Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Derradeiro adeus a Loly Sáenz, unha das egrexias militantes do galeguismo en Vilagarcía

A igrexa de Santa Baia encheuse no funeral. | // IÑAKI ABELLA

Os galeguistas de Vilagarcía pecharon unha etapa histórica. Onte Dolores Sáenz, foi soterrada no cemiterio xeral de Rubiáns, na cidade na que naceu fai 99 anos, e na que fixo bandeira da súa terra, xunto a outras mulleres como Xaquina Trillo ou a mestra pontevedresa Daría González, defensoras dos ideais proclamados por Otero Pedrayo, Risco, López Cuevillas ou o propio Xocas, curmán da finada como lembrou o secretario xeral do Partido Galeguista Francisco López Franco “Chesqui”.

O cadaleito de Dolores Sáenz estivo cuberto coa bandeira galega que chegou de México. | // IÑAKI ABELLA

Loly Sáenz foi lembrada onte por todos os galeguistas de ben que acudiron ás exequias na igrexa de Santa Baia de Arealonga, nun acto con moitos mensaxes de agradecemento a unha das mulleres que máis se significou neste sentimento de país.

Así a Executiva Nacional do Partido Galeguista, nunha xuntanza telemática de urxencia, quixo honrar a súa memoria cubrindo o seu féretro coa bandeira da Agrupación Galeguista de México, que lles foi entregada por Roxelio Rodríguez para despedir aos “irmáns” máis destacados de Galicia e da diáspora. Con ela foron tamén soterrados Ramón Martínez López, presidente do Partido Galeguista; Miguel Besada, fundador da Irmandade Galega de Venezuela; Xacobe Barral, alcalde de O Grove; ou Teresa Rodríguez Castelao, irmán de Daniel, entre outros.

Dolores Sáenz, nunha reunión do Partido Galeguista nos anos oitenta do pasado século. FDV

Asimesmo chegaron mensaxes institucionais como o do director xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen expresa o seu máis profundo pesar polo pasamento de Loly Sáenz a quen definiu coma“unha galeguista de cerne que fixo coa súa presencia e contribución de Galicia un país mellor e mais culto”.

O actual presidente do PG, Manuel Suárez, definiu a Loly Sáenz como “unha muller moi elegante na súa presentación externa, pero sobre todo no seu xeito de ser e estar. Foi unha galeguista desa xeración sen complexos, na avangarda na defensa do país, esa xeración que nos precedeu de militantes que presentaron unha proposta de nación, unha nación para todos, liberada de clichés”.

A filla de Bóveda, Amalia, tamén se quixo despedir da sua amiga Loly: “O seu futuro é o noso presente, mais a súa herdanza é o futuro de todos os galeguistas do mañá”, Unhas verbas que resumen o seu legado vital.

Loli Sáenz, unha galeguista pra un país novo

(X.Manuel Suárez, presidente do Partido Galeguista)

Loli Sáenz foi unha muller moi elegante na súa presentación esterna, pero sobre todo no seu xeito de ser i estar. Foi unha galeguista desa xeración sen complexos, na avangarda na defensa do país, esa xeración que nos precedeu de militantes do Partido Galeguista que presentaron unha proposta orixinal de nación, unha nación pra todos, liberada de clichés.

Coñecina na refundación do partido, no 1978, e con ela camiñamos tempos difíciles, nos que o galeguismo se presentou cunha nova x que “Loly Seración, na que salientaba Xabier González Sotelo, que quería recuperar a visión integral de nación dos que nos precederan. O piñeirismo buscaba entón diluir o galeguismo en presenzas testemuñais en diversas organización, facéndoo así irrelevante; e ó outro lado, a esquerda nacionalista poñía toda a teima en estabelecer que “non hai salvación fóra da esquerda” e impediu que se estabelecese un nacionalismo de base ampla, superador dos coutos esquerda-dereita, como o que revivía en Euskadi co PNV ou en Cataluña, un proxeuto pra un país, non pra unha crase social.

Nesas datas Loli foi sempre unha mostra dese galeguismo con sentidiño, fondamente nacionalista e moderado nas espresións e no xeito, pero non nos obxetivos. E ademais Loli endexamais reclamou ningún carguiño polo feito de ser muller; nunca pediu ningún cupo especial porque nó-no necesitou. Estuvo na direción do partido porque tiña valía de sobra pra estar, e foi un exemplo de escelencia no labor e na adicación xenerosa.

Loli deixa un ronsel de galeguismo comprometido co Partido Galeguista e co país que se suma por dereito propio a esa ringleira de persoas que describiu Castelao naquela “Alba de Groria”. Que o seu exemplo sirva pra dotar á nosa nación da representación política de ampla base que aínda está por construír.

Compartir el artículo

stats