfeitos co resultado e iso vaise poder apreciar o vindeiro sábado, cando se suban a un escenario ben coñecido como é o do Auditorio da Illa. Será ás 19.30 horas, un horario diferente pero que adaptado á situación COVID-19.

Da Illa é Victor García, guitarra do grupo que augura moitas sorpresas para todos os que acudan ao concerto que se vai celeberar no Auditorio. “Non só polas cancións vai merecer a pena se non tamén polo espectáculo, que nolo traballamos moitísimo”, explica. De feito, “Saudades” incluirá proxeccións durante o concerto xa que “contamos coa colaboración de tres técnicos de audio, vídeo e luces; será unha hora e cuarto de concerto no que prometemos dar un bo espectáculo”.

As entradas están tendo un bo tirón, con máis da metade do aforo vendido e todo apunta a que estará preto do cheo o Auditorio da Illa para volver a desfrutar da música dos Doen.

Catalogado dentro do xénero post-rock, onde os elementos progresivos son unha constante, “Saudades” é un traballo que significa un paso máis para unha banda e que optou para promocionarse por unha vía diferente. O seu primeiro tema “Xeo (Toundra)” lanzouse en todas as plataformas da rede, un camiño que foron seguindo os dez temas que compoñen este disco que, agora, chega aos escenarios.

Un dos grandes méritos que tivo a banda na grabación dos temas deste disco é que conseguiu que participasen destacados membros de outras bandas galegas. Víctor García agradécelle a todos eles esa colaboración “pero non me atrevo a dicir os nomes porque estou seguro que me deixaría alguén atrás, e non sería xusto”. Entre todos eses nomes brilla o de Manuel Seixas, escritor e músico recoñecido que leva anos asentado na Illa.