Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alecrín, na súa homenaxe: “As obras sáennos en galego de forma natural”

Un momento da representación teatral de Josito Porto e Víctor Mosqueira. | // IÑAKI ABELLA

Alecrín xa cumpliu a maioría de idade. Corría o ano 1999 cando dez mulleres que fixeran un curso de teatro convocado polo Concello de Ribadumia decidiron xuntarse e formar un grupo. Coa axuda municipal e do profesor Manuel Solla, meses despois estrearon “Cousa de nenos”, a primeira das máis de vinte obras que dende entón ten montado este grupo de afeccionados ás táboas.

Integrantes de Alecrín, enriba do escenario do Auditorio de Santa Baia de Ribadumia Iñaki Abella

O Concello adicoulle este ano a Alecrín a súa gala “Ribadumienses en prol do galego”, un evento que habitualmente se celebra no mes de maio, coincidindo coas Letras Galegas, e que pretende homenaxear a persoas ou colectivos que se esforzan pola difusión desta lingua. A gala non se puido celebrar este ano na primavera debido ao COVID, e tivo lugar finalmente onte no Auditorio de Santa Baia.

O presidente de Alecrín, José Manuel Lareu, toma a palabra na gala Iñaki Abella

“Para nós sempre estivo claro que tiñamos que deixar a un lado a política, o fútbol, os problemas da casa... Cando nos xuntamos somos compañeiros facendo teatro”, explica José Manuel Lareu, presidente de Alecrín.

Sobre o emprego do galego por parte do grupo, horas antes da homenaxe sinalou a preguntas de FARO que, “as obras sáennos en galego de forma natural”. “É o idioma no que nacemos, a lingua materna de todos os membros de Alecrín”.

A homenaxe tivo tamén un momento de fonda emotividade cando se lembrou a figura de Álvaro Martínez Prado, un integrante de Alecrín falecido hai só tres meses, e que foi lembrado con moito agarimo polos seus compañeiros.

Público asistente ao evento, no Auditorio de Ribadumia Iñaki Abella

A gala cumpliu así a súa cuarta edición. O acto, organizado polo Concello que dirixe o independente David Castro, comezou precisamente coa homenaxe a Alecrín. Posteriormente, subiron ao escenario os actores Josito Porto e Víctor Mosqueira, que puxeron en escea o espectáculo cómico “Cartóons”, co que fixeron rir a nenos e maiores.

Retoman o traballo

Despois de “Cousa de nenos”, o segunte fito na historia de Alecrín foi a entrada do primeiro home no grupo, Cesáreo Oubiña. A segunda montaxe, “Triste chegada”, de feito, xa foi mixta. En 2005, o grupo constitúese en asociación cultural, pero o teatro sigue sendo a súa principal razón de ser.

O grupo retoma os ensaios esta semana, para volver representar a obra na que estaba traballando cando estalou a pandemia

decoration

Na actualidade, forman parte do colectivo 17 persoas, de entre nove e 85 anos. Como lle pasou á maioría dos grupos de teatro afeccionados, a pandemia significou un duro e longo parón. Pero agora queren pasar páxina, e esta mesma semana retomarán os ensaios de “A pousada”, a obra que empezaban a representar precisamente a primeiros de 2020, cando estalou o COVID.

Compartir el artículo

stats